InicioECONOMÍAO goberno local aproba licenzas urbanísticas e novos contratos na Xunta de...

O goberno local aproba licenzas urbanísticas e novos contratos na Xunta de Goberno do luns de Entroido

O executivo deu luz verde a actuacións en vivendas, contratos de servizos municipais e ao calendario das escolas infantís para o curso 26-27

Publicado o

Xornal de Compostela

A sala de prensa do Concello de Santiago acolleu este luns de Entroido unha rolda informativa marcada tamén polo ambiente festivo. Antes de comezar a comparecencia, os concelleiros do BNG accederon ao espazo disfrazados cunha perruca de cores e unha camiseta co lema ‘I love Chichinabo’, acompañados dun cesto de grelos como complemento. Esta frase fai referencia ao apelativo que o líder da oposición, Borja Verea, ten utilizado para refererirse ás medidas do goberno local

Xa no plano institucional, a concelleira de Turismo, Míriam Louzao, deu conta dos asuntos abordados e aprobados na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local.

No eido das licenzas urbanísticas, o executivo municipal autorizou a reforma da cuberta dunha vivenda familiar na Rúa do Pico Sacro e a rehabilitación dunha vivenda unifamiliar na Rúa da Canteira de Arriba. Tamén se concedeu permiso para o cambio de uso dun local a vivenda na Praza de Nossa Senhora da Mercé, números 5 e 6.

Así mesmo, aprobáronse intervencións na fachada e nas cubertas do edificio situado no número 28 da Rúa do Pexigo de Abaixo e obras de conservación e mantemento no inmoble da Rúa da República do Salvador número 3.

A Xunta de Goberno acordou tamén autorizar a devolución de 789.321,80 euros correspondentes ás cantidades sobrantes derivadas da liquidación dos acordos vinculados ás áreas de rehabilitación integral (ARI) no marco do Plan Estatal de Vivenda 2013-2016, posteriormente prorrogado ata 2022.

Segundo explicou Louzao, máis de 629.000 euros serán reintegrados ao Ministerio de Vivenda e arredor de 160.000 á Xunta de Galicia. O Concello conta con catro ARI: a da Cidade Histórica (declarada en 1998), a do Polígono de Vista Alegre (2006), a da Ponte Pedriña (2008) e a de Vite (2016).

No desenvolvemento do plan estatal, o Concello publicou convocatorias por importe superior aos 3,9 millóns de euros destinadas á rehabilitación de edificios residenciais. Presentáronse solicitudes para 398 vivendas, concedéronse axudas por valor de 2.265.698,77 euros e xustificáronse finalmente algo máis de 1,22 millóns.

En materia de contratación, aprobouse o expediente para o servizo de lavado de vehículos da Policía Local, cun gasto máximo de 13.409,22 euros, distribuído en dúas anualidades iguais para 2026 e 2027. O procedemento será aberto simplificado.

Tamén se acordou licitar o contrato para a esterilización de gatos de colonias urbanas, cun orzamento máximo de 14.999,99 euros, igualmente mediante procedemento aberto simplificado.

No ámbito dos servizos sociais, a Xunta de Goberno adxudicou o mantemento do software de xestión integral das persoas usuarias á empresa Imatia Innovation, S.L. por un importe de 66.598,40 euros e un prazo de dous anos.

Entre as urxencias, aprobouse a licitación do servizo de operacións de desbroce, limpeza e mantemento de marxes e drenaxes de viarios, sendeiros e parcelas municipais no contorno urbano. O contrato, cun orzamento base de 70.000 euros, estará reservado a centros especiais de emprego de iniciativa social e empresas de inserción laboral.

O executivo municipal deu luz verde á prórroga por seis meses do contrato de conserxaría e limpeza en varias instalacións deportivas, subscrito con LACERA Servicios y Mantenimiento, S.A., cun gasto de 437.740,27 euros para este período.

Do mesmo xeito, prorrogouse tamén por seis meses o contrato de limpeza e desinfección de dispositivos de auga quente sanitaria e auga fría de consumo humano para o control da lexionela nas instalacións deportivas municipais, neste caso coa empresa Saniastur, S.L., por un importe de 12.100 euros.

A Xunta de Goberno aprobou solicitar á Deputación da Coruña subvencións para o funcionamento de varios centros socioculturais do ámbito rural e para o centro sociocultural do Ensanche.

No caso do programa de actividades do rural, xustifícase un gasto de 150.000 euros e solicítase unha achega de 75.000. Para o centro do Ensanche, a solicitude ascende a 140.042,13 euros sobre un gasto total superior aos 226.000 euros. A colaboración coa Deputación no rural mantense desde o ano 2000, mentres que a xestión do centro do Ensanche deriva dun acordo de cesión asinado en 2006.

CALENDARIO DAS ESCOLAS INFANTÍS MUNICIPAIS

Por último, aprobáronse os procedementos e prazos de renovación, admisión e matrícula nas escolas infantís municipais de Conxo, As Fontiñas e Meixonfrío-Algueiriños para o curso 2026-2027.

O prazo de renovación de praza e traslado do alumnado actual estará aberto entre o 2 e o 9 de marzo. As solicitudes de novo ingreso poderán presentarse a partir do 13 de marzo. A listaxe provisional de admitidos, excluídos e lista de agarda publicarase entre o 28 e o 30 de abril, mentres que a resolución definitiva farase pública entre o 18 e o 22 de maio. A tramitación poderá realizarse a través do Rexistro Xeral do Concello, tanto de maneira presencial como telemática.

ÚLTIMAS

Vueling lanza unha promoción con voos desde Santiago a partir de 23 euros ata decembro

Vueling puxo en marcha unha promoción especial vinculada ao 'Yellow Day' que inclúe voos...

O Son do Camiño reunirá máis de 125.000 persoas no Monte do Gozo desde este xoves

O Monte do Gozo ultima os preparativos para acoller unha nova edición do Son...

Santiago constitúe o Consello Local da Infancia para incorporar a voz dos nenos e nenas á política municipal

O Concello de Santiago constituíu este martes, 16 de xuño, o Consello Local da...

Ames celebra o Orgullo LGBTIQ+ cunha programación de obradoiros, música e actividades xuvenís

O Concello de Ames desenvolverá os días 26 e 27 de xuño unha programación...

Vueling lanza unha promoción con voos desde Santiago a partir de 23 euros ata decembro

Vueling puxo en marcha unha promoción especial vinculada ao 'Yellow Day' que inclúe voos...

Santiago activa un servizo municipal para asesorar sobre contratos de alugueiro residencial

O Concello de Santiago puxo en marcha este luns o novo Servizo Municipal de...

O Concello destina 3 millóns á compra de edificios baleiros na cidade histórica para crear vivenda pública en alugueiro

O Concello de Santiago destinará 3 millóns de euros á adquisición de edificios baleiros...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here