InicioSANTIAGOAMESDetida unha veciña do Milladoiro por estafar presuntamente varias persoas co alugueiro...

Detida unha veciña do Milladoiro por estafar presuntamente varias persoas co alugueiro dun piso que non podía subarrendar

A Garda Civil identificou 52 persoas que mantiveron contacto coa investigada, das que seis presentaron denuncia tras entregar cantidades de entre 440 e 1.200 euros por unha vivenda á que nunca chegaron a acceder

Publicado o

Xornal de Compostela

A Garda Civil detivo unha muller residente no Milladoiro como presunta responsable dun delito continuado de estafa relacionado co alugueiro dunha vivenda. Segundo a investigación, a sospeitosa ofrecía a terceiros o piso no que ela mesma residía, malia non contar coa autorización necesaria para facelo, e recibía pagamentos en efectivo de entre 440 e 1.200 euros que posteriormente non devolvía aos afectados.

As pescudas permitiron identificar 52 persoas que mantiveron algún tipo de contacto coa investigada, aínda que polo momento só seis formalizaron unha denuncia. A operación culminou o pasado 18 de outubro coa detención da muller nun dispositivo desenvolvido pola Garda Civil en colaboración coa Policía Local de Ames.

De acordo coa información facilitada polo Instituto Armado, a vivenda era propiedade dunha sociedade mercantil que permitira á sospeitosa ocupala exclusivamente durante os meses de verán. Esta cesión temporal non incluía a posibilidade de arrendar o inmoble a outras persoas, polo que a muller non dispoñía de ningún dereito para comercializar o seu alugueiro.

O procedemento empregado pola investigada comezaba coa publicación de anuncios nun portal inmobiliario de Internet, onde ofrecía a vivenda utilizando un nome ficticio. Para comunicarse cos posibles arrendatarios, empregaba ademais un número de teléfono rexistrado a nome dunha terceira persoa, o que dificultaba a súa identificación.

Cando alguén manifestaba interese polo inmoble, a muller organizaba unha visita presencial para mostrar as instalacións. Durante estes encontros, segundo a Garda Civil, facíase pasar por familiar da suposta propietaria e utilizaba as chaves que tiña no seu poder para acceder á vivenda, coa intención de transmitir confianza aos interesados.

Unha vez realizada a visita, solicitaba o pagamento de distintas cantidades en concepto de fianza e mensualidades anticipadas. Os importes oscilaban entre 440 e 1.200 euros e debían entregarse en metálico. Para xustificar que os futuros inquilinos non puidesen ocupar inmediatamente o piso, alegaba que era necesario acometer previamente determinadas obras de reforma.

Despois de recibir o diñeiro, a sospeitosa entregaba un recibo aos afectados e aseguráballes que o contrato de arrendamento quedaría formalizado posteriormente. Porén, a entrega das chaves e a entrada na vivenda íanse adiando mediante diferentes explicacións ata que, finalmente, interrompía toda comunicación coas persoas que realizaran os pagamentos.

A INVESTIGACIÓN INICIASE EN AGOSTO TRAS UNHA INVESTIGACIÓN DE TRÁFICO

As actuacións policiais tiveron a súa orixe no pasado mes de agosto, cando unha patrulla da Garda Civil identificou a muller por unha infracción de tráfico. Durante a intervención, os axentes comprobaron que existía un sinalamento xudicial en vigor contra ela, polo que procederon ao seu arresto.

A partir daquela actuación, os investigadores desenvolveron novas indagacións que permitiron reconstruír o funcionamento das presuntas estafas inmobiliarias e localizar persoas que contactaran coa sospeitosa interesadas no algueiro. O avance da investigación levou á organización dun operativo conxunto coa Policía Local de Ames o 18 de outubro, que rematou cunha nova detención da investigada pola súa presunta implicación nos feitos.

As dilixencias elaboradas polos axentes xa foron trasladadas ao Tribunal de Instancia competente, que deberá continuar coa tramitación xudicial do caso.

Pola súa banda, a Garda Civil mantén aberta a posibilidade de incorporar novas denuncias á investigación. Neste sentido, solicita a colaboración de calquera persoa que puidese resultar afectada por feitos semellantes durante os últimos seis meses, especialmente de quen contactase coa investigada para alugar a vivenda ou lle entregase algunha cantidade económica.

ÚLTIMAS

Traballadores de Renfe gardan cinco minutos de silencio na estación de Santiago polas vítimas do accidente de Toledo

A estación de ferrocarril de Santiago de Compostela acolleu este xoves, 29 de outubro,...

Compostela lembra a ferida de Angrois e traslada a súa solidariedade coas vítimas do accidente ferroviario de Toledo

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, trasladou este mércores a solidariedade da capital galega...

A Libraría Dixital da USC supera o millón de visitas e o seu portal de revistas alcanza os sete millóns de descargas

A Universidade de Santiago de Compostela rexistrou no que vai de 2026 máis dun millón...

O falecemento da vítima volve suspender o xuízo contra tres acusados de secuestrar un home en Santiago por unha débeda de 20 euros

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, volveu suspender...

O Pleno de Ames debaterá este xoves modificacións orzamentarias por máis de 1,75 millóns de euros

O Concello de Ames celebrará este xoves o pleno ordinario correspondente ao mes de...

A Xunta recibe 12 ofertas para construír 79 novas vivendas públicas en Ames

A Xunta de Galicia recibiu 12 ofertas de empresas interesadas en executar a construción...

Mehdi Elnabaoui e Sandra Mosquera gañan a XXV Carreira Pedestre de Ames entre máis de 1.200 inscritos

A XXV Carreira Pedestre Popular Concello de Ames celebrouse este domingo, 18 de outubro,...