InicioECONOMÍASantiago presenta en Fitur unha campaña para reforzar o turismo de congresos...

Santiago presenta en Fitur unha campaña para reforzar o turismo de congresos ao longo de todo o ano

O Concello aposta polo posicionamento MICE cunha estratexia centrada nas infraestruturas, a oferta hoteleira e os recursos culturais e naturais da cidade

Publicado o

Xornal de Compostela

A concelleira de Turismo de Santiago de Compostela, Míriam Louzao, e a directora do Palacio de Exposicións e Congresos de Galicia, Belén Montero, presentaron este venres en Fitur a nova campaña turística da cidade, orientada a impulsar o turismo MICE (Meetings, Incentives, Conferences, Exhibitions). A iniciativa persegue incrementar a ocupación ao longo de todo o ano das máis de 5.000 prazas existentes en infraestruturas para reunións e congresos e das máis de 5.500 prazas hoteleiras dispoñibles no municipio.

Baixo o lema ‘Compostela é moito MICE’, a campaña sitúa o foco na capacidade de Santiago como espazo de intercambio de coñecemento. Durante a presentación, Louzao sinalou que a cidade conta cunha marxe de crecemento relevante neste segmento, apoiada nunha ampla rede de equipamentos especializados e nunha oferta hoteleira na que arredor de 4.700 prazas corresponden a establecementos de máis de tres estrelas. A concelleira puxo tamén en valor o labor do Santiago de Compostela Convention Bureau, ao que definiu como unha peza clave no acompañamento ás entidades organizadoras de congresos e eventos profesionais.

Pola súa banda, Belén Montero destacou as prestacións técnicas do Palacio de Exposicións e Congresos de Galicia, ao que cualificou como “o buque insignia dentro do ecosistema de espazos MICE” da cidade. O recinto conta con máis de 15.000 metros cadrados, un auditorio con capacidade para máis de 2.000 persoas, salas modulables e amplas zonas expositivas preparadas para acoller desde congresos científicos ata convencións corporativas ou eventos culturais de gran formato. A directora explicou tamén que, tras o recente investimento no equipamento, se está a desenvolver unha programación cultural estable coa finalidade de achegar o espazo á cidadanía e contribuír á desestacionalización turística.

A presentación incluíu un percorrido por outras infraestruturas relevantes para eventos de gran formato, como a Cidade da Cultura, o Recinto feiral de Amio ou o Multiusos Fontes do Sar. No ámbito universitario, mencionáronse espazos singulares da Universidade de Santiago de Compostela como o Paraninfo, o Salón Nobre do Colexio de Fonseca, a Casa de Europa ou a Facultade de Medicina. A relación completouse con equipamentos culturais como o Auditorio de Galicia e a Sede SGAE.

No relativo á oferta hoteleira, Louzao salientou establecementos emblemáticos como o Parador Hostal dos Reis Católicos, situado na praza do Obradoiro, así como hoteis instalados en antigos conventos, como o Hotel Monumento San Francisco ou o Palacio del Carmen, ademais de pequenos hoteis con encanto e grandes cadeas presentes na cidade.

A concelleira de Turismo fixo referencia tamén aos recursos naturais, patrimoniais e culturais de Compostela, lembrando a súa declaración como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, a elevada ratio de zonas verdes por habitante, a rede de sendas fluviais que rodean o cinto urbano, a oferta gastronómica e unha programación cultural activa durante todo o ano. Na parte final da súa intervención, Louzao enumerou “catro singularidades” da cidade ligadas á lenda fundacional da estrela, á presenza dos ríos Sar e Sarela, á relación histórica con figuras como Ruth Matilda Anderson ou Federico García Lorca, e á pervivencia de elementos rurais no interior do tecido urbano.

No apartado dedicado ao perfil do turismo MICE, subliñouse que se trata dun segmento que encaixa cun modelo de turismo sustentable, ao concentrar as viaxes fóra das tempadas altas e realizarse maioritariamente entre semana. Segundo datos do Spain Convention Bureau, o gasto medio diario deste tipo de visitante sitúase en 379 euros, fronte aos 137 euros do turista de ocio, cunha estadía media de 5,5 días no caso de participantes internacionais e de 3,1 días nos domésticos.

A campaña xoga coa dobre lectura do acrónimo inglés MICE e a palabra galega máis, como convite ao sector profesional a ampliar a súa visión sobre Compostela e a contactar co Convention Bureau para transformar reunións e congresos en experiencias.

A presentación institucional contou coa presenza dos concelleiros Borja Verea e José Ramón de la Fuente, do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, do vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, do director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, da xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, así como de representantes do Ministerio de Turismo e profesionais do sector.

ÚLTIMAS

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público convoca unha manifestación pola atención á diversidade

Representantes das organizacións que forman parte da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público...

O muro do antigo cemiterio de Bonaval derrúbase por acumulación de auga no terreo superior

Un treito do muro do antigo cemiterio de Bonaval, en Santiago de Compostela, veu...

A Policía Nacional instala unha carpa informativa exterior tras o incendio na comisaría

A Policía Nacional habilitará unha carpa no exterior da comisaría de Santiago de Compostela...

Augas de Galicia sanciona ao Concello de Santiago pola antiga depuradora de Sar

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, informou este venres da resolución emitida por Augas...

Augas de Galicia sanciona ao Concello de Santiago pola antiga depuradora de Sar

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, informou este venres da resolución emitida por Augas...

Santiago estuda suspender licenzas de hospedaxe en edificios residenciais para evitar a súa transformación en apartamentos turísticos

O concelleiro de Urbanismo e Vivenda de Santiago, Iago Lestegás, explicou esta mañá en...

A Deputación da Coruña licita por 1,1 millóns a compra dun inmoble para abrir nova sede en Santiago

A Deputación da Coruña sacou a licitación por 1.125.300 euros a adquisición dun inmoble...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here