InicioECONOMÍASanmartín chama a reforzar a produción local para garantir a seguranza alimentaria

Sanmartín chama a reforzar a produción local para garantir a seguranza alimentaria

A alcaldesa destacou en Santiago o papel dos concellos, da produción de proximidade e das mulleres do rural durante a presentación do Informe Anual do Eixo Atlántico no Consello Económico e Social de Galicia

Publicado o

Xornal de Compostela

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, puxo o foco na seguranza alimentaria como unha cuestión “básica e estratéxica” para a sociedade galega durante a presentación do Informe Anual do Eixo Atlántico, celebrada no Consello Económico e Social de Galicia. No acto, Sanmartín salientou a necesidade de garantir que toda a poboación teña acceso estable a alimentos suficientes, seguros, saudables e a prezos accesibles, especialmente nun contexto marcado por crises recentes e pola vulnerabilidade das cadeas globais de subministración.

Na súa intervención, a rexedora compostelá subliñou que Galicia conta cunha longa tradición agraria e mariñeira que forma parte da súa identidade económica e territorial, cun sector agroalimentario e pesqueiro de calidade e cun tecido baseado maioritariamente en pequenas e medianas explotacións. Neste sentido, lembrou tamén o peso da gastronomía como atractivo da cidade, sinalando que Santiago recibe visitantes que buscan unha experiencia vencellada a produtos de proximidade e de alta calidade.

Sanmartín advertiu de que a produción de alimentos leva aparellada unha responsabilidade crecente coa natureza e co territorio. A alcaldesa vinculou a seguranza alimentaria coa protección do solo, a xestión da auga, a biodiversidade e a loita contra o cambio climático, defendendo a necesidade de ecosistemas saudables para asegurar unha produción sustentable a medio e longo prazo. Segundo indicou, a pandemia da COVID-19 puxo de manifesto as debilidades dun modelo excesivamente globalizado, con interrupcións no abastecemento e fortes oscilacións de prezos que afectan especialmente aos fogares máis vulnerables.

A alcaldesa incidiu en que a aposta pola produción local e de proximidade non é só unha cuestión económica, senón tamén social e territorial. Ao seu xuízo, reforzar os circuítos curtos de comercialización contribúe á creación de emprego no rural, á loita contra o despoboamento, ao mantemento do territorio e á redución da pegada ambiental asociada ao transporte de alimentos a longa distancia.

Neste marco, destacou o papel dos concellos na construción da seguranza alimentaria desde o ámbito local. Entre as ferramentas municipais mencionou o apoio aos mercados locais e ás prazas de abastos, a promoción de canles directas entre produtores e persoas consumidoras, a incorporación de criterios de proximidade e calidade na compra pública —como nos comedores escolares ou nos servizos sociais—, así como programas de loita contra o desperdicio alimentario e accións de educación e sensibilización para un consumo responsable.

Sanmartín apelou tamén á coordinación das políticas públicas entre as distintas administracións, desde Europa ata o ámbito municipal, e chamou á corresponsabilidade da cidadanía nas decisións de consumo. Nesa liña, referiuse ao debate arredor do acordo comercial entre a Unión Europea e Mercosur, apuntando ás preocupacións existentes polo seu posible impacto sobre o medio rural galego e portugués, así como sobre a calidade e a sustentabilidade dos produtos alimentarios.

Como reflexión final, a alcaldesa quixo poñer en valor o papel das mulleres no sector agroalimentario e na vida rural, ás que definiu como un piar fundamental historicamente pouco recoñecido. Defendeu a necesidade de avanzar en igualdade, liderado feminino e relevo xeracional para garantir o futuro do rural e a continuidade da produción alimentaria.

A presentación do informe contou coa participación dos seus autores, Arlindo Cunha e Fernando González Laxe, aos que Sanmartín agradeceu o traballo realizado, así como ao Eixo Atlántico, impulsor dun documento que analiza os retos actuais do abastecemento e da seguranza alimentaria no contexto galego e do norte de Portugal.

ÚLTIMAS

Publicada no BOE a declaración de Santiago como zona de vivenda tensionada, que entra en vigor o xoves

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou a declaración de zona de mercado residencial...

Comeza unha nova etapa de mobilidade en Compostela: ábrese o prazo para adxudicar 29 novas licenzas de taxi

A Xunta de Goberno do Concello de Santiago aprobou este luns as bases reguladoras...

‘A Santa’ de Asorey regresará a Galicia cen anos despois da súa creación

A Xunta de Galicia trasladará desde Uruguai a escultura 'A Santa', unha das obras...

Luz verde a máis de 1 millón de euros para actuacións en concellos do Camiño Francés

O Goberno galego aprobou este luns un acordo que autoriza a firma dun novo...

A USC lanza un plan para aliviar a presión da vivenda universitaria en Santiago e Lugo

A Universidade de Santiago de Compostela presentou este venres o seu novo Plan Social...

Dúas gasolineiras en Santiago entre as máis baratas na AP-9 en período vacacional xunto a outra de Ferrol

A Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) realizou un estudo sobre as gasolineiras máis...

Persoal do transporte de mercadorías reclama un “convenio provincial digno” en Santiago

Persoal do transporte de mercadorías por estrada, convocado polos sindicatos CCOO, CIG e UGT,...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here