InicioECONOMÍAA cidade histórica perde comercio de barrio mentres medra o negocio turístico:...

A cidade histórica perde comercio de barrio mentres medra o negocio turístico: os datos que explican a nova regulación en Santiago

Unha de cada dúas tendas do centro antigo é turística e só o 10% ofrece produtos de alimentación: o Concello prohibe novos negocios automáticos e souvenirs

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

A nova normativa urbanística aprobada inicialmente polo Concello de Santiago chega nun momento crítico para o equilibrio social e comercial da cidade histórica. Os datos recollidos no traballo de campo do Servizo de Planeamento e Xestión Urbanística e incorporados á modificación do Plan Especial (PE-1) debuxan unha realidade preocupante: o comercio de proximidade leva décadas en retroceso, mentres os establecementos orientados ao turismo colonizan as rúas do casco vello.

A decisión de prohibir a apertura de novos negocios automáticos e tendas de souvenirs ou produtos típicos en boa parte do centro antigo pretende frear esta dinámica, considerada por Urbanismo como unha “especialización funcional” do comercio que ameaza a vida veciñal. Os datos avalan esta visión.

A POBOACIÓN AUMENTA… PERO CON MATICES

O primeiro dato que sorprende é demográfico. Segundo o Padrón Municipal, a poboación da cidade histórica medrou un 26% entre 1996 e 2025, pasando de 8.494 a 10.708 residentes. Esta cifra parece contradicir a percepción común de despoboamento, pero o concelleiro Iago Lestegás matiza que o crecemento se concentra en zonas específicas, mentres outras rúas clave perderon ata a metade da súa poboación, especialmente nas máis turistificadas.

Por exemplo, a rúa da Caldeirería perdeu máis do 50% dos seus residentes, a rúa do Cardenal Payá un 41%, e a rúa da Conga un 40%. A única excepción notable é a rúa do Franco, cun incremento superior ao 40%.

UNHA OFERTA COMERCIAL DESEQUILIBRADA

O mapa dos usos comerciais nos baixos dos edificios amosa unha cidade histórica dominada por negocios orientados a quen visita, non a quen vive. Segundo o informe técnico, só un 10% das tendas ofrece produtos alimentarios, mentres que os establecementos turísticos superan con creces a metade da oferta comercial no recinto intramuros.

En concreto, as tendas de souvenirs, produtos típicos, xoierías e artesanía de deseño representan o 47,5% da actividade comercial nas zonas máis turísticas. Pola contra, os ultramarinos, panaderías, carnicerías, peixerías ou tendas de alimentación especializadas están en claro retroceso. Ademais, hai zonas enteiras sen apenas tendas de alimentación, fóra da Praza de Abastos, que se mantén como único punto central de provisión.

COMPARATIVA: O QUE HABÍA EN 1990 E O QUE QUEDA

A evolución dos datos nos últimos trinta anos evidencia a transformación radical do comercio local. En 1990, a cidade histórica contaba con 125 tendas de alimentación; en 2024, só quedan 35. As ferraxerías desapareceron por completo (de 12 a 0), as librarías pasaron de 28 a 10, e as tendas de roupa e enxoval reduciron máis da metade.

A esta desaparición acompáñase un boom de negocios turísticos. Hoxe hai 92 tendas de souvenirs convencionais concentradas no recinto intramuros, ademais doutras moitas de produtos típicos e de deseño.

MEDIDAS: PROHIBICIÓN E REACTIVACIÓN

A resposta do Concello céntrase na nova regulación de usos aprobada o pasado 16 de xuño. Entre as principais medidas, destacan:

  • Prohibición de novos negocios automatizados: lavanderías autoservizo, máquinas expendedoras 24h, caixeiros sen banco, consignas, etc.

  • Prohibición de tendas de souvenirs e produtos típicos nos espazos máis afectados pola turistificación (intramuros, San Pedro, As Hortas, etc.).

  • Obrigatoriedade de que os comercios turísticos que queiran abrir nunha tenda de alimentación ofrezan tamén produtos básicos para residentes (por exemplo, vender tartas de Santiago, pero tamén patacas e leite).

  • Recuperación das axudas á rehabilitación de comercios históricos e emblemáticos, en colaboración co Consorcio de Santiago.

A nova normativa tamén reordena a vivenda en planta baixa, limita usos de ocio nocturno e permite a división de vivendas grandes para adaptarse a fogares pequenos, respondendo así ao cambio demográfico que apunta a que o 59% dos fogares galegos serán unipersoais ou de dúas persoas en 2034.

UN MODELO DE CIDADE EN DISPUTA

A cidade histórica de Santiago enfróntase a un dilema xa presente noutras cidades patrimonio do Estado: como conservar a identidade e habitabilidade dun espazo monumental sen expulsar á súa veciñanza?. Os datos amosan que a turistificación non é só unha sensación, senón unha realidade que se pode medir: máis souvenirs, menos ultramarinos; máis visitantes, menos residentes.

Con esta nova regulación, o Concello de Santiago aposta por un modelo que priorice a función residencial e o comercio de barrio, no que a actividade turística se integre sen monopolizar. A cidade, como o seu plan urbanístico, está en revisión. E os números non deixan lugar a dúbidas: ou se intervén agora, ou o centro corre o risco de deixar de ser cidade para ser só postal.

ÚLTIMAS

Multitudinario recoñecemento a Álvaro García Ortiz na casa das máquinas

A Casa das Máquinas acolleu este xoves un multitudinal acto de recoñecemento a Álvaro...

A CEP denuncia o abandono da comisaría de Santiago tras máis de dous meses do incendio

A Confederación Española de Policía (CEP) denunciou publicamente o que considera unha situación de...

O concerto de El Último de la Fila trasládase a Santiago tras o veto ao uso de Riazor

O concerto do grupo 'El Último de la Fila' previsto inicialmente para o 13...

A Xunta prevé investir máis de 50 millóns de euros en Mallou para impulsar un novo barrio en Santiago

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas presentou o proxecto de desenvolvemento do...

A Xunta prevé investir máis de 50 millóns de euros en Mallou para impulsar un novo barrio en Santiago

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas presentou o proxecto de desenvolvemento do...

Santiago impulsa un programa para crear experiencias turísticas e diversificar a oferta máis alá do casco histórico

O Concello de Santiago presentou un novo programa de creación de produtos turísticos co...

O PSdeG reclama negociación para decidir o destino de máis de cinco millóns procedentes da venda de parcelas municipais en Santiago

O Grupo Municipal Socialista no Concello de Santiago instou ao goberno local a abrir...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here