InicioSOCIEDADEO turismo que enche Santiago non vén do Camiño: o 77 %...

O turismo que enche Santiago non vén do Camiño: o 77 % dos visitantes non son peregrinos

Un estudo da Rede Galabra revela que os turistas perciben o casco vello como un “espazo deshabitado” e que máis da metade da poboación compostelá preferiría outro modelo turístico

Publicado o

Xornal de Compostela

O 77 % dos turistas que visitan Santiago non son peregrinos, fan un gasto medio de 25 euros ao día —lixeiramente por riba do dos residentes— e perciben o casco vello da cidade non como un barrio de verdade, senón como un “espazo deshabitado”. Estas son as conclusións dun estudo da Rede Galabra de Estudos na Cultura, na que participa profesorado da USC, que acaba de presentar os resultados dunha investigación que analizou a poboación local, o comercio e as persoas visitantes de Compostela para coñecer en detalle a súa interacción.

A primeira cuestión que desmente o informe é que “o turismo que enche as rúas de Santiago proveña do Camiño”. De feito, nas enquisas realizadas entre 2022 e 2023 recóllese que máis do 77 % non son peregrinos, fronte ao 22,7 % que si o son. En canto á súa experiencia na cidade, a enquisa revela que descobren “unha cidade humana e acolledora”, valorando a súa escala e a vida máis alá das grandes pedras monumentais. Con todo, a Catedral e o seu contorno monopolizan a maior parte do turismo.

Porén, os visitantes non consideran maioritariamente o casco vello como un barrio de verdade, senón como un “espazo deshabitado”. Disto deriva unha correlación clara no informe: “Se o turismo expulsa o veciño, o turismo percibe un barrio fantasma”. No que respecta ao seu vínculo co comercio local, a análise evidencia que o turista “consume e mira escaparates, pero faino mentres deambula; non é o seu obxectivo previo”.

COMERCIANTES E POBOACIÓN LOCAL

Nas enquisas recóllese unha “sensación xeneralizada” de que o casco histórico sobrevive “grazas ao turismo”. De feito, máis da metade dos comerciantes sinalan que o visitante gasta máis diñeiro que as persoas locais. Con todo, os datos indican que o 58,5 % dos comercios viven do consumidor local. A única diferenza radica no volume de gasto: unha media de 25 euros diarios por parte dos turistas, fronte aos 20 euros diarios dos locais. Por outra banda, algo máis do 51 % da poboación compostelá preferiría outro modelo turístico. Finalmente, existe un “enorme consenso local” en que o casco vello non debería destinarse só ao turismo.

ÚLTIMAS

A USC lanza un plan para aliviar a presión da vivenda universitaria en Santiago e Lugo

A Universidade de Santiago de Compostela presentou este venres o seu novo Plan Social...

800 usuarios afectados por cortes de luz en Santiago e Ames

Uns 800 usuarios víronse afectados esta mañá de venres por cortes da luz debido...

Desarticulado en Santiago un clan familiar que vendía droga nunha vivenda blindada con reixas e unha xanela para entregar doses

A redada antidroga levada a cabo pola Policía Nacional o pasado 15 de xullo...

Dúas gasolineiras en Santiago entre as máis baratas na AP-9 en período vacacional xunto a outra de Ferrol

A Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) realizou un estudo sobre as gasolineiras máis...

Dúas gasolineiras en Santiago entre as máis baratas na AP-9 en período vacacional xunto a outra de Ferrol

A Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) realizou un estudo sobre as gasolineiras máis...

Persoal do transporte de mercadorías reclama un “convenio provincial digno” en Santiago

Persoal do transporte de mercadorías por estrada, convocado polos sindicatos CCOO, CIG e UGT,...

Crujeiras aposta por unha alianza estratéxica co empresariado para o impulso de Galicia

A reitora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Rosa Crujeiras, fixo un chamamento...