InicioCULTURAAcouga, actuación desta noite no SiSons Festival: “Queremos atopar a nosa voz...

Acouga, actuación desta noite no SiSons Festival: “Queremos atopar a nosa voz propia dentro da música alternativa galega”

A banda de Pazos de Borbén actuará hoxe ás 20:30 na Sala Capitol no marco do Festival Sisons

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

A banda Acouga, nacida en Pazos de Borbén no 2022, chega hoxe a Santiago dentro da programación do festival SiSon, a pouco de presentar o o seu disco Ámbar, gravado en Cimática Studios e cunha colaboración de Grande Amore.

O grupo, formado por Carlos, Gabi, David e César, define a súa música como unha aposta por unha xeración que non acouga, que busca mudar o mundo sen renunciar ás súas raíces. Antes de pasar esta noitiña polo SiSons Festival ás 20:30 e de actuar no Riquela o próximo 21 de novembro, Xornal de Compostela conversa con eles sobre a súa traxectoria, o seu vínculo co territorio e o papel da lingua galega na escena musical actual.

 

Ver esta publicación en Instagram

 

Una publicación compartida de Acouga 🌿 (@somos_acouga)

Vós nacestes en Pazos de Borbén. Que papel xoga para vós comezar neste lugar?

Pazos de Borbén era o sitio no que tiña que nacer Acouga, porque é de onde somos nós, onde nos criamos, nos coñecemos e facemos vida. É o noso local, o noso concello. Non tiña sentido nacer noutro sitio.

Sempre nos sentimos moi vinculados a el, temos un orgullo local bastante arraigado. Carlos, David e máis eu somos de Pazos, e aínda que Luís, o baixista, vén de Marín, ao final a identidade do grupo nace aquí. É un concello rural, que aínda ten moito por desenvolverse, e queremos poñelo en valor tamén dende a cultura. Parécenos importante que existan grupos que nacen e medran dende o rural.

Reivindicades moito esa orixe. E por que o nome ‘Acouga’?

Queríamos un nome curto, con pegada, directo, e que fose claramente galego. Acouga pareceunos perfecto porque tiña esa sonoridade e tamén un punto irónico: fala de calma e sosego, pero nós facemos unha música moi enérxica. É unha palabra bonita e con carácter. Algúns pensaban que viña dun EP de Machina, que ten mesmo nome. É unha das nosas bandas de referencia, pero non: o nome saíu de nós, por pura intuición. Gustábanos como soaba e como nos definía.

En tres anos conseguistes moita presenza en escenarios galegos. Como valorades o camiño percorrido dende o 2022?

A verdade é que foi unha pasada. Ás veces, cando vas vivindo o presente, non valoras o que logras, pero botando a vista atrás decatámonos de todo o conseguido. Tocamos con bandas que admiramos e estivemos dúas veces na Capitol, que para nós é unha referencia. Conseguimos conectar con moitísima xente, dentro e fóra de Galicia. Para un proxecto que naceu entre tres amigos de Pazos, é un orgullo enorme.

E agora que ides presentar Ámbar, que expectativas tedes de cara ao futuro?

Queremos seguir medrando, tocando máis en directo, gravando novas cancións e atopando o noso propio son. Gustaríanos chegar a máis xente e consolidar unha voz propia dentro da música alternativa galega, dentro do post-hardcore, pero sempre con naturalidade. O máis importante é manter o proxecto como algo serio pero distendido, entre amigos, desfrutando do que facemos. A música en galego neste xénero é case utópica, pero aí seguimos, con ilusión e realismo.

Percibides que existe unha escena consolidada de post-hardcore en Galicia?

Non, a verdade é que non. Hai bandas boísimas, pero non unha escena profesionalizada. En Galicia non hai xente que viva do metal ou do hardcore ao cen por cen. É un xénero minoritario e custa moito atopar espazos, aínda que cada vez hai máis público interesado e máis propostas novas.

Precisamente, o público novo parece estar máis atento á música en galego. Como o vedes?

Agora mesmo hai un agromar de público brutal. Está de moda facer música en galego, e iso é moi positivo. Grupos como The Rapants, De Ninghures ou Fillas de Cassandra están enchendo salas e festivais, e iso normaliza o consumo de música na nosa lingua. O mellor de todo é que non é só xente que fala galego: hai moita xente que o sente como algo propio e que o valora. Para nós, ese é o maior éxito posible.

Por que credes que medra a música en galego mentres o número de falantes diminúe?

Cremos que a xente nova está buscando experiencias máis próximas, máis auténticas. Nun mundo tan globalizado, a música en galego dálle ás persoas unha sensación de pertenza, algo emocional. É como o regreso ao analóxico: queres algo que poidas tocar, algo que sexa teu. A música feita aquí, na túa lingua, conecta máis. Non é só unha cuestión lingüística: é unha cuestión de identidade e de emoción compartida.

Falando de estilo, o voso son combina hardcore, rock, pop e metal. É algo planificado ou intuitivo?

Ao principio facíamos o que nos apetecía en cada momento, sen pensar demasiado. Agora si que buscamos darlle máis coherencia ao conxunto, definir mellor o noso son. Pero seguimos sendo un grupo que se move por intuición. As influencias chegan sen decatarte: escoitas algo, tócalo, e queda dentro. Non temos unha banda modelo, pero si moitas referencias que nos inspiran.

Participades agora no SiSons Festival, compartindo cartel con Bala. Que supón para vós?

É unha oportunidade moi especial. É un festival que aposta pola diversidade musical e polos proxectos novos, e estamos moi agradecidos por formar parte do cartel. Compartir escenario con Bala, unha banda recoñecida en todo o mundo, é un orgullo enorme. Ademais, tocar en espazos como a Capitol é un luxo para grupos que non sempre temos fácil acceder a eses escenarios.

E que pode agardar o público do voso concerto de hoxe en Compostela?

Vai ser un concerto moi especial, o primeiro coa incorporación do noso novo baixista. Queremos ofrecer un directo máis fiado, con máis sentido e unha posta en escena coidada. Vai ser o inicio dunha nova etapa para nós: con moita enerxía, movemento e ganas de pasalo ben. Quen xa nos viu en directo notará cambios, porque non imos repetir o de sempre: é algo novo.

E para quen queira repetir, haberá máis ocasións de vervos en Compostela?

Si, volvemos o 21 de novembro ao Riquela, onde faremos un concerto longo, dunha hora e pico, con colaboracións e algunhas sorpresas. Vai ser unha noite especial e, sobre todo, unha maneira de seguir compartindo con quen nos acompaña desde o principio. Ao final, iso é o que nos move: conectar coa xente e seguir gozando do camiño.”

ÚLTIMAS

Santiago celebra o primeiro salón galego do videoxogo con máis de cincuenta proxectos e récord de participación

O Palacio de Congresos de Santiago acolleu esta fin de semana o Píxel á...

O Compos deixa escapar a vitoria en Vilalba cun penalti no tempo engadido

A SD Compostela non puido sumar unha nova vitoria no seu desprazamento a Vilalba,...

A veciñanza de San Lourenzo denuncia que tras a apertura da Sala Malatesta regresaron “os problemas de sempre”

A reapertura da Sala Malatesta, na rúa de San Lourenzo, volveu espertar o malestar...

Borja Verea acusa o goberno de Goretti Sanmartín de “neglixencia” e de poñer “en risco a vida dos santiagueses”

O portavoz do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, lanzou unha dura crítica contra...

Santiago celebra o primeiro salón galego do videoxogo con máis de cincuenta proxectos e récord de participación

O Palacio de Congresos de Santiago acolleu esta fin de semana o Píxel á...

Dimite Lois Ladra como director do Museo do Pobo Galego

O ata o de agora director do Museo do Pobo Galego, Lois Ladra, presentou...

O Consorcio reedita ‘Historias do Carril-Cornes’ con motivo do centenario da anexión de Conxo

O Consorcio de Santiago presentou este xoves 6 de novembro na Casa das Asociacións...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here