InicioCULTURAA VIII Mostra de Teatro dos Centros Socioculturais levará ao Teatro Principal...

A VIII Mostra de Teatro dos Centros Socioculturais levará ao Teatro Principal o traballo anual dos grupos afeccionados de Compostela

A programación celebrarase entre o 8 e o 13 de xuño con funcións de entrada libre e rematará cun laboratorio de improvisación e unha gala de clausura conducida por Antón Coucheiro

Publicado o

Xornal de Compostela

O Teatro Principal acollerá entre os días 8 e 13 de xuño a VIII Mostra de Teatro dos Censtros Socioculturais de Santiago, unha cita que permitirá coñecer o traballo desenvolvido durante todo o ano polos grupos de teatro afeccionado da rede municipal. A programación foi presentada polo concelleiro Xan Duro e polo coordinador da mostra, Artur Trillo, que destacaron o crecemento progresivo da participación e o papel desta iniciativa como espazo de encontro entre persoas de distintos barrios e parroquias.

Duro subliñou que a mostra chega á súa oitava edición como unha oportunidade para visibilizar o labor dos grupos vinculados aos centros socioculturais e para achegar ao público o talento que existe no municipio. O concelleiro sinalou que esta actividade ten tamén unha dimensión motivadora para as persoas participantes, tanto crianzas como adultas, xa que lles permite actuar nun escenario como o do Teatro Principal.

“Subirse a un escenario como o do Teatro Principal non é calquera cousa”, indicou Xan Duro, que tamén puxo en valor a posibilidade de que os grupos presenten ante a cidadanía o resultado dun proceso de traballo continuado. O edil lembrou ademais a tradición do teatro amador en Compostela, ligada á figura de Agustín Magán, e defendeu que os centros socioculturais constitúen un espazo axeitado para darlle continuidade.

A mostra manterá unha estrutura semellante á de edicións anteriores, con funcións dobres en varias xornadas, habitualmente ás 19:00 ou ás 20:00, en función das características de cada proposta. Segundo explicou Artur Trillo, nalgúns casos cada sesión incluirá unha única obra e noutras agruparanse varias pezas breves, dependendo da duración dos textos e do traballo realizado en cada centro.

Unha das novidades desta edición será a incorporación do Centro Sociocultural de Amio, que se suma á programación xunto a outros grupos xa presentes en anos anteriores. Trillo destacou que a participación medra pouco a pouco e que a mostra busca manter o seu carácter afeccionado, cun programa no que haberá comedias, dramas e propostas de diferente formato.

O coordinador fixo fincapé en que, máis alá do resultado que chega ao escenario, a mostra pretende recoñecer o proceso de creación desenvolvido ao longo do curso. Moitos dos textos, explicou, nacen do propio traballo dos grupos, a partir de improvisacións, achegas das persoas participantes ou adaptacións pensadas para os elencos dispoñibles en cada centro. Outros parten de obras coñecidas ou menos coñecidas, pero sempre adaptadas ás características dos grupos.

Desde a organización sinalan que o obxectivo é que as persoas participantes poidan completar o curso cunha representación aberta ao público e que tanto elas como os espectadores desfruten da experiencia teatral. Trillo incidiu tamén na importancia de que a mostra funcione como un punto de encontro entre barrios, favorecendo que persoas de centros como Fontiñas, Vite, Conxo ou A Rocha poidan coñecerse e compartir unha actividade común.

A programación rematará o sábado 13 de xuño cunha xornada especial. Pola mañá, ás 11:00, terá lugar a presentación dos grupos dos centros socioculturais de Compostela. Ese mesmo día desenvolverase un obradoiro de improvisación a cargo de Antón Coucheiro, que pola mañá se celebrará no Centro Sociocultural de Conxo e pola tarde no Teatro Principal. A actividade estará dirixida ás persoas participantes dos diferentes grupos, cun formato pechado que buscará favorecer a interacción entre integrantes de distintos centros.

Como peche da mostra, o Teatro Principal acollerá unha gala de clausura conducida tamén por Antón Coucheiro, prevista para as 20:30. Duro animou a veciñanza a achegarse ao teatro para asistir ás representacións e coñecer de primeira man o traballo dos grupos de teatro afeccionado da rede municipal.

A entrada ás funcións será libre ata completar aforo. As portas abriranse cada día quince minutos antes do inicio das sesións, agás na gala de clausura do sábado 13, na que a apertura se realizará media hora antes.

ÚLTIMAS

Rueda defende unha avaliación “rigorosa” da planta de Cacheiras ante o temor veciñal: “É unha bomba absoluta”

A directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, afirmou respectar as...

Sanmartín reivindica as novas conexións de Lavacolla e chama a abordar a seguridade “dende o rigor”

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, puxo este venres o foco no incremento de...

Xan Duro acusa o PP de trasladar unha imaxe de Santiago “fóra de lugar” e defende que a criminalidade convencional baixou un 20%

O concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais de Santiago, Xan Duro, respondeu ás...

Dúas persoas resultan feridas tras seren atropeladas por un vehículo na rúa Rosalía de Castro

Dúas persoas resultaron feridas na mañá deste venres en Santiago de Compostela tras seren...

O artista de Santa Comba Lg1do lanza por sorpresa o seu primeiro álbum, ‘Sobresaliente’, tras rematar a PAU

O artista Lg1do, con 18 anos e criado en Santa Comba, lanzou por sorpresa...

A Xunta anuncia a elaboración do primeiro Plan Director do CGAC para o período 2026-2030

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou este mércores que...

Curtocircuíto presenta tres seccións para amosar a diversidade e o talento do cinema galego contemporáneo

A vixésimo terceira edición do festival internacional de cinema Curtocircuíto reforzará a súa aposta...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here