InicioCULTURA"A nosa vida depende dun mosquetón": o circo aéreo dende dentro con...

“A nosa vida depende dun mosquetón”: o circo aéreo dende dentro con Duelirium

Máis aló do espectáculo, o circo require cálculo seguridade e unha preparación extrema pero en Galiza segue sendo un sector precario sen un Estatuto do Artista, aínda que profesionais como Raquel Oitavén ou Mercè Solé loitan para cambiar esta realidade

Publicado o

Por Míriam Ferraces Fernández

O circo en Galiza está en constante evolución, e poucas artistas representan mellor esa transformación coma Raquel Oitavén e Mercè Solé. Cofundadoras de Duelírium, levan máis de dúas décadas explorando as posibilidades do corpo no aire, combinando circo, danza e acrobacia con deseño técnico. Ademais de crear espectáculos que percorren festivais de toda Europa, tamén son activas na defensa da profesionalización do circo, na docencia e na investigación de novas formas escénicas. Nesta entrevista, afondamos no seu traballo, na súa traxectoria e nos retos que afronta o sector en Galiza.

RAQUEL OITAVÉN: ARTISTA, DOCENTE E IMPULSORA DO RECOÑECEMENTO DO CIRCO EN GALIZA

Creadora escénica, especialista en circo aéreo e docente, Raquel Oitavén é unha das figuras máis activas do panorama circense galego. Diplomada polo National Centre for Circus Arts de Londres, tamén se formou en danza e seguridade aérea en prestixiosas institucións europeas. Ademais de compaxinar a súa faceta artística entre Duelírium e outras compañías como Pistacatro ou Generating Company, fundou en Santiago a escola Pole Art by Raquel Oitavén, o primeiro centro da cidade especializado en pole dance e disciplinas aéreas. Tamén xoga un papel clave na profesionalización do sector, liderando a creación do Estatuto do Artista de Circo en Galiza dentro da APCG (Asociación Profesional de Circo de Galiza).

MERCÈ SOLÉ: A CREATIVIDADE TÉCNICA E ARTÍSTICA DO CIRCO AÉREO

Artista multidisciplinar, docente e deseñadora de dispositivos de circo aéreo, Mercè Solé tamén se licenciou no National Centre for Circus Arts e se especializou en deseño de aparellos aéreos. A súa carreira levouna a traballar con directores de renome como Rob Tannion e Petra Hofmann, así como a ensinar en escolas como Circonove e BSDanza. Cunha paixón pola fusión entre a danza e a acrobacia, Solé desenvolveu dispositivos técnicos que redefinen o movemento no aire, consolidándose como unha referencia no sector.

Espectáculo ‘Páxaros no Cabo’, de Pistacatro – Duelirium.
A ENTREVISTA
Antes de nada (e sei que é difícil) gustaríame preguntarvos… para vós, que é o circo? 

Mercè Solé: Para min, o primeiro o circo é unha arte. A arte que me axudou a desenvolver todo o que son hoxe en día e grazas a iso estou aquí. 

Raquel Oitavén: Para min o circo é emoción, é sensación, é risco… É unha arte que engloba outras moitas artes. Engloba danza, engloba o aéreo, o clown… moitísimas cousas, inclusive as “non coñecidas” e aínda o que está por descubrir. O circo sempre foi un aglutinador de artistas, de artes, de habilidades, de técnicas… Bueno, creo que agora estamos chegando ás “artes do movemento” e creo que o circo é esa primeira arte do movemento porque si que engloba moito máis que só a danza ou só o teatro -con todos os meus respectos para a arte dramática ou a danza contemporánea-, pero creo que o circo é ese primeiro impulsador das artes do movemento. 

Entón… como definiríades o voso proxecto común ‘Duelírium’? Que levades desenvolvendo dende hai bastante tempo xa, non?

M: Bueno Duelirium somos dúas rapazas que nos coñecemos en Barcelona no 2001 que empezamos a xogar xuntas, a traballar xuntas cos nosos corpos e que decidimos facer unha compañía para traballar xuntas no mundo da arte. 

R: Si, Duelirium é o espazo que xeramos Mercè Solé máis Raquel Oitavén. É o noso espazo para xogar, para transmitir moitas das cousas que vivimos e que nos acontecen. Incluso inquedanzas que temos dentro! Foi o lugar que entre as dúas atopamos para xogar e traballar.

Entón levades máis ou menos 20 e pico anos traballando xuntas xa? 

R: Si, 24 anos. Eu no 2000 marchei para Barcelona, aí comezamos a coñecernos e xa no 2001 comezamos a facer espectáculos xuntas.

Sabemos que o circo sempre foi visto coma unha modalidade artistica un pouco máis desenfadada, pero vós estudastes en escolas como o National Centre for Circus Arts en Londres. Dádeslle importancia á formación técnica no circo?

R: Si, é básica. O que pasa é que a formación en circo podemos dicir que é algo bastante novo porque antes estaba máis nas familias ou ibas traballar co artista indicado. Non había escolas como a partir dos 60-70 que foi cando comezou o Novo Circo en Europa e si comezaron a haber máis escolas; de feito hai que destacar aquí que unha das primeiras escolas a nivel Europeo -por non dicir internacional- foi o Circo dos Muchachos en Bemposta (Ourense) no ano 63. Ata aí era o que había… agora si que hai escolas e escolas superiores de circo.

A formación é importantísima. Si que se veu sempre como catro hippies que quedaban na rúa pero creo que as artes sempre empezan dende o xogo ou dende un hobbie, pero cando te queres especializar obviamente se precisan espazos. Temos escolas de circo en España pero non existen as escolas superiores de Circo e de feito o ano pasado foi o primeiro ano que comezaron as ensinanzas artísticas en Circo pero a un nivel de secundaria, non hai nada superior. Nós fixemos grao universitario en Londres pero en España aínda non existen as faculdades. Porque? Porque conleva uns medios técnicos moi fortes e agora mesmo comeza a haber artistas licenciados e formados por papel pero non fai tantos anos disto… entón tampouco hai profesores licenciados. De feito, isto é unha cousa que se estaba valorando cando se empezou a falar da Lei das Artes Escénicas no 2016 aquí en Galiza (estamos no 2025 e aínda non a temos) e é algo que se plantexaba; quen ían ser eses profesores? Porque hai moita xente artista que ten unha disciplina incrible pero que non está nin licenciado. 

E alá polo ano 2000 que nin internet había, como se vos ocorre ir a Londres a formarvos?

M: É unha das poucas escolas superiores -cando Londres era a Unión Europea- ás que podíamos acceder; podías ter axudas para poder pagala e demáis. Entón era unha vía bastante fácil. 

R: Si, si que había escolas en Italia, Francia e Alemania pero o que ten a de Londres é que é unha escola moi especializada en aéreos cun gran espazo pensado para os aéreos. Entón nós sempre tivemos claro que era a nosa. 

Xa que tirades tanto para o aire, hai que ter moi en conta o tema dos retos á hora de crear un espectáculo de danza ou de Circo vertical, cal credes que son os principais retos?

R: A loxística. Sobre todo a loxística no mundo do Circo é vital. Vital, literal. Entón iso é o máis complexo: infrastruturas, os aparellos, a investigación que é custosa… Iso penso que é o máis difícil. Os retos que nós vemos tamén é a parte psicolóxica que se esquece do circo: todo o mundo pensa “é moi físico”, que tamén pero é moi mental. O tema dos riscos e dos medos… todo iso é o que se traballa. A cabeza é a que ten que estar ben forte mentalmente.

M: Cando ti plantas a unha persoa a trinta metros de altura igual precisa uns momentos para dicir “bueno, estou aquí, este é o meu campo de visión e non teño chan”. Ti mesma o viviches nas clases cando fuches alumna de aéreos. 

R: A valentía non é a ausencia de medo; é saber que está aí e enfrontalo. Claro que temos medo e moitas veces tiras un truco e non sabes como vai finalizar pero é coma un mortal… ti non podes ir a medias: ou vas ou non vas. A medias sabes que vai ir mal. Entón ese é o Circo, e iso é o que hai que superar. Tamén despois che pega a adrenalina e engánchate porque cando tiveches que reter todo o teu medo e o conseguiches (o truco) esa satistacción é unha plenitude que poucas cousas que van a dar. Entón… é moi potente. 

Que papel xogan os dispositivos e mecanismos que deseñades no proceso creativo?

M: Son a nosa vía.

R: Son a nosa vida literalmente. Un mosquetón é a nosa vida. Tes que confiar no material, se non confías que esa corda che aguanta… non a poñas. É dicir, obviamente hai que facer chequeos do material. Os arneses, por exemplo, teñen unha ITV coma os coches: pasados uns anos tes que chequear o material, por iso é custoso. Non é “merquei un mosquetón e tiro media vida con el”… ao mellor despois de 10.000 usos non o podes volver poñer porque ao mellor non rompe pero ao mellor si e aí si que non se pode xogar. Os dispositivos son moi importantes primeiro pola seguridade e segundo para experimentación. Mèrce por exemplo deseña trapecios e aparatos e para iso hai que facer inversións en materiais custosos. 

Como é o proceso do deseño de algo así?

M: Ver un pouco primeiro a forma que lle queres dar para o que queres conseguir, para o espectáculo concreto e logo… empezar a xogar cos materiais e coa manualidade. Cortar, trenzar, coser… 

R: Nós traballamos máis cos debuxos máis que maquetación. Hai moitas compañías que traballan coa maquetación, coma os escenógrafos. Nós máis co debuxo. E despois… hai unhas contas; como Técnicas de Altura que somos, é calcular os materiais que vas usar polos pesos que vas exercer, se vai ser forza dinámica ten que ter unhas características, como ten que soldarse…

Falando de ‘Duelirium’, que buscades transmitir cas cosas creacións? hai algunha mensaxe ou emoción concreta ou é máis xenérico?

R: Si, Duelirium traballa dun xeito que transmite a nosa filosofía un tanto humanista. Traballamos dende o que lle pasa ao humano. Obviamente do que lle pasan ás mulleres porque somos dúas mulleres […]. Si que temos un espectáculo que é ‘Aviadoras’ que si fala da muller, ‘Welcome’ é unha viaxe das amigas… quero dicir, sempre hai o tema humano das relacións. Duelirium fala das relacións, do coidado, do cariño, dos non-cariños, de cando as cousas non van… e falamos diso. Creo que é o que nos sae máis orgánico.

Quizáis comezou dun xeito máis naíf e agora estamos indo máis profundo a cousas “máis cuánticas” como lle digo eu – como foi o espectáculo ‘Alma (non é hippie)’. A palabra “alma” é unha cousa moi grande e nós quixemos meternos na esencia diso. Gustanos ir dentro, dentro porque creo que dentro, dentro é donde máis conectamos con ‘todo, todo’; porque todos esos “dentros” son ao final moi parecidos. Agora si que temos ganas de flipar, de xogar porque hai dúas liñas: o Circo do entretemento e o investigativo. O investigativo quizáis non é tan interesante para o público pero para nós é fundamental. 

Para min ‘Vértigo’, que é un dos últimos é un dos que máis orgullosa estou. ‘Alma’ tamén moi orgullosa porque ademais foi un traballo con outras dúas amigas: Paula Quintas e Marta Alonso.

M: (Alma) foi unha investigación moi longa, xogamos moito xuntas.

É como un fillo, non? É imposible elixir cal é o teu favorito. 

As dúas: Si, exactamente. 

E como vedes o futuro? Xa me distes aí algunha pequena pincelada… hai algunha meta que vos gustaría alcanzar como compañía nos próximos anos?

R: Creo que nós estamos mudando, creo que hai un punto de inflexión agora en Duelírium. Primeiro porque chega outra idade entón abordase o Circo e o corpo dende outro lugar… entón é interesante chegar a ese punto. Penso que Duelírium está buscando outras cousas: xogar co Circo dende outro lugar. Estamos ainda nesas. Tamén agora paralizamos un pouco porque montamos outros proxectos. Pero o ano que vén cumprimos 25 anos xuntas e aí virán cousas! Non digo máis…

M: Esas son as vodas de prata non ou as de ouro?

R: Non sei pero casamos, nena! (risas)

Non sei se queredes falar por riba dos proxectos que tedes actualmente…

R: Agora mesmo estamos coa escola Pole Art by Raquel Oitavén (Avenida de Lugo), pero é + Duelírium, vaia. Leva marca da casa, este sí que é un dos nosos filliños. Tamén Mercè segue sendo profe na escola CircoNove (Rúa das Cancelas), estamos na APCG (Asociación de Profesionais do Circo de Galiza) e este ano tamén co CDG (Centro Dramático Galego) eu actuando e Mercè na parte da seguridade, xustamente. É o que che digo, o Circo é a unión da parte artística coa infraestrutura. Agora estamos afianzando estas cousiñas e o demais… xa se verá!

M: ‘surprise’ para os 25!

Xa estamos chegando ao final! Como vedes o estado actual do Circo en Galiza, que xa vexo que estades en diferentes proxectos con asociacións e escolas con moito peso agora mesmo no país, como vedes esta evolución?

M: Penso que estamos escalando postos co que nos deixan. Interese hai moitísimo, moitísimo e en case todas as técnicas.Si que houbo unha diferencia grande cos dous cursos de acrobacias que temos na nave despois das Olimpiadas, a Biles (Simon) deixou pegada e aquí todo o mundo quería facer acrobacias. Entón claro que si ten moita tirada. 

Vós que xa levades máis de 25 anos sendo artistas, pensades que ten máis acollida ou máis prestixio?

R: Si, claro; pero unha cousa é a situación da demanda do Circo, que creo que é alta, pero a situación do Circo e dos artistas en Galiza é outra. Un dos proxectos que levei este ano foi a de facer o Arquivo de Circo, fíxose un censo de tódolos artistas e compañías e houbo un estudo estadístico que deu que o 54,6% dos artistas están por debaixo do SMI. O circo segue moi precario e vai seguir estando ata que as institucións non o recoñezan como arte. Entón, temos que comezar por unha formación homologada e institucionalizada e despois ir a máis. Toda esa parte aínda queda por facela. Os artistas estamos traballando a nivel Nacional en rede co resto de asociacións profesionais nacionais para crear o Estatuto do Artista porque nós aínda non temos estatuto. Hai moitísimas cousas que facer polo circo para que se instale e se instaure como arte. 

A demanda é alta porque a xente comeza a ver a arte coma outra cousa. O circo comeza a estar en máis sitios que nas rúas ou nas carpas; está nos transatlánticos, en tódolos festivais de rúa que hai por toda españa, eventos… sempre está aí pero non está coñecido como tal. Se lle chama ‘teatro de rúa’. Non. Non é ‘teatro de rúa’ é ‘circo de rúa’ porque inclusive os festivais de circo chámaselles festivais de teatro de rúa. Quero que a xente vaia a eses festivais e me diga cantas compañía de teatro hai neses festivais. Non. Son compañías de circo e non se chaman como tal. Hai ainda que dar moitos pasos para que o circo se instale e o vexa como unha profesión e é unha profesión á que ademais hai que adicarlle moitísimo. A xente pensa que ser artista é que te pasas o 90% disfrutando e facendo espectáculos e o 10% descansando e non, isto é ao revés absolutamente. 

Pensades que os premios Manu Lago son un paso importante para a profesionalización do Circo en Galiza?

M: Eu penso que si. 

R: Os premios son moi importantes para visibilizar. Primeiro para recoñecer a eses artistas e visibilizalos, e para poñer a arte en valor. Non é para o público en si é xustamente para que eses artistas collan máis calidade, e dar máis calidade. As boas cousas si suman. Ademais hai outra parte, que igual é a que menos nos gusta pero é a realidade: para as subvencións. Se unha compañía está premiada ten máis puntos e se os propios cirqueiros non facemos premios, as nosas compañías non estarán premiadas porque non hai premios para elas. 

É todo un bucle.

R: Claro, é un bucle. E os premios suman, son absolutamente necesarios. 

M: Xa era hora de ter uns premios en Galiza para o circo. 

R: e ademais levan o nome de Manu Lago que é o noso compañeiro, que foi o irmán de Duelírium, que estivemos traballando moito con el entón é un orgullo que leven o seu nome. 

A gala foi preciosa, cando entrastes a presentar o premio que despois gañou a nave CircoNove colgadas do teito foi incrible. O ano que ven non a perdo. 

M: temos que facer algo guai para o ano que vén! 

R: Xa ao acabar a gala xa nos dixeron… a ver como superades isto!

Para finalizar, sabedes que este xornal está enfocado sobre todo ás novas xeracións, e non me pode faltar o consello que lle daríades a quen queira iniciarse no mundo do circo, especialmente nas artes aéreas.

M: Adiante, nunca é tarde, poñerse do revés é moi guai. Axuda para a circulación e é como volver a ser neno, xogar co teu corpo… e é unha maneira moi completa e divertida de traballar o corpo, de despertar ánimos, descargar adrenalina. 

R: Todo o que faga o corpo ten unha repercusión directa e rápida na cabeza. O circo non é só facer ximnasia senón que che pon noutros lugares. Eu o que lle diría á xente nova é: proba. Vai, porque ainda que sexa por moi pequerrechiño que sexa o impulso, que o colla. O problema é a ausencia de impulsos, iso si que é triste. Que collan e o fagan, porque lles vai dar máis do que pensan, máis que ‘os medos de merda’. Fóra tonterías, de verdade. A vida é unha e xusto cando pasa o tempo daste máis conta e parece unha cousa de vellas pero é que é así. Non perdan o tempo. Canto antes, mellor.  

ÚLTIMAS

Morre un pasaxeiro dun voo Tenerife-Notthingham que foi desviado a Santiago

Un voo que cubría a ruta Tenerife Sur-Notthingam foi desviado na tarde deste venres...

Dous feridos na colisión frontal entre dous coches e un camión nos arredores de Santiago

Dúas persoas resultaron feridas, unha delas de gravidade, na colisión frontal entre dous coches...

O PSdeG non ve a situación do PSOE santiagués como obstáculo para aprobar os orzamentos municipais

O portavoz da Executiva do PSdeG, Julio Torrado, rexeitou este venres que a situación...

A comunidade educativa galega reclama cambios na normativa lingüística no ensino

A comunidade educativa galega reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para expresar a súa...

O Ateneo de Santiago analiza os avances no alzhéimer nunha conferencia con José María Prieto

O próximo luns, 17 de febreiro, ás 19:30 horas, o Ateneo de Santiago acollerá...

La M.O.D.A. actuará en Santiago o 29 de xaneiro de 2026

O grupo burgalés A Marabillosa Orquestra do Alcol (La M.O.D.A.) anunciou a súa nova xira para...

Compostela acolle as actuacións de mozos virtuosos da música clásica

O prestixioso concurso internacional de música clásica 'Goldene Note' (A Nota de Ouro), un dos...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here