InicioOPINIÓNVerán, festivais: preguiza

OPINIÓN

Verán, festivais: preguiza

Publicado o

Por Lois E. Froiz
Lois E. Froiz
Lois E. Froiz

Nado en Compostela, é Doutor en Comunicación e leva media vida vencellado á cultura, escribindo en revistas, webs e fanzines, formando parte do xurado de festivais, programando en cineclubes, dirixindo curtas e un documental, tocando en bandas e até publicando un libro. Na actualidade traballa en organización comarcal do BNG.

Chegou o verán, e con el unha das cousas que peor lle sentan á cultura: os festivais de música. En Compostela xa tivemos o noso horror vacui particular co Son do Camiño, ese enxendro saído das mans da Xunta para poñer milleiros de euros directamente nas mans de Bring the Noise e Esmerarte. 3 días de promoción musical como unha feira, de festexo da industria, de empregar o arte como obxecto de consumo e de asunción da colonización cultural -porque sexamos sinceiras: a presenza de bandas que tivo  históricamente semellante festi, como tantos outros, amosa que somos colonia, primeiro española e despois do mundo otanista, case tanto como o amosan as probas militares de Noia-. Pero vaia, supoño que temos que dicir “viva”, porque todo sexa por unha boa foto para instagram malia ter ouvido mal e dende lonxe a xente á que o uso e abuso de escoita en redes e medios de comunicación che fixo apreciar. Iso en caso de ter acudido ao concerto e non ter estado alí de cháchara unha vez sacada a foto, porque o social está por riba do arte, supoño.

Pero non nos desviemos. Falando de quen leva os cartos do Son do Camiño, é curioso que nesta pasada finde foi o Resurrection Fest: ese festival que, como bo festival de hardcore e metal é contracultural e subversivo. Tanto que está organizado por, de novo, Bring the Noise. Porque sabemos ben que quen leva cartos directos da Xunta para promover cultura musical de industria pura é perfectamente lóxico que se encargue de ser subversivo a través da música que sempre se denominou menos comercial. Claro. Unha xente que tamén leva o Tsunami de Xixón, cidade na que igual que fan os que fan, ou máis ben desfan, en San Caetano, tamén tiveron a ben sacar fotos no local do partido de ultradereita que daquela cogobernaba. Xente moi subversiva, si. Desa que só ten por principios os cartos e a explotación do que sexa necesario. Porén, aí estará toda a metalada de instagram con fotos superchachis e rompendo moitísimo os valores morais de occidente. Porque o mellor para subvertir e ser especial é iso mesmo, sacar fotos en festivais financiados por xente que colabora coa Xunta e saca fotos con fascistas. Formar parte do sistema e beneficiar incluso a quen te tacharía de dexenerado se non se puidese aproveitar do teu conformismo.

Pero dá todo igual. En realidade chega o verán, e o que chega é o relax e seguir co postureo de sempre. A música apenas importa. Porque se importase, os concertos en sala terían moita máis xente, e a xente iría a ver as bandas, non a estar todo o anaco falando co do lado sobre temas banais. Tamén digo, non todo é horríbel. Afortunadamente segue a haber festivais nos que o que importa é a música e que non se venden, como o Kanekas en Cangas ou o Alén en Vilagarcía por irnos a dúas alternativas ao Resu onde si hai espírito subversivo, ou xa sen saír da comarca compostelá, cousas coma o WOS coa súa programación sempre achegada ao experimental e realmente soterrada, o Festigal e a súa sempre indiscutíbel posición en defensa da cultura do país ou o Psicotroita, cada ano máis fundamental e ecléctico, pero sempre co foco ben posto no musical.

Con todo, quero rematar cun reproche: mírote e sinálote a ti, persoa que paga unha entrada para estes festis porque ven alguén que che interesa e prefires velo que ter principios morais e non dar cartos a quen sabes que só se aproveita. Porque ese é o primeiro problema a superar. Pensar que dá o mesmo a quen apoies mentres desfrutes un día. O mesmo que fai quen está na Xunta e quen pacta con eles polo resto do Estado e da UE: vender os seus principios morais para sacar tallada e desfrutar un día, ou máis ben moitos.

ÚLTIMAS

A Xunta de Goberno adxudica por 1,26 millóns as obras do estadio de San Lázaro e renova a xestión das escolas infantís

A Xunta de Goberno Local de Santiago adxudicou este luns por 1.260.680,85 euros as...

Verea propón abrir os patios e instalacións deportivas de tres colexios de Santiago as fins de semana

O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, anunciou a súa proposta de...

Muíños reclama activar o Pacto Local de Seguridade ante as queixas veciñais e os problemas na Policía Local

O concelleiro non adscrito Gonzalo Muíños reclamou ao Goberno de Santiago a posta en...

Gemma Arenas bate o récord mundial W45 e logra o bronce no Mundial de 100 quilómetros de Ames

Ames converteuse este domingo nun dos principais escenarios do atletismo internacional coa celebración do...

Plan de Rescate da Sanidade Pública Galega

“As listas de agarda constitúen unha das formas máis sofisticadas de crueldade. Son producto...

Santiago de Compostela baixo risco: Marlaska ignora a súa policía

¡Increíble! Hai dous meses, un incendio inutilizou parte da comisaría de Santiago. E aínda nada...

As subvencións ao cine

O algoritmo que dirixe o mundo fixo que eu tivera que ver unha mensaxe...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here