Chegou o verán, e con el unha das cousas que peor lle sentan á cultura: os festivais de música. En Compostela xa tivemos o noso horror vacui particular co Son do Camiño, ese enxendro saído das mans da Xunta para poñer milleiros de euros directamente nas mans de Bring the Noise e Esmerarte. 3 días de promoción musical como unha feira, de festexo da industria, de empregar o arte como obxecto de consumo e de asunción da colonización cultural -porque sexamos sinceiras: a presenza de bandas que tivo históricamente semellante festi, como tantos outros, amosa que somos colonia, primeiro española e despois do mundo otanista, case tanto como o amosan as probas militares de Noia-. Pero vaia, supoño que temos que dicir “viva”, porque todo sexa por unha boa foto para instagram malia ter ouvido mal e dende lonxe a xente á que o uso e abuso de escoita en redes e medios de comunicación che fixo apreciar. Iso en caso de ter acudido ao concerto e non ter estado alí de cháchara unha vez sacada a foto, porque o social está por riba do arte, supoño.
Pero non nos desviemos. Falando de quen leva os cartos do Son do Camiño, é curioso que nesta pasada finde foi o Resurrection Fest: ese festival que, como bo festival de hardcore e metal é contracultural e subversivo. Tanto que está organizado por, de novo, Bring the Noise. Porque sabemos ben que quen leva cartos directos da Xunta para promover cultura musical de industria pura é perfectamente lóxico que se encargue de ser subversivo a través da música que sempre se denominou menos comercial. Claro. Unha xente que tamén leva o Tsunami de Xixón, cidade na que igual que fan os que fan, ou máis ben desfan, en San Caetano, tamén tiveron a ben sacar fotos no local do partido de ultradereita que daquela cogobernaba. Xente moi subversiva, si. Desa que só ten por principios os cartos e a explotación do que sexa necesario. Porén, aí estará toda a metalada de instagram con fotos superchachis e rompendo moitísimo os valores morais de occidente. Porque o mellor para subvertir e ser especial é iso mesmo, sacar fotos en festivais financiados por xente que colabora coa Xunta e saca fotos con fascistas. Formar parte do sistema e beneficiar incluso a quen te tacharía de dexenerado se non se puidese aproveitar do teu conformismo.
Pero dá todo igual. En realidade chega o verán, e o que chega é o relax e seguir co postureo de sempre. A música apenas importa. Porque se importase, os concertos en sala terían moita máis xente, e a xente iría a ver as bandas, non a estar todo o anaco falando co do lado sobre temas banais. Tamén digo, non todo é horríbel. Afortunadamente segue a haber festivais nos que o que importa é a música e que non se venden, como o Kanekas en Cangas ou o Alén en Vilagarcía por irnos a dúas alternativas ao Resu onde si hai espírito subversivo, ou xa sen saír da comarca compostelá, cousas coma o WOS coa súa programación sempre achegada ao experimental e realmente soterrada, o Festigal e a súa sempre indiscutíbel posición en defensa da cultura do país ou o Psicotroita, cada ano máis fundamental e ecléctico, pero sempre co foco ben posto no musical.
Con todo, quero rematar cun reproche: mírote e sinálote a ti, persoa que paga unha entrada para estes festis porque ven alguén que che interesa e prefires velo que ter principios morais e non dar cartos a quen sabes que só se aproveita. Porque ese é o primeiro problema a superar. Pensar que dá o mesmo a quen apoies mentres desfrutes un día. O mesmo que fai quen está na Xunta e quen pacta con eles polo resto do Estado e da UE: vender os seus principios morais para sacar tallada e desfrutar un día, ou máis ben moitos.