O ano 2025 arrancou en Compostela cunha posta en escena clara por parte do goberno municipal. A alcaldesa Goretti Sanmartín compareceu a comezos de xaneiro para debullar a folla de ruta dun exercicio que cualificou de “intenso”, cunha batería de proxectos pensados para marcar o mandato. A aprobación dos orzamentos municipais, cifrados arredor dos 144 millóns de euros, situouse desde o inicio como a peza clave para poder activar investimentos en vivenda, mobilidade, equipamentos e políticas sociais.
Ao longo do ano, algunhas destas previsións comezaron a materializarse, mentres outras quedaron encalladas ou avanzaron a un ritmo menor do esperado. No capítulo de obras urbanas, unha das actuacións que si chegou a bo porto foi a finalización da reforma da rúa do Pombal, unha intervención largamente demandada que pechou meses de traballos no acceso á zona histórica. Pola contra, outros proxectos emblemáticos anunciados para 2025 non lograron completarse.
VIVENDA E TRANSPORTE, OS GRANDES ASUNSTOS PENDENTES

Se houbo dous ámbitos que concentraron boa parte da atención cidadá ao longo de 2025 foron o acceso á vivenda e o transporte público. O Concello mantivo durante todo o ano a súa aposta por medidas estruturais, como a creación dunha empresa municipal de rehabilitación e a declaración de zona de mercado residencial tensionado. Con todo, ao peche do exercicio, esa declaración segue pendente da autorización da Xunta e a situación do mercado inmobiliario non experimentou cambios substanciais, mantendo a vivenda como unha das principais preocupacións sociais en Compostela.
No ámbito da mobilidade, o goberno local fixou como obxectivo a mellora das conexións co rural, a implantación dun servizo nocturno e a renovación da frota de autobuses. A finais de 2025, o novo contrato de transporte urbano continúa sen entrar en vigor, aínda que xa está licitado e convertido nun dos grandes anuncios de cara a 2026. Este atraso mantivo o debate político aberto durante todo o ano, cun consenso xeral sobre a necesidade de modernizar o servizo pero sen acordo pleno sobre os tempos e a xestión.
O CONFLITO DA SENDA AO MILLADOIRO

No capítulo ambiental e territorial, poucos asuntos xeraron tanta controversia como o proxecto da senda peonil e ciclista entre San Caetano e O Milladoiro. Xa nos primeiros días de xaneiro, o Concello solicitou á Xunta a modificación do trazado para evitar afeccións no bosque do Banquete de Conxo e noutras áreas patrimoniais sensibles. O goberno municipal defendeu alternativas que reducisen o impacto ambiental, mentres advertía de incompatibilidades co proxecto Ecobosque, financiado con fondos europeos.
A polémica foi medrando co paso dos meses. O PSdeG de Compostela sumouse ás críticas ao trazado autonómico e reclamou que a senda discorra por ámbitos máis urbanos, ao tempo que reprochaba a tardanza do BNG en reaccionar. En febreiro, a publicación no Diario Oficial de Galicia do inicio do proceso de expropiación de terreos confirmou que a Xunta avanzaba cos trámites, elevando a preocupación entre veciñanza e colectivos ecoloxistas.
Xa na primavera, o debate adquiriu tamén unha dimensión claramente política. O portavoz municipal do PP, Borja Verea, asegurou que retomaría e ampliaría o proxecto se chega á alcaldía en 2027, defendendo a senda como unha infraestrutura estratéxica para a mobilidade sustentable. Ao mesmo tempo, acusou o goberno local de bloquear actuacións clave e vinculou este conflito a unha visión máis ampla sobre urbanismo, vivenda e modelo de cidade. Ao remate de 2025, a senda segue sen executarse, cos fondos redirixidos e cun consenso afastado, converténdose nun dos asuntos chamados a reaparecer con forza no ano seguinte.
A FENDA NO PSOE QUE CAMBIOU A ARITMÉTICA NO PAZO DE RAXOI

Un dos episodios políticos máis relevantes do 2025 en Compostela foi a expulsión de catro edís do PSOE e a crise interna que sacudiu o grupo municipal socialista. A decisión, adoptada pola dirección federal do partido, afectou a Gonzalo Muíños, Mercedes Rosón, Mila Castro e Marta Álvarez e abriu un debate de fondo sobre a relación entre disciplina partidaria e representación democrática. O exalcalde Xosé Sánchez Bugallo cualificaba a situación de “tremenda” e alertaba da frustración dunha parte do electorado, mentres máis de 500 persoas da sociedade civil e do ámbito político e cultural asinaban unha carta pública en apoio aos concelleiros expulsados.
Dende o goberno local, a alcaldesa Goretti Sanmartín insistiía en que a crise socialista “non poñía en risco a gobernabilidade” do Concello, mentres a dirección do PSdeG defendía a necesidade de “actuar” conforme aos estatutos. O conflito acabou trasladándose ao plano institucional e xudicial: en maio, un pleno extraordinario formalizou o paso dos catro edís ao grupo de non adscritos, e pouco despois un xulgado rexeitou a adopción de medidas cautelares contra a súa expulsión. Así, o PSOE quedaba reducido a dous concelleiros e a corporación municipal entraba nun escenario político inédito, cuxas consecuencias seguen marcando a vida política compostelá.
A SEGURIDADE NA CIDADE

A seguridade cidadá converteuse nun dos asuntos centrais do inicio de 2025 tras varios roubos e o aumento da preocupación polo consumo e venda de drogas en distintos barrios. En febreiro, a alcaldesa Goretti Sanmartín e o concelleiro de Convivencia Xan Duro reuníronse con Policía Nacional, Policía Local e colectivos veciñais, especialmente de Santa Marta, para analizar a situación. As forzas de seguridade trasladaron que os niveis de delincuencia seguen sendo baixos, aínda que recoñeceron unha crecente sensación de inseguridade, e informaron de detencións e operacións contra puntos de venda de drogas.
Dende o Concello insistíuse en que Santiago é unha cidade segura, ao tempo que se asumía a inquietude da veciñanza e se adquiría o compromiso de reforzar a vixilancia se fose necesario. O goberno local apostou por unha abordaxe integral, combinando actuación policial, servizos sociais e o traballo da UMAD, fronte ás críticas dalgunhas asociacións veciñais e do PSOE, que reclamaron máis presenza policial e a convocatoria da xunta local de seguridade. Ao peche do ano, a seguridade seguía presente na axenda municipal como un equilibrio delicado entre datos obxectivos, percepción social e políticas de prevención.
O GRANDE APAGAMENTO QUE PARALIZOU A CIDADE DURANTE MÁIS DE 18 HORAS

O apagamento eléctrico masivo que afectou a toda a Península Ibérica deixou tamén a súa pegada en Compostela na primavera de 2025. O corte, iniciado arredor das 12:30 do 28 de abril, provocou unha xornada marcada pola desorganización en servizos básicos e infraestruturas: semáforos inoperativos en vías centrais como Rosalía de Castro ou a rúa da Senra, trens cancelados, paneis informativos apagados na Estación Intermodal e o peche de facultades da USC, que mantivo as súas instalacións clausuradas ata as 15:00 do día seguinte. O comercio viviu un parón xeralizado, con supermercados pechados e pequenos negocios funcionando só con efectivo, mentres que os autobuses urbanos lograron manter o servizo con relativa normalidade.
Co restablecemento total do subministro ás 06:00, o Concello activou un balance do operativo coordinado polo gabinete de crise, presidido pola alcaldesa Goretti Sanmartín. Durante as máis de 18 horas sen luz, mobilizáronse efectivos da Policía Local, Protección Civil e distintos servizos municipais para garantir a seguridade e o tráfico, especialmente nas horas punta. O Hospital Clínico mantivo a actividade esencial grazas a xeradores, igual que o aeroporto de Lavacolla. O episodio, un dos máis insólitos do ano, pechou coa normalización progresiva da cidade e abriu un debate sobre a resiliencia urbana, a dependencia enerxética e a capacidade de resposta ante emerxencias a gran escala.
ENTRA EN VIGOR A TAXA TURÍSTICA

A taxa turística avanzou ao longo da primavera e do verán como unha das principais novidades fiscais do mandato en Santiago. Tras anunciar en maio a vontade de activala canto antes, o goberno local levou a ordenanza ao pleno extraordinario do 16 de maio, onde foi aprobada inicialmente coa maioría do bipartito, o apoio do PSOE e das concelleiras non adscritas, e a abstención do PP. A medida establece un imposto por pernoctación de entre 1 e 2,5 euros diarios, que deberán recadar os establecementos turísticos, co obxectivo de compensar o impacto do turismo e destinar os ingresos á mellora de servizos, protección do patrimonio e promoción dun modelo máis sustentable.
O calendario inicial, que apuntaba ao verán, foi modificado tras o período de alegacións e o diálogo co sector hostaleiro, que advertiu das dificultades de aplicar o cobro en plena tempada alta. Finalmente, o Concello optou por aprazar a entrada en vigor ao 1 de outubro, data ratificada no pleno do 31 de xullo, no que tamén se incorporou a creación dunha comisión de seguimento no marco do Foro de Turismo Sustentable para supervisar o destino da recadación. Con esta decisión, Santiago convértese na primeira cidade galega en aplicar a taxa turística, pechando un debate aberto desde hai anos sobre a redistribución dos custos asociados á actividade turística.
O CONFLITO DO REFUXIO DE BANDO

O último tramo de 2025 estivo marcado pola polémica arredor do Refuxio de Bando, tras a decisión do padroado de avalar a eutanasia de tres cans considerados perigosos, por recomendación veterinaria, despois dun ataque a un traballador. O acordo, aprobado por maioría, incluíu tamén a creación de novos canís de seguridade e a actualización dos protocolos de manexo animal conforme á Lei estatal de Benestar Animal. Desde o Concello, que preside o padroado, insistíuse na prioridade da seguridade do persoal e no respaldo aos criterios técnicos, mentres colectivos animalistas cuestionaron a xestión e reclamaron alternativas baseadas na rehabilitación e na adopción.
A decisión provocou mobilizacións nas rúas, recollidas de sinaturas e un duro enfrontamento político. O PP acusou á alcaldesa Goretti Sanmartín de “deixación de funcións” e denunciou falta de transparencia na xestión do refuxio, mentres voluntariado e asociacións como Abeiro anunciaron accións legais polo caso do can ‘Gosu’ e criticaron a súa exclusión das instalacións. O debate chegou en varias ocasións ao Pleno municipal e pechou o ano cun compromiso de reincorporar o voluntariado e coa constatación dun conflito aberto sobre benestar animal, gobernanza e responsabilidades políticas que seguirá presente en 2026.
PALESTINA, UN FÍO CONSTANTE DE MOBILIZACIÓN SOCIAL

A dimensión internacional tamén atravesou a axenda compostelá, especialmente no outono, cando Santiago volveu ser escenario de mobilizacións pola situación en Palestina. O 2 de outubro, a Praza Roxa acolleu unha concentración ás 20:00 convocada polo Movemento Global para Gaza Galiza tras a intervención israelí sobre a ‘Global Sumud Flotilla’, un convoy humanitario que navegaba cara Gaza. A convocatoria inseriuse nunha rede de protestas simultáneas en distintas localidades galegas e coincidiu con informacións sobre persoas interceptadas e seguimento consular por parte de varios gobernos europeos.
Tres días despois, o 5 de outubro, unha manifestación multitudinaria percorreu Compostela desde a Alameda ás 12:00 ata o Obradoiro baixo o lema ‘Galiza con Palestina, dous anos de xenocidio, 77 anos de ocupación’, con estimacións de asistencia dispares segundo organización e Policía Local. Ao longo do mes, sumáronse novos actos: o Concello recibiu o 9 de outubro a activistas galegos vinculados á flotilla xa liberados, o 15 de outubro houbo unha marcha estudantil con folga “contra o xenocidio”, e o 24 de outubro a Praza do Toural acolleu unha lectura pública de nomes de crianzas asasinadas en Gaza entre as 10:00 e as 20:00. O ano pechou cunha nova convocatoria simbólica no Obradoiro ás 20:00, mantendo Compostela como un punto recorrente de solidariedade e denuncia durante 2025.
EZEQUIEL E XEREMÍAS VOLVEN Á CASA
No verán, Compostela recibiu unha das novas patrimoniais máis destacadas do ano: o Tribunal Supremo ordenou o 19 de xuño de 2025 que os herdeiros de Franco restitúan ao Concello as esculturas románicas de Ezequiel e Xeremías, atribuídas ao Mestre Mateo e procedentes do conxunto do Pórtico da Gloria. A resolución puxo fin a un litixio iniciado en 2017, co mandato de Martiño Noriega, e reverteu os fallos previos en Madrid, ao concluír que a identificación das pezas era “clara” a partir de informes e documentación. A alcaldesa, Goretti Sanmartín, celebrou que “por fin faise xustiza” e o Concello avanzou que decidiría con especialistas o destino das tallas para facilitar a súa exposición pública e “facer memoria histórica”.
O proceso tivo continuidade no tramo final do ano co regreso efectivo das esculturas a Santiago. O 1 de decembro, o Museo do Pobo Galego acolleu a recepción oficial das pezas, coa participación do goberno municipal e do padroado da institución, e días despois, o 11 de decembro, abriuse ao público unha sala específica coa restitución das esculturas mateanas, acompañada de materiais de contextualización. O episodio pechou 2025 como un fío recoñecible do ano compostelán: a combinación de xustiza, patrimonio e memoria nunha mesma historia institucional.
A CRISE DE POLICÍAS E BOMBEIROS

A crise de policías e bombeiros estalou a finais de outubro de 2025, cando o Parque de Bombeiros denunciou quedar sen servizo operativo por falta de persoal —nunha quenda con só tres efectivos e sen mando— tras unha fin de semana con emerxencias simultáneas. A partir de aí, a oposición (PP e PSOE) elevou a presión política: o PP falou de “neglixencia grave” e o PSOE pediu actuar con celeridade. O goberno local respondeu que había cobertura suficiente esa semana, cualificou o episodio como medida de presión laboral e anunciou mesa de negociación, mentres defendía que a infradotación viña “de lonxe” e ligaba o conflito á dependencia das horas extra para cubrir quendas.
En novembro o foco pasou ao desbloqueo económico e ás negociacións: Raxoi convocou pleno e aprobou o pago de 2,17 millóns en gratificacións a Policía Local e Bombeiros (co voto a favor do goberno e PSOE e a abstención de PP e non adscritos). Paralelamente, o Concello abriu a mesa cos sindicatos para revisar prezos de horas extra e complementos (nocturnidade e festividade), e presentou unha proposta de suba do 20% nas horas extra e unha avaliación de postos con horizonte 2026. A tensión mantívose con novas denuncias de quendas en mínimos e comparativas con outras cidades, pero en decembro produciuse un xiro: sindicatos e Concello anunciaron un principio de acordo e, xa a finais de mes, Sanmartín amosou optimismo coa ratificación polas asembleas para pechar o conflito antes de rematar o ano.

