InicioSANTIAGOSantiago acolle o Foro Galego de Cooperación e Solidariedade con chamamentos a...

Santiago acolle o Foro Galego de Cooperación e Solidariedade con chamamentos a reforzar o compromiso institucional

A concelleira María Rozas e o presidente Juan González destacan o papel das administracións locais na defensa da cooperación internacional

Publicado o

Xornal de Compostela

O Centro de Recursos e Servizos de Apoio Empresarial (CERSEA), en Santiago de Compostela, acolleu unha nova sesión do Foro Galego de Cooperación e Solidariedade, un encontro no que representantes de administracións locais galegas puxeron en valor o traballo desenvolvido polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e reivindicaron a necesidade de reforzar o compromiso institucional neste ámbito.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, foi a encargada de dar a benvida ao encontro, celebrado nun espazo municipal que tamén alberga servizos de promoción económica, emprego e atención ás persoas migrantes. Durante a súa intervención, lembrou que o Fondo Galego está próximo a cumprir tres décadas de traxectoria, destacando que naceu en 1997 como resposta á “crecente sensibilidade cidadá arredor das crises humanitarias, a pobreza mundial, catástrofes e guerras”.

Rozas salientou que actualmente son 124 as administracións locais galegas integradas nesta entidade, unha cifra que cualificou como motivo de orgullo colectivo. A edil compostelá subliñou tamén a necesidade de reivindicar o papel da cooperación internacional nun contexto de cuestionamento social e político, advertindo de discursos que, segundo indicou, “nos retrotraen a épocas pasadas”.

A concelleira fixo fincapé no carácter transversal do Fondo Galego, no que participan entidades de distintos signos políticos, e destacou que ao longo dos anos “o que ficou sempre é o compromiso e a sensibilidade social”. Ademais, puxo como exemplo a súa recente participación nun encontro en Cabo Verde, onde puido coñecer proxectos impulsados polo Fondo e o seu impacto directo na mellora das condicións de vida da poboación local.

Neste sentido, defendeu o papel das administracións locais na consecución de obxectivos globais como a erradicación da pobreza, a sustentabilidade ambiental, a igualdade de xénero ou a defensa dos dereitos humanos, sinalando que, pese a contar con menos recursos, poden realizar achegas significativas. “É unha cuestión de xustiza”, afirmou.

Pola súa banda, o presidente do Foro, Juan González, agradeceu ao Concello de Santiago a acollida do encontro e destacou a centralidade xeográfica da cidade como elemento facilitador da participación das entidades locais galegas. O responsable do Foro incidiu na continuidade dos encontros e na presenza habitual de representantes municipais e provinciais, o que, segundo indicou, reforza a cohesión do proxecto.

González puxo en valor o traballo colectivo desenvolvido no marco do Fondo Galego, salientando que, aínda que as accións poidan parecer pequenas, contribúen a “cambiar a vida das persoas, sobre todo das que máis o precisan”. O presidente deu así inicio formal á asemblea, na que estaba previsto continuar coa orde do día coa intervención da secretaría da entidade.

ÚLTIMAS

Pedro Sánchez participará nun acto electoral en Santiago o mércores 18 de novembro

O presidente do Goberno e candidato do PSOE ás eleccións xerais, Pedro Sánchez, visitará...

Fronte Ampla propón crear unha empresa farmacéutica pública en Santiago en colaboración coa USC

A coalición Fronte Ampla presentou este xoves en Santiago de Compostela o seu programa...

O sector asegurador reúne en Santiago a 400 profesionais para abordar os retos da dixitalización e da substitución xeracional

Compostela acolleu este xoves o XII Encontro Asegurador Galego, unha cita que reuniu arredor...

Santiago iniciará en xaneiro a reurbanización da rúa de Mallou cun investimento de 1,3 millóns de euros

O Concello de Santiago prevé iniciar a mediados de xaneiro de 2027 as obras...

Condenados a máis de 4 anos de prisión por prender lume a unha discoteca de Santiago con 200 persoas dentro por non deixalos entrar

O que comezou como unha negativa a permitir a entrada nun local de ocio...

O helicóptero do 061 con base en Santiago permanece inoperativo dende o venres por un problema de documentación

O helicóptero medicalizado do 061 con base en Santiago leva sen operar dende o...

Rosa Crujeiras, Proxecto Vagalume e o Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, galardoados coas ‘Meninas’ 2026

A reitora da USC, Rosa María Crujeiras; a excongresista Carmen Marón; a presidenta da...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here