InicioOPINIÓNO déficit de accesibilidade nas consultas do Sergas

OPINIÓN

O déficit de accesibilidade nas consultas do Sergas

Publicado o

Por Flora Miranda Pena
Flora Miranda Pena
Flora Miranda Pena
Médica especialista en Medicina familiar e comunitaria, titora de MIRes, colaboradora docente coa Facultade de Medicina da USC e membro do Comité de Ética Asistencial da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago-Barbanza.

Asistimos a un momento histórico no que é máis relevante ca nunca estimar que dispoñemos dun patrimonio valiosísimo, a Sanidade Pública, que cómpre coidar, dado que se atopa sensiblemente ameazada.

Contar con atención sanitaria gratuíta e proporcional ás nosas necesidades de saúde, financiada de xeito solidario e progresivo foi unha conquista social da que poucos países no mundo gozan na actualidade. Supón un elemento de cohesión para a nosa comunidade e un sistema de protección para cando veñen mal dadas para as persoas enfermas.

Mais este valioso patrimonio presenta tamén importantes eivas e ameazas, probablemente derivadas dunha mala xestión dos seus recursos, entre outros condicionantes. Non podemos esquecer tampouco a importante fonte de negocio que supón a saúde nas sociedades privilexiadas. De aí que debamos prestar atención ás posibles perversións na xestión dos recursos públicos: aquelas que buscan deteriorar interesadamente os servizos para fornecer vías de utilización da privada, ben sexa mediante concertacións ou abocando as persoas que o poden pagar a utilizar estes recursos, movidos pola vulnerabilidade que toda persoa afronta ante un problema de saúde.

As listaxes de agarda son o paradigma do deterioro da sanidade pública. E, na nosa área, a da Xerencia de Xestión Integrada (XXI) de Santiago-Barbanza, este é un problema de primeira magnitude. Non só existe un problema crecente de accesibilidade ao primeiro nivel asistencial, a Atención Primaria, senón que existe tamén un importante muro de contención para acceder a consultas de especialidades hospitalarias.

Os motivos que explican as demoras na Primaria serían múltiples: o déficit de profesionais tras décadas de mal trato institucional, a frecuente acumulación de cotas de profesionais ausentes sobrecargando aos/ás que están en activo, a demanda por parte dun sector importante da poboación  de consultas inmediatas ante problemas banais, o déficit de traballo comunitario e de educación para a saúde,  a delegación das responsabilidades sobre a saúde no sistema sanitario, a prolongación da esperanza de vida, a multicronicidade e fraxilidade que isto implica, a valiosa e crecente carteira de servizos da atención primaria, a excesiva burocratización que atenaza o labor médico e a ausencia de sistemas eficientes de triaxe da demanda, de modo que non se prioriza a quen máis o precisa (senón a quen ten máis recursos para solicitar atención mediante o infausto sistema XIDE). Ante isto, a XXI optou por penalizar ao persoal médico que ten lista de agarda de máis de catro días para unha consulta, no canto de articular mecanismos que eviten de raíz a crecente sobrecarga profesional e o deterioro da atención ás persoas enfermas, que son as realmente importantes neste proceso.

Pero ademais, cando despois de pasar por unha consulta de Primaria, é precisa unha valoración dun especialista hospitalario, (malia que o primeiro nivel asistencial resolve máis de 8 de cada 10 consultas sen derivación), a cousa aínda se complica máis:

-Case todas as derivacións nesta área pasan pola chamada “e-consulta”, na que o/a profesional de primaria non decide se unha persoa enferma debe ser vista no hospital, senón que é o especialista hospitalario quen decide se acepta ou non esa derivación, e cales son as condicións para que esta se produza. Isto, como imaxinades, é un obstáculo que só achega dificultades á xestión dos problemas de saúde das persoas, especialmente das máis vulnerables, ademais de sobrecargar a primaria coa xestión das respostas nunha axenda xa sobrecargada .

-Pero unha vez que esa derivación é aceptada, a persoa enferma cae na maioría dos casos no chamado “buzón verde”, que non é máis que un xeito de non concretar cando será a cita en cuestión. Isto significa que nin a persoa enferma nin o seu/súa profesional de referencia na Primaria coñecen cando será resolta esa consulta, achegando unha incerteza difícil de manexar por ambos. As canles entre Primaria e Hospitalaria non son máis fluídas, o cal agrava o problema. Mentres as persoas enfermas non atopan solución aos seus problemas frecuentan máis os lugares máis accesibles (ou con menos barreiras): primaria, PACs e urxencias hospitalarias, outra das grandes prexudicadas polas sobrecargas derivadas destas demoras.

-Ademais, se o que está pendente é unha cirurxía, é común nalgunhas patoloxías derivar esta a centros concertados, penalizando con demoras sine die as persoas que non as aceptan. Isto foi obxecto dun informe crítico  por parte do  Comité de Ética Asistencial da propia área.

-E se do que falamos é dunha cita de seguimento dunha persoa enferma por parte dunha/dun especialista hospitalario consigo mesmo, tampouco se está a respectar a cadencia estipulada polo/pola profesional. Así, cando se recomenda unha revisión no prazo de tres meses (poñamos por caso), é altamente probable que a demora os sobrepase de largo, especialmente se cadra o verán polo medio. Ben o saben as mulleres a seguimento oncolóxico por cancro de mama, que están a organizarse para facer valer os seus dereitos ante demoras inaceptables en procesos desta gravidade.

En definitiva, asistimos na nosa área a unha degradación na xestión dun recurso público tan valioso como a sanidade, facéndose necesaria unha busca de alianzas entre profesionais e persoas enfermas para poñer o foco nas melloras esixibles. Non hai sistema sanitario valioso cando non é accesible, e as eivas nesta cuestión prexudican especialmente ás persoas máis febles, máis enfermas ou máis vulnerables (en calquera das esferas: psicolóxica, física, social ou económica).

ÚLTIMAS

Monbus sitúase de novo á fronte do novo contrato de transporte urbano de Santiago

O novo contrato de transporte urbano de Santiago deu este luns, 22 de xuño,...

Mercedes Rosón encabezará unha candidatura propia ás municipais de 2027

As concelleiras non adscritas de Santiago anunciaron este martes a posta en marcha dunha...

O colectivo feminista Materfem denuncia ante os xulgados de Santiago que se están “minimizando” casos de violencia de xénero

O colectivo Materfem, Maternidades Feministas Galegas, concentrouse na mañá deste martes diante do edificio...

O Premio Literario San Clemente recibe o Premio Nacional ao Fomento da Lectura

O Premio Literario San Clemente, promovido polo IES Rosalía de Castro de Santiago de...

Que ten Rueda que sempre vota (actúa) en contra de axudar á Galiza?

"Cantas mortes máis serán necesarias para darse conta de que xa foron demasiadas?". Bob...

Santiago de Compostela baixo risco: Marlaska ignora a súa policía

¡Increíble! Hai dous meses, un incendio inutilizou parte da comisaría de Santiago. E aínda nada...

As subvencións ao cine

O algoritmo que dirixe o mundo fixo que eu tivera que ver unha mensaxe...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here