InicioOPINIÓNO déficit de accesibilidade nas consultas do Sergas

OPINIÓN

O déficit de accesibilidade nas consultas do Sergas

Publicado o

Por Flora Miranda Pena
Flora Miranda Pena
Flora Miranda Pena
Médica especialista en Medicina familiar e comunitaria, titora de MIRes, colaboradora docente coa Facultade de Medicina da USC e membro do Comité de Ética Asistencial da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago-Barbanza.

Asistimos a un momento histórico no que é máis relevante ca nunca estimar que dispoñemos dun patrimonio valiosísimo, a Sanidade Pública, que cómpre coidar, dado que se atopa sensiblemente ameazada.

Contar con atención sanitaria gratuíta e proporcional ás nosas necesidades de saúde, financiada de xeito solidario e progresivo foi unha conquista social da que poucos países no mundo gozan na actualidade. Supón un elemento de cohesión para a nosa comunidade e un sistema de protección para cando veñen mal dadas para as persoas enfermas.

Mais este valioso patrimonio presenta tamén importantes eivas e ameazas, probablemente derivadas dunha mala xestión dos seus recursos, entre outros condicionantes. Non podemos esquecer tampouco a importante fonte de negocio que supón a saúde nas sociedades privilexiadas. De aí que debamos prestar atención ás posibles perversións na xestión dos recursos públicos: aquelas que buscan deteriorar interesadamente os servizos para fornecer vías de utilización da privada, ben sexa mediante concertacións ou abocando as persoas que o poden pagar a utilizar estes recursos, movidos pola vulnerabilidade que toda persoa afronta ante un problema de saúde.

As listaxes de agarda son o paradigma do deterioro da sanidade pública. E, na nosa área, a da Xerencia de Xestión Integrada (XXI) de Santiago-Barbanza, este é un problema de primeira magnitude. Non só existe un problema crecente de accesibilidade ao primeiro nivel asistencial, a Atención Primaria, senón que existe tamén un importante muro de contención para acceder a consultas de especialidades hospitalarias.

Os motivos que explican as demoras na Primaria serían múltiples: o déficit de profesionais tras décadas de mal trato institucional, a frecuente acumulación de cotas de profesionais ausentes sobrecargando aos/ás que están en activo, a demanda por parte dun sector importante da poboación  de consultas inmediatas ante problemas banais, o déficit de traballo comunitario e de educación para a saúde,  a delegación das responsabilidades sobre a saúde no sistema sanitario, a prolongación da esperanza de vida, a multicronicidade e fraxilidade que isto implica, a valiosa e crecente carteira de servizos da atención primaria, a excesiva burocratización que atenaza o labor médico e a ausencia de sistemas eficientes de triaxe da demanda, de modo que non se prioriza a quen máis o precisa (senón a quen ten máis recursos para solicitar atención mediante o infausto sistema XIDE). Ante isto, a XXI optou por penalizar ao persoal médico que ten lista de agarda de máis de catro días para unha consulta, no canto de articular mecanismos que eviten de raíz a crecente sobrecarga profesional e o deterioro da atención ás persoas enfermas, que son as realmente importantes neste proceso.

Pero ademais, cando despois de pasar por unha consulta de Primaria, é precisa unha valoración dun especialista hospitalario, (malia que o primeiro nivel asistencial resolve máis de 8 de cada 10 consultas sen derivación), a cousa aínda se complica máis:

-Case todas as derivacións nesta área pasan pola chamada “e-consulta”, na que o/a profesional de primaria non decide se unha persoa enferma debe ser vista no hospital, senón que é o especialista hospitalario quen decide se acepta ou non esa derivación, e cales son as condicións para que esta se produza. Isto, como imaxinades, é un obstáculo que só achega dificultades á xestión dos problemas de saúde das persoas, especialmente das máis vulnerables, ademais de sobrecargar a primaria coa xestión das respostas nunha axenda xa sobrecargada .

-Pero unha vez que esa derivación é aceptada, a persoa enferma cae na maioría dos casos no chamado “buzón verde”, que non é máis que un xeito de non concretar cando será a cita en cuestión. Isto significa que nin a persoa enferma nin o seu/súa profesional de referencia na Primaria coñecen cando será resolta esa consulta, achegando unha incerteza difícil de manexar por ambos. As canles entre Primaria e Hospitalaria non son máis fluídas, o cal agrava o problema. Mentres as persoas enfermas non atopan solución aos seus problemas frecuentan máis os lugares máis accesibles (ou con menos barreiras): primaria, PACs e urxencias hospitalarias, outra das grandes prexudicadas polas sobrecargas derivadas destas demoras.

-Ademais, se o que está pendente é unha cirurxía, é común nalgunhas patoloxías derivar esta a centros concertados, penalizando con demoras sine die as persoas que non as aceptan. Isto foi obxecto dun informe crítico  por parte do  Comité de Ética Asistencial da propia área.

-E se do que falamos é dunha cita de seguimento dunha persoa enferma por parte dunha/dun especialista hospitalario consigo mesmo, tampouco se está a respectar a cadencia estipulada polo/pola profesional. Así, cando se recomenda unha revisión no prazo de tres meses (poñamos por caso), é altamente probable que a demora os sobrepase de largo, especialmente se cadra o verán polo medio. Ben o saben as mulleres a seguimento oncolóxico por cancro de mama, que están a organizarse para facer valer os seus dereitos ante demoras inaceptables en procesos desta gravidade.

En definitiva, asistimos na nosa área a unha degradación na xestión dun recurso público tan valioso como a sanidade, facéndose necesaria unha busca de alianzas entre profesionais e persoas enfermas para poñer o foco nas melloras esixibles. Non hai sistema sanitario valioso cando non é accesible, e as eivas nesta cuestión prexudican especialmente ás persoas máis febles, máis enfermas ou máis vulnerables (en calquera das esferas: psicolóxica, física, social ou económica).

ÚLTIMAS

Persoas con discapacidade denuncian nunha parada da Avenida Mestre Mateo a falta dun transporte accesible e adaptado

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), en colaboración coas súas entidades membro, celebrou este...

Vueling conectará Santiago con Roma este Nadal e reforza as súas rutas para a tempada de inverno

A compañía Vueling recupera este Nadal a ruta que conecta Santiago de Compostela con Roma-Fiumicino, que...

Fillas de Cassandra actuarán na Sala Capitol o 7 de novembro nun concerto gratuíto para mozos de entre 16 e 30 anos

Fillas de Cassandra actuarán o vindeiro xoves 7 de novembro nun concerto gratuíto en...

O Casino de Santiago inicia en novembro clubs de lectura e debates sobre obras finalistas do XVIII Premio Novela Europea

Os clubs de lectura e debates sobre as novelas finalistas do XVIII Premio Novela...

É grave, doutora? É un caseiro

Hoxe non me encontro ben; sei que estou peor que onte, mais tamén son...

Comparacións odiosas I

“Dato mata o relato”: frase atribuida a Jaime Durán Barba, consultor político de Ecuador...

Antonio López e Xavier Ferreira: todo toca o seu fin

A USC leva anos descompoñéndose. Reitor e xerente miraban cara a fóra. As culpas,...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here