HomeMOV. SOCIAIS"As mulleres traballan sempre, ata que morren": A loita das compostelás polos...

“As mulleres traballan sempre, ata que morren”: A loita das compostelás polos seus dereitos laborais

Encarna Otero brinda unha ollada profunda ás historias que preceden á loita feminina das traballadoras na capital galega

Publicado o

Por Marta Balado Simó

O día 1 de maio, conmemóranse en todo o mundo o Día Internacional do Traballador. Dende fai máis de 130 anos, nesta xornada celébranse manifestacións e reivindicacións a favor dos dereitos laborais, en recordo das loitas históricas dos traballadores para conseguir condicións de traballo dignas. Nunha cidade tan reivindicativa e activista como Santiago de Compostela, a historia da clase traballadora e obreira está protagonizada por mulleres, que hoxe en día seguen representando unha parte importante do sector obreiro.

Encarna Otero Cepeda é unha historiadora galega que traballa intensamente co obxectivo de visibilizar e dar voz ás mulleres que contribuíron á economía e ao traballo en Galiza. A través do seu podcast ‘Paseando por Compostela con mullleres’ na plataforma Radio Ateneo, do Ateneo de Santiago, descobre historias apaixonantes que deixan constancia hoxe en día do poder do labor na comarca e do esforzo de mulleres que loitaron por dereitos e conseguiron a súa independencia económica. O seu traballo permite coñecer todas as fábricas formadas por plantillas femininas ata os anos 80.

A fábrica de camisas Geyfe en Pontepedriña contaba con maís de 200 traballadoras, e no mesmo sector, atopábase a fábrica AGE con 100 traballadoras.

Traballadoras da fábrica de camisas Geyfe, en Pontepedriña – Arquivo

Cando esta última pechou, creouse unha cooperativa co nome de Leo Salvatore na rúa do Home Santo, que tamén se adicaba á fabricación de camisas. No sector dos paraugas, destacaba a fábrica Caravel, situada na Rocha, aínda que pechou as súas portas no ano 1985, é o único dos edificios de fábricas que se conservan na capital galega, nas instalacións de Televés.

Instalación da fábrica de paraugas Caravel, na Rocha – Manolo Blanco

A fábrica E se chove que chova, na rúa Curros Enríquez tamén se adicaba a fabricar paraugas. Ademais, Confeccións Porto e a fábrica de faixas do Restollal tamén concentraron centos de mulleres en labores de confección, xunto coa fábrica de engarrafado de aceite e viño Koipe e a de galletas Cuétara, unha das más coñecidas e recordadas.

A recopilación de relatos por parte de Encarna permite coñecer como eran as condicións de traballo entre os anos 60 e 70 nestas fábricas de mulleres de Compostela. A pesar da visión paternalista da época franquista de que ▶️”as mulleres, se gañaban uns pocos cartos, era para axudar na casa”, estas mulleres tiñan moi claro o valor do seu traballo e pouco a pouco foron conseguindo dereitos a través das súas loitas. En moitas fábricas, os encargados eran homes que xeraban situacións de acoso cara ás traballadoras. A unión de todas elas permitiu que se freasen eses abusos de poder, así como conseguiron quendas nos horarios, vacacións, primas e que as horas de limpeza, que tiñan que facer elas ao rematar as horas de traballo na fábrica, contabilizaran no salario. Foron referentes e precursoras, incluso antes da Transición, de loitas e reivindicacións laborais que continúan hoxe en día.

Traballadora da fábrica de camisas Geyfe – Arquivo

Encarna tivo a oportunidade de falar cunha das 100 traballadoras da fábrica de camisas EGE, Chelo Piñeiro Vella. Ela contoulle todos os detalles da súa etapa como traballadora no sector fabril, que comezou aos 14 anos, pero da que garda un moi bo recordo. Todas as traballadoras desta fábrica eran mulleres, ata as administrativas, estaban dadas de alta na Seguridade Social e recibían formación na mesma fábrica para aprender a manexar a maquinaria. Comezaban a traballar moi cedo, e xa que nos meses de inverno aínda era noite, por medo a andar solas quedaban todas en puntos estratéxicos para ir xuntas camiñando ata a fábrica. O horario de traballo era de 7 da mañá a 3 da tarde, cun ritmo de fabricación moi alto, chegando a producir 150 camisas ao día.

Debido á deslocalización, as fábricas de Santiago comezaron a pechar a finais dos anos 70 e principios dos 80, desembocando no despido de centos de mulleres sen ningún tipo de indemnización. As traballadoras, que durante os anos de traballo gozaran de todos os dereitos que merecían, xuntáronse a través de sindicatos para loitar polo que lles correspondía. Tras anos pelexando, finalmente recibiron o finiquito. Isto, segundo Encarna, ▶️“dá visión do sentimento de clase e da plena conciencia de clase que tiñan con respecto aos dereitos que lles correspondían como traballadoras”.

Traballadoras dunha das fábricas femininas de Santiago – Arquivo

Os postos de traballo retirados fixeron que as mulleres tivesen que buscar un oco en sectores como os coidados ou a limpeza, atopándose con condicións de traballo moito peores. Perderon a Seguridade Social, o dereito a vacacións e todos eses dereitos laborais que conseguiran combatendo anteriormente. Así é que Chelo transmitíalle a Encarna a ledicia ca que recordaba os anos na fábrica, sobre todo pola independencia económica. ▶️”Chelo tiña unha visión moi optimista xa que accedeu a un salario que lle permitía unha certa vida: poder saír, poder ir a unha cafetería, ter recursos propios, poder sacar o carné de conducir, poder ir á perruquería…é decir, non tiña que pedir diñeiro para vivir”

A pesar dos avances logrados na loita polos dereitos laborais ao longo dos anos, a necesidade de mulleres como Chelo, que reivindican o seu traballo e a súa valía, segue sendo indispensable en Compostela. As condicións, especialmente nos sectores dos coidados, limpeza, turismo e alimentación, onde a man de obra feminina é abundante, aínda que frecuentemente invisibilizada, moitas veces segue sen mellorar. As traballadoras destes ámbitos son esenciais no día a día de todos os composteláns, xa que como sinalaba Chelo, ▶️“as mulleres cando gañan diñeiro melloran a súa vida e a da súa contorna”. Aínda que as condicións e a cualificación das traballadoras teñan mudado, o obxectivo de gozar dunha situación de dignidade segue a estar ahí e ▶️ “Compostela segue a ser unha cidade de mulleres”.

ÚLTIMAS

De ruínas a residencia de estudantes: a historia da compravenda do Antigo Hospital de Galeras

O antigo Hospital Xeral de Galeras, pechado dende hai dúas décadas, será rehabilitado e...

Aparece unha xanela románica na Catedral de Santiago despois dunhas obras de rehabilitación

Unha xanela románica foi achada na Capela do Salvador da Catedral de Santiago de...

As obras do primeiro tramo da Vía Verde de Santiago comezarán en xuño

A Deputación da Coruña adxudicou por 753.820 euros as obras do primeiro tramo da...

A Praza da Oliveira de Santiago renómase en honra a Pilar Pereira

A Praza da Oliveira, situada na zona vella de Santiago de Compostela, pasa a...

Traballadores de Finsa cortan o tráfico nas inmediacións da factoría para reclamar un novo convenio

Traballadores da compañía madeireira Finsa volveu a cortar de forma momentánea o tráfico nas...

(FOTOS) Así foi a manifestación da plataforma Queremos Galego en Santiago de Compostela

Miles de galegos congregáronse nas rúas de Santiago este 17 de maio, Día das...

Queremos Galego convoca un ano máis unha movilización en Santiago

A plataforma Queremos Galego organizará unha manifestación este venres en Santiago para conmemorar o...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here