O Concello de Santiago limitará a implantación de novos establecementos de souvenirs “en practicamente toda a zona histórica”, así como os negocios automatizados en todo o recinto intra muros da cidade. Así o avanzou este luns a alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín, nun almorzo informativo no que participaron todos os concelleiros do goberno municipal para celebrar os dous anos de mandato.
En concreto, a rexedora anunciou que o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, ofrecerá esta mesma semana unha rolda de prensa para presentar a modificación do Plan especial sobre usos, unha modificación que, entre outras novidades, non permitirá a implantación de novos establecementos de souvenirs na zona histórica e que limitará no recinto intra muros os negocios automatizados, como consignas ou máquinas expendedoras. Segundo debullou Sanmartín, a medida foi aprobada este luns na xunta de goberno local co obxectivo de “blindar” o comercio de proximidade e “conseguir esa diversificación necesaria do tecido comercial”.