InicioPOLÍTICAO PSOE afea ao Goberno local non querer facer outro diagnóstico para...

O PSOE afea ao Goberno local non querer facer outro diagnóstico para a zona de vivenda tensionada

A edila Marta Abal acusa a Raxoi de "mutismo" sobre a empresa urbanística municipal

Publicado o

Xornal de Compostela

O PSdeG de Santiago afeou ao Goberno local que a súa “primeira resposta” á petición de emenda da Xunta sobre a solicitude de declaración de vivenda tensionada sexa que “non vai facer outro diagnóstico”. A formación socialista realizou esta crítica unha semana despois de que o Goberno galego requirise a Raxoi que “emende deficiencias” na documentación enviada a finais de maio para solicitar a declaración da cidade como zona do mercado de aluguer tensionado. Dentro da súa argumentación, a Xunta considera que “non se axusta” ao que esixe a lei estatal.

Ante o escrito recibido, o Concello de Santiago recibiu este con “sorpresa”. Desta forma, entende que “non fai falta” unha nova diagnose da situación, aínda que “responderá, tras unha análise demorada, a todas as cuestións que aparecen”. Neste contexto, a edila socialista Marta Abal chamou este xoves, durante unha rolda de prensa, a “buscar solucións” pola “importancia decisiva” desta cuestión para a capital galega, “en lugar de estar sempre á gresca”. “As rifas institucionais non solucionan os problemas dos nosos veciños e veciñas”, valorou.

“MUTISMO” SOBRE A EMPRESA MUNICIPAL DE VIVENDA

Esta crítica veu acompañada doutros reproches en materia de vivenda. O PSdeG acusou a Raxoi de “mutismo” sobre a empresa municipal urbanística, que considera necesaria para dar resposta a “unha demanda cada vez maior e imprescindible e urxente”. Tal e como lembrou Abal, a Empresa Municipal de Vivenda e Solo xa existiu entre o 2000 e o 2011 baixo o nome de Emuvissa. Nese tempo, elaborou e aprobou os plans parciais de 16 polígonos, 13 de vivendas e tres de chan industrial. Ademais, promoveu a construción de 2.499 vivendas protexidas e outras 2.084 libres, o que a conviritó en “unha referencia en toda España”.

Segundo o PSOE local, a “última noticia” sobre a mesma é do 26 de abril de 2024, día no que se celebrou a sesión constitutiva da comisión especial que traballaría na súa posta en marcha. “Desde entón, en relación con este asunto, mutismo absoluto”, acusou Marta Abal. Con todo, esta é unha das principais medidas contempladas no Plan de medidas correctoras que acompañaba á solicitude de zona de mercado residencial tensionado, presentadas en rolda de prensa o 9 de maio de 2025 polo edil de Urbanismo, Iago Lestegás.

OUTRAS CRÍTICAS

Do mesmo xeito, Marta Abal acusou ao Goberno local de, en dous anos de mandato, contar unicamente con “propostas erradas” en materia de vivenda, en lugar de “avanzar nunha proposta seria e ambiciosa” a este respecto. A concelleira da oposición afeou non executar ningún dos 1,41 millóns de euros asignados en 2024 para ampliar o parque público, así como outros 425.000 euros consignados para a adquisición dun inmoble, “preferiblemente unha casa na Praza de Mazarelos”.

Así mesmo, criticou que tres dos catro edificios do Rexistro de Soares acordados para sacar a poxa pública están paralizados por un recurso interposto polos propietarios nun xulgado contencioso administrativo. Para o PSOE de Santiago “a única luz” que existe na cidade en materia de vivenda é “grazas ao Goberno de España e ao PSOE”, en referencia a inscrición da parcela do antigo Peleteiro na carteira da nova empresa pública estatal, anunciada en xuño. Isto permitirá, en palabras de Abal, que “todos os pisos desta parcela poidan ser de prezo alcanzable e de promoción pública para sempre”.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

Marta Álvarez reclama ao Concello de Santiago medidas ante os incendios nun baixo de Romero Donallo

A concelleira non adscrita de Santiago de Compostela, Marta Álvarez, reclamou ao Goberno municipal...

Pedro Blanco e o Ateneo de Santiago reclaman recuperar o liderado cultural e institucional de Compostela

O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, reuniuse coa directiva do...

Borja Verea destaca as máis de 400 vivendas públicas da Xunta en Santiago e aposta por facilitar que os mozos poidan quedar na cidade

O presidente do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, reivindicou o papel dos investimentos...