Miles de persoas –máis de 4.000 segundo a estimación da Policía Autonómica– manifestáronse este domingo polas rúas compostelás para denunciar “a privatización e o desmantelamento” no Servizo Galego de Saúde (Sergas), así como “a política de recortes” do Partido Popular. Convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública e apoiada por diversos colectivos, a marcha saíu ao redor das 12.00 horas da Alameda e percorreu as rúas da capital ata concluír na emblemática Praza do Obradoiro.
En declaracións aos medios antes de iniciar a protesta, o portavoz de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín García, denunciou que Galicia ten unha atención primaria “desmantelada, inaccesible e con tempos de espera superiores a unha media de sete días”. “Estamos outra vez aquí para expresar o malestar e o resentimento da poboación galega coa situación da sanidade pública, temos unha atención hospitalaria que non funciona como debe por falta de persoal e por unha xestión dos hospitais públicos que non permite a utilización plena dos recursos instalados”, aseverou.
Encabezados por unha pancarta que pedía ‘Máis Atención Primaria, máis Atención Hospitalaria, máis sanidade pública’, os miles de participantes camiñaron baixo un ceo asollado entre cánticos como ‘Coa nosa saúde non se xoga’; ‘Máis recursos e menos discursos’ ou ‘Paremos a destrución da Atención Primaria’. Unha mobilización multitudinaria que contou coa actuación musical da banda De Ninghures e que foi apoiada por diferentes sindicatos, colectivos sanitarios e miles de persoas chegadas de diversos puntos de Galicia –cómpre lembrar que a plataforma convocante e outras entidades avanzaron nas últimas semanas a posta a disposición de autobuses para todas aquelas persoas interesadas en acudir á marcha–.
MANIFESTO
En canto ás reivindicacións da protesta, durante a lectura do manifesto, que tivo lugar no Obradoiro, representantes da plataforma denunciaron que en Galicia hai “miles de persoas sen un profesional de medicina de familia de referencia e miles de nenos sen pediatra”. “Afortunadamente as persoas que defendemos a sanidade pública non aceptamos isto como normal, porque non é normal, é unha consecuencia directa de determinadas decisións políticas do Partido Popular. O modelo actual da Atención Primaria foi un avance moi importante no seu momento pero necesita un cambio estratéxico”, recolle o manifesto.
Nesta liña, tamén denuncia a “situación de precariedade” nos hospitais, “con cadros de persoal insuficientes para atender con calidade aos pacientes”. Así mesmo, lamenta que “mentres se debilitan os recursos públicos, a Consellería de Sanidade incrementa a derivación de pacientes á privada”. Durante a lectura tamén lamentaron a situación “de abandono e marxinación” da saúde mental, unha situación que, segundo indicaron, “incrementa o sufrimento” das persoas. Por iso, reclamaron que se reforcen as unidades destinadas a este fin tanto de adultos como infanto-xuvenís.
“Cando reclamamos máis sanidade pública, estamos a esixir o incremento do orzamento sanitario público, elaborando un Plan Galego Saúde de forma participativa e coa colaboración tanto da poboación como do persoal, que permita incrementar e adaptar os recursos humanos e orzamentarios ás necesidades, ademais de recuperar os servizos privatizados e as áreas de saúde pechadas”, concluíron.
PONTÓN DENUNCIA QUE O PPDEG É “UN PERIGO PARA A SAÚDE”
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, denunciou este domingo que o PPdeG “está a converterse nun perigo para a saúde dos galegos” con “recortes e privatizacións” na sanidade pública. Nesta liña, a nacionalista asegurou que o “único” que ofrecen os populares nesta materia son “mentiras e bulos”.
“O único que lle ofrece á cidadanía do noso país o Partido Popular son mentiras e bulos, din que que a sanidade pública está mellor que nunca, se está mellor que nunca, como é posible que teñamos 11.000 nenos sen pediatra? Como é posible que ao longo e ancho de todo o país teñamos todas as semanas mobilizacións dicindo que a xente deste país non está disposta a que se siga deteriorando a sanidade pública?”, aseverou.
En declaracións aos medios antes de iniciar este domingo a manifestación convocada por SOS Sanidade Pública en Santiago, Pontón incidiu en que “non é incompetencia, é ideoloxía, ideoloxía dun Partido Popular que quere deteriorar o público para beneficiar á sanidade privada”.
BESTEIRO INSTA A RUEDA A “POÑER FIN Á POLÍTICA DE RECORTES”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, instou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a que aposte pola sanidade pública e “poña fin á política de recortes”. Neste sentido, asegurou que a manifestación convocada por SOS Sanidade Pública este domingo en Santiago “é unha chamada de atención ao Goberno do PP”. En declaracións aos medios antes de iniciar a marcha, Besteiro denunciou que “cada recorte que se fai na sanidade pública vai directamente ao peto da sanidade privada”.
“Os recortes non son un accidente, son unha decisión política da dereita para condenar á sanidade pública”, aseverou o líder dos socialistas galegos. Con todo, incidiu en que a atención primaria ” ten que ter máis recursos, máis profesionais e máis centros de atención ao longo de toda a xeografía de Galicia”.
CAAMAÑO: GALICIA TEN “UN DOS MELLORES SISTEMAS SANITARIOS DO MUNDO”
Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, defendeu, ante a manifestación que ten lugar este domingo en Santiago pola defensa da saúde pública, que Galicia ten “un dos mellores sistemas sanitarios do mundo”, pero admitiu que “hai cousas que mellorar” e “van facelo”. Neste sentido trasladou o seu “máximo respecto” a todas as persoas que, “con boa intención”, se manifestan, pero “non comparte en absoluto” os motivos que alegan as organizacións convocantes.
“A realidade é que Galicia ten un dos mellores sistemas sanitarios públicos do mundo e a nosa obrigación é protexelo e optimizalo ao máximo para que esa calidade asistencial que dá actualmente vaia cada vez a máis”, asegurou nun audio remitido aos medios. O titular da carteira sanitaria galega asegurou que “non se pode falar” dun sistema sanitario terceiromundista cando “temos o que temos: un programa de vacinación maior do mundo, programas de cribado punteiros, protonterapia, código ictus, o 061”. “Temos que recoñecer que hai cousas que mellorar e imos facelo. Temos algún problema coa Atención Primaria relacionado con déficit profesional. Un déficit que non é responsabilidade da Xunta, senón do Goberno central”, criticou.
A Xunta, continuou, traballa para “manter e protexer” o sistema sanitario galego, mentres que outros “se dedican a chapotear no negacionismo e catastrofismo. Por tanto, xestión clínica e traballo desde a humildade, fronte ao que é o non por non permanente, sistemático e tóxico“, sentenciou o conselleiro. A Consellería de Sanidade explicou, nun comunicado, que “non é certo” que haxa recortes na sanidade pública e defendeu que o orzamento do Sergas “aumentou un 45 % en relación co que aprobou o goberno bipartito para 2009”.
Tamén fixo referencia ao último informe do Consello de Contas no que recolle que o gasto do Sergas en acordos á prestación sanitaria especializada con medios axentes “mantén estable o seu peso orzamentario nun 4,6 %”. “Durante o bipartito esta cifra aumentou un 48 % ata superar o 6 % do gasto real total”. Así mesmo, a Consellería apuntou que “tampouco é certo” que aumenten as listas de espera en Galicia xa que, en 2024, “reducíronse o tempo de acceso con respecto ao ano anterior, tanto en cirurxía como en consultas e probas diagnósticas”.
O PPDEG DEFENDE QUE A SANIDADE GALEGA “GOZA DE MOI BOA SAÚDE”
O portavoz do grupo popular no Parlamento galego, Alberto Pazos Couñago, sinalou, ante a manifestación pola sanidade pública, que a sanidade galega “goza de moi boa saúde”. Así o fixo este domingo en declaracións aos medios ás portas do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo onde enmarcou a mobilización nun “episodio máis” no “carrusel de manifestacións convocadas polo BNG e os seus satélites”. Con todo, trasladou unha “mensaxe de tranquilidade” aos galegos que acudiron “de boa fe” á mobilización, preocupados pola situación da sanidade pública.
“A sanidade pública galega goza de moi boa saúde. Por tanto, teño que desmentir algúns dos mantras que serven para convocar esta manifestación”, asegurou. Neste sentido, apuntou que “nunca” a sanidade pública dispuxo de “máis recursos” que co actual goberno da Xunta, “nunca” tivo máis persoal que o que hai agora mesmo e “nunca” tivo “máis servizos privatizados” que cando gobernaron os que “convocan esta manifestación”. “Chegaron naquel momento a subscribir concertos por un 6 % do orzamento total da comunidade, algo que non alcanzou o PP despois de 15 anos de goberno”, criticou.
Neste sentido, asegurou que o PPdeG “seguirá traballando” pola sanidade pública, “sen ocultar que aínda hai problemas”, os cales son “compartidos con todas as comunidades autónomas de España”. “Problemas que afrontamos fai sete anos, baixo o goberno de Mariano Rajoy, trazando todos xuntos unha folla de ruta para tentar avanzar nesas dificultades que sufrimos todas as comunidades autónomas”, incidiu. “Desgraciadamente”, continuou, semanas despois de alcanzar o acordo produciuse unha moción de censura e, desde entón, “esa folla de ruta quedou aparcada”.