InicioSANTIAGOA alcaldesa destaca o impulso da Casa Xohana Torres e o crecemento...

A alcaldesa destaca o impulso da Casa Xohana Torres e o crecemento do asesoramento LGBTIQ+ no Consello Municipal de Igualdade

Goretti Sanmartín presenta o balance anual dos servizos municipais de igualdade, con máis actividade, maior demanda e novas campañas centradas na mocidade e na violencia dixital

Publicado o

Xornal de Compostela

A reunión do Consello Municipal de Igualdade, presidida este venres pola alcaldesa Goretti Sanmartín, serviu para facer público o balance anual da Casa Xohana Torres, un espazo que, segundo explicou, entrou nunha nova etapa coa posta en marcha do servizo de asesoramento LGBTIQ+. A rexedora cualificou o centro como un “espazo dinámico”, salientando o ritmo constante de accións e a consolidación dun programa mensual cunha media de cinco actividades enfocadas na formación, a saúde sexual e a creación con perspectiva de xénero.

Os datos referidos ao período entre maio e outubro mostran un incremento notable da actividade: 62 consultas, 38 solicitudes de uso, 21 actividades abertas, 20 accións internas e 1.959 comunicacións atendidas. Ademais, o espazo foi cedido en 41 ocasións para iniciativas de entidades e colectivos. O novo servizo LGBTIQ+, que combina atención psicolóxica e asesoramento xurídico, comezou a funcionar en xuño e xa acumula unha demanda sostida.

Dentro das liñas de traballo abertas pola Casa Xohana Torres, o Concello mantén en marcha unha investigación sobre percepcións da mocidade en relación ás violencias machistas e ás relacións afectivas, a través dun cuestionario enviado a institutos e centros de FP co obxectivo de analizar tendencias sociais e reforzar a produción de coñecemento feminista.

No que atinxe ao Centro de Información ás Mulleres (CIM), o balance entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro recolle a atención a 202 mulleres. Sanmartín subliñou que 2025 estivo condicionado pola implantación avanzada do Sistema VioXen2, que permite integrar datos en tempo real e mellorar a coordinación entre institucións, acelerando a resposta en casos de violencia machista e reforzando a protección das vítimas e das súas crianzas.

CAMPAÑAS E ACCIÓNS MUNICIPAIS AO LONGO DO ANO

O Concello repasou tamén as campañas de sensibilización desenvolvidas en 2025. Co gallo do 8M, impulsouse ‘Construamos o termo feminista de Compostela’, acompañada dunha revista específica, materiais gráficos e actos como a homenaxe ás Mulleres de Compostela 2025 e a entrega do Premio Xohana Torres 2024.

Durante a Ascensión e o Apóstolo, instaláronse Puntos Lila en zonas de lecer para ofrecer información, acompañamento seguro e recursos fronte ás violencias sexuais. A valoración municipal foi “moi positiva” pola utilidade destes dispositivos.

Entre finais de maio e xuño, Compostela Diversa volveu converter a cidade nun referente na visibilización dos dereitos LGTBI, cunha participación de preto de 200 establecementos comerciais, hoteleiros e hostaleiros. O Concello destacou que esta iniciativa reforza un compromiso iniciado en 2018 e que xa forma parte da identidade reivindicativa da cidade.

A programación anual incluíu tamén accións polo Día Europeo contra a Trata de Persoas, cun punto informativo no Toural e a representación teatral Atrapadas, centrada na experiencia de mulleres refuxiadas vítimas de explotación.

O ciclo pechouse co 25N, cunha campaña que puxo o foco na violencia dixital entre a mocidade baixo o lema ‘Non é un trend, é violencia dixital’. A iniciativa puxo o acento en novas formas de agresión presentes nas redes sociais, como o sexpreading, o acoso continuado, a humillación pública ou a difusión de expresións misóxinas normalizadas.

Con este balance, o goberno municipal defendeu que Compostela mantén unha liña de reforzo estrutural das políticas de igualdade, ampliando servizos, mellorando a coordinación institucional e incorporando novas ferramentas de prevención dirixidas ás xeracións máis novas.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

‘O Encontro’ levará á Alameda unha xornada para achegar a democracia á mocidade galega

A Alameda de Santiago de Compostela converterase o sábado 12 de setembro nun espazo...

Seis policías auxilian en Santiago unha muller gravemente ferida tras unha agresión da súa parella

Seis axentes da Policía Nacional auxiliaron nunha vivenda do centro de Santiago unha muller...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here