InicioSOCIEDADEAs escolas unitarias de Marrozos, O Eixo e Laraño contarán con servizo...

As escolas unitarias de Marrozos, O Eixo e Laraño contarán con servizo de comedor escolar o próximo curso

O Concello lembra que debería ser a Xunta a que prestase o servizo e a Anpa colabora para evitar a caída de matrículas

Publicado o

Xornal de Compostela

As tres escolas unitarias do rural de Santiago de Compostela –a da parroquia de Marrozos, a do Eixo e a de Laraño– contarán con servizo de comedor no próximo curso, segundo comunicou este martes a concelleira de Educación, Míriam Louzao. Este servizo estará xestionado e coordinado no “día a día” pola Federación de Anpas Compostela, que agrupa ás organizacións de pais e nais. O servizo de comedor prestarase a través dun cáterin e terá un custo de 4,5 euros por menú, o mesmo que no CEIP da área urbana.

O Concello impulsa esta medida de carácter temporal para prestar este servizo “desde xa” e “non esperar á entrada do novo modelo de comedores”, no que estarán incluídos estes tres centros rurais e que o goberno municipal espera ter listo para o curso 2026-2027. Tanto Míriam Louzao como a presidenta de Fanpa Compostela, Esther Martínez, entenden esta medida como “imprescindible” ante o “perigo” de que as escolas unitarias continúen pechando as súas portas. Por ese motivo, realizan este anuncio a unha semana de que se termine o prazo de matriculación de cara ao próximo curso escolar nos colexios públicos, o 20 de marzo. A intención é, ademais de beneficiar ás familias xa usuarias, “que as que aínda non elixiron unha escola poidan decantarse por elixir unha destas”, sinala Louzao.

CONVENIO

O Concello de Santiago e Fanpa Compostela asinarán un convenio co que o goberno municipal incorporará nos orzamentos do 2025 unha subvención nominativa dirixida á federación pola xestión do servizo. Ademais de colaborar na parte económica, o Concello encargarase das obras para adaptar os espazos destinados ao comedor escolar, que se realizarán ao longo deste verán. Tamén prestará axuda á Fanpa na realización dos trámites administrativos pertinentes coa Xunta. Pola súa banda, na organización de familias recaerán tarefas como a contratación do monitorado e do cáterin ou a xestión da matrícula e dos cobros.

CONCILIACIÓN E DESIGUALDADE

A pesar de que a concelleira de Educación considera que “é a Xunta de Galicia a que ten que prestar o servizo de comedor nos centros educativos públicos”, como xa apunta que fai nun dos colexios da localidade, a edil pensa que é “de xustiza” que as escolas rurais da área municipal conten con esta prestación. “É unha medida que vai favorecer a nosa conciliación da vida persoal, laboral e familiar”, engadiu. Así mesmo, a Fanpa Compostela defende que os servizos de comedor sexan “unha responsabilidade directa das administracións públicas, porque é a súa responsabilidade”, pero neste caso accederon a asumir a xestión do servizo porque a súa falta “podía levar a que tamén decaese a matriculación”. Para Esther Martínez, as familias que empregan o servizo das escolas unitarias vivían “unha situación de desigualdade”. Así, pensa que o destes centros “é un modelo que non debe perderse, cun valor educativo importante”.

ÚLTIMAS

(FOTOS) Así deu comezo a selectividade en Compostela: nervios e críticas ante o novo modelo de exame

A convocatoria ordinaria da Proba de Acceso á Universidade (PAU) deu comezo este martes...

Convocan unha concentración diante do Parlamento para protestar pola desaparición do Máster en Matemáticas

A Plataforma en Defensa do Mestrado en Matemáticas da USC vén de anunciar a...

Verea acusa co goberno local de bloquear o transporte urbano durante unha década

O voceiro do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, cargou este martes contra a...

O pleno rexeita unha factura de 400.000 euros do autobús urbano mentres medran as críticas polo novo contrato

O pleno do Concello de Santiago non aprobou este martes un recoñecemento extraxudicial de...

(FOTOS) Así deu comezo a selectividade en Compostela: nervios e críticas ante o novo modelo de exame

A convocatoria ordinaria da Proba de Acceso á Universidade (PAU) deu comezo este martes...

Santiago mostra o seu “rexeitamento” á creación dun novo grao de Medicina en Galicia

A corporación municipal de Santiago de Compostela mostrou o seu "rexeitamento" á proposta da...

Mil cardiólogos de todo o Estado reuniranse esta semana en Santiago

A Asociación de Cardioloxía Intervencionista da Sociedade Española de Cardioloxía (ACI-SEC) aproveitará o seu...