InicioSOCIEDADEA Xunta construirá en Xoán XXIII 70 vivendas de aloxamento compartido temporal...

A Xunta construirá en Xoán XXIII 70 vivendas de aloxamento compartido temporal para menores de 36 anos

terán unha superficie útil de 30 metros cadrados con salón-cociña, habitación e baño, ademais de zonas comúns

Publicado o

Xornal de Compostela

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, Xosé López Campos, anunciaron este martes o proxecto para construír 70 vivendas de aloxamento compartido temporal destinadas a menores de 36 anos nunha parcela situada na rúa Xoán XXIII da capital galega. Nunha presentación ante os medios na Biblioteca Pública Ánxel Casal, a responsable de Vivenda detallou que se tratarán de alugueres “alcanzables” e os aloxamentos contarán cunha superficie útil de 30 metros cadrados con salón-cociña, habitación e baño, ademais de espazos comúns como bibliotecas, zonas de lecer, lavandaría e prazas de aparcadoiro.

En concreto, o que anunciaron este martes situarase na rúa Xoán XXIII, onde o Instituto Galego de Vivenda e Solo dispón dun chan que se destinará a esta construción de “aloxamentos con espazos compartidos de maneira temporal para menores de 36 anos”, unha modificación da lei de vivenda de Galicia que se incluíu na lei de acompañamento dos orzamentos para 2025. Así, Martínez Allegue explicou que o Goberno galego prevé licitar a redacción do proxecto a principios de 2025 para despois executar a obra e que se conclúa para “finais do 2026-2027”.

Cuestionada por unha promoción de vivendas públicas en aluguer para a mocidade que a Xunta promovera nesta mesma parcela no Goberno de Manuel Fraga e no bipartito que foi descartada polo Executivo galego hai 10 anos, a conselleira afirmou que había un proxecto “de pisos” e non nesta modalidade “de aloxamento compartido” e, naquel momento, asegurou que “se refugou pola situación na que se estaba”.

Así, insistiu en que agora que hai “esa necesidade de emancipación” son “70 aloxamentos compartidos” e naquel momento “eran 40 vivendas”. “Agora a aposta que fai a Xunta con ese incremento orzamentario, con ese triplicar os orzamentos para a construción de vivenda pública, permítenos alcanzar estas vivendas”, resolveu. Nesta liña, López Campos defendeu que esta é “unha vía alternativa” que permite facer “vivendas de 30 metros cadrados con espazos compartidos”, o que, engadiu, “permite facer o dobre de vivendas”.

ACCESO

Sobre as condicións para acceder a estes apartamentos, Martínez Allegue sinalou que se establecerán unhas bases nas que se verá a renda máxima e mínima e as condicións. En todo caso, insistiu en que se fará unha convocatoria pública e en que se debe ter en conta que se trata de “aloxamentos temporais de como máximo 3 anos”. En canto ao orzamento estimado, indicou que polo momento non o teñen definido porque van redactar ” a licitación” pero, en todo caso, calcula que se situará ao redor dos seis millóns de euros.

EMANCIPACIÓN DA MOCIDADE

Pola súa banda, o conselleiro de Xuventude recoñeceu que “o problema da vivenda” é “un problema de primeiro nivel”, polo que reivindicou a “colaboración de maneira estreita” entre o seu departamento e o de Vivenda para “pór en marcha iniciativas que son necesarias”, do mesmo xeito que outras medidas como, exemplificou, o Bono Emancípate. “Van permitir que Galicia se sitúe como referencia en apoio de vivenda, con políticas novas como a que hoxe anunciamos para conseguir empezar a buscar solución a ese gran problema que ten a sociedade, que é o acceso a vivenda”, asegurou antes de sinalar que os orzamentos para 2025 “van ser unha ferramenta” que permita “atallar este problema” e que a mocidade “vexa que a Xunta achega solucións a un dos seus principais problemas”.

Así mesmo, a titular de Vivenda lembrou que a administración autonómica ten en marcha outras políticas nesta materia, como “as vivendas reservadas para menores de 36 anos, o 40 % de vivenda pública para aluguer destinado a mozos” ou “un 25 % nas vendas”. Tamén mencionou outras liñas de axuda abertas para adquisición de compra de vivenda protexida, para a compra en centros históricas ou en concellos de menos de 10.000 habitantes, así como o ‘Aval novo’, axudas ao aluguer e o Bono Mocidade do Ministerio que, apuntou, “aínda que quede escasa a contía”, a Xunta tramitarao “coa maior axilidade posible”.

ÚLTIMAS

A Xunta reclama ao Concello dúas parcelas para vivenda protexida e este pídelle “respecto institucional”

A Consellería de Vivenda volveu a reclamar, nunha carta dirixida á alcaldesa de Santiago, Goretti...

Santiago aumenta as prazas de conciliación familiar en educación, un 3% a nenos con necesidades especiais

A concelleira de Educación, Miriam Louzao, presentou o aumento de prazas de conciliación familiar...

O BNG celebra a posta en marcha dun xulgado especializado en violencia machista en Santiago

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) anunciou a posta en funcionamento dun novo xulgado especializado...

Corte de manga da alcaldesa de Teo a unha concelleira da oposición

A alcaldesa de Teo, a popular Lucía Calvo, dedicou un corte de manga a...

A Xunta reclama ao Concello dúas parcelas para vivenda protexida e este pídelle “respecto institucional”

A Consellería de Vivenda volveu a reclamar, nunha carta dirixida á alcaldesa de Santiago, Goretti...

Santiago aumenta as prazas de conciliación familiar en educación, un 3% a nenos con necesidades especiais

A concelleira de Educación, Miriam Louzao, presentou o aumento de prazas de conciliación familiar...

O Concello acusa á Xunta de avisarlles “sen apenas tempo” dos seus actos institucionais

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, acusou á Xunta de, con "bastante frecuencia", avisar "sen...