O Consorcio de Santiago adxudicou a RETECO, S.L.U. (Rehabilitaciones Técnicas y Construcciones Compostela, S.L.U.) as obras de reparación da Quinta dos Fuentes, en Vidán. O contrato ascende a 104.472,78 euros, IVE incluído, e abrangue tanto o reforzo da estrutura de madeira como as actuacións para reducir as humidades e evitar novas filtracións.
A intervención estrutural concentrarase na planta alta e na torre. No primeiro caso, os traballos afectarán principalmente aos pontóns de castiñeiro do forxado, que presentan deformacións importantes. Na torre repararanse dúas trabes de madeira. Segundo informou o Consorcio, as solucións serán compatibles co sistema construtivo orixinal do inmoble.
Para evitar novas entradas de auga, a obra inclúe a mellora da estanquidade da cuberta, a renovación dos canlóns e das baixantes e a reparación dos puntos de unión entre elementos construtivos. O proxecto prevé tamén instalar unha drenaxe na parte posterior do edificio.
Na torre colocaranse novas carpintarías exteriores para mellorar o illamento térmico e acústico. Os balcóns que aínda carecen de proteccións de vidro incorporaranas. No xardín, reorganizarase o sebe para facilitar o uso da planta baixa e respectarase a composición do espazo.
DA FÁBRICA DE CURTIDOS AO USO VECIÑAL
Coñecida historicamente como ‘Casa de Brandía’, a Quinta dos Fuentes ten a súa orixe a finais do século XVIII. O inmoble formou parte dun complexo industrial ligado a unha antiga fábrica de curtidos nas marxes do río Sar.
Na actualidade, a Asociación de Veciños de Vidán utiliza a quinta como centro sociocultural para desenvolver a súa actividade social e comunitaria. A intervención mellorará as condicións de conservación do edificio e contribuirá a manter o seu uso veciñal.

