InicioSANTIAGOAMESAmes activa a Comisión da Seca e prepara un arranxo provisional na...

Ames activa a Comisión da Seca e prepara un arranxo provisional na presa da Ponte Maceira

O Concello mantén restricións no uso da auga, estuda sistemas de bombeo e cisternas e coordínase con Brión e Santiago ante a situación de prealerta

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Ames reuniu este martes a Comisión da Seca para avaliar a situación do abastecemento de auga no municipio despois de que a Xunta de Galicia decretase o pasado 11 de agosto o nivel de prealerta por seca. O órgano, previsto no Plan Municipal de Emerxencias ante situacións de seca aprobado por unanimidade no pleno ordinario de xuño, está pensado para reunirse cando se alcanza a fase de alerta, aínda que o goberno local decidiu adiantarse e convocar unha primeira xuntanza de seguimento.

A reunión coincidiu ademais cunha comunicación de Augas de Galicia, que trasladou ao Concello a súa disposición a autorizar unha intervención provisional na presa da Ponte Maceira. A actuación consistiría na recolocación das pedras da estrutura para intentar reducir a perda de auga que se está producindo neste punto do río Tambre.

A primeira tenente de alcalde, Susana Señorís, repasou durante a comisión as medidas de aforro que xa están en vigor. Entre elas figuran o peche das duchas das instalacións deportivas e das fontes públicas, así como a suspensión do rego dos campos de fútbol, das zonas verdes, parques e xardíns e das hortas urbanas. O rego dos espazos axardinados, segundo explicou o Concello, xa estaba practicamente suprimido desde xullo.

Estas actuacións súmanse ao bando publicado polo Concello tras a declaración da prealerta, no que se reclama á poboación que reduza o consumo e limite os usos que non resulten imprescindibles.

Señorís advertiu da necesidade de manter as medidas para preservar as reservas dispoñibles. “Estamos tendo un problema serio coa falta de auga co cal todas as medidas que se adoptaron son necesarias para evitar futuros cortes de auga á veciñanza”, sinalou.

O Concello traballa tamén en alternativas para garantir o subministro se a situación empeora. Entre as posibilidades que se están analizando figura a instalación dun sistema de bombas que permita manter a entrada de auga nas tubaxes no caso de que estas queden descubertas pola baixada do nivel. Augas de Ames estuda igualmente a utilización de cisternas para levar auga a determinados lugares do rural se chegase a ser necesario.

“Estamos traballando noutras medidas preventivas para empregar un sistema de bombas que permita abastecer as tubaxes no caso de que quedasen descubertas. Ademais, Augas de Ames está estudando o posible uso de cisternas por se fose necesario levar auga a algún punto do rural”, explicou Señorís.

A Comisión da Seca funciona como órgano municipal de coordinación das actuacións relacionadas coa escaseza hídrica, desde as medidas preventivas ata posibles restricións e campañas para reducir o consumo.

Na xuntanza participaron Susana Señorís; o concelleiro de Urbanismo e Administración Xeral, Víctor Fernández; a xerente de Augas de Ames, Genma Otero; o técnico municipal do ciclo integral da auga, Esteban de la Fuente; a enxeñeira xefa de Augas de Ames, Verónica Castro; e as voceiras municipais do Partido Popular, Oliva Agra; do BNG, Escarlata Pampín; e de Espazo Común, Luísa Feijóo.

Un dos asuntos centrais abordados foi a situación da presa da Ponte Maceira, onde existe unha fuga que está provocando unha perda de auga no Tambre. Genma Otero explicou que Augas de Ames recibiu este martes unha chamada de Augas de Galicia na que o organismo autonómico mostrou a súa vontade de permitir unha intervención de carácter provisional.

Técnicos de Augas de Galicia e do Concello desprazaranse este mércores, 19 de agosto, á Ponte Maceira para concretar sobre o terreo a fórmula que se utilizará para executar a actuación transitoria.

O Concello xa solicitara o pasado venres, 14 de agosto, o permiso necesario para intervir na presa. A solución prevista pasa por recolocar as pedras da estrutura para diminuír a fuga mentres non se executa unha actuación de maior alcance.

A intervención definitiva prevista por Augas de Ames ten un custo estimado de arredor de 400.000 euros. O arranxo que agora se prepara terá, por tanto, carácter temporal e está directamente relacionado coa situación de prealerta existente no municipio.

Augas de Ames está realizando tamén un control diario da evolución do consumo, con especial atención aos usuarios que empregan maiores volumes de auga. O Concello remite ademais información periódica a Augas de Galicia sobre a situación no municipio.

“Estase controlando o gasto de auga dos grandes consumidores. Na actualidade estamos enviando informes a Augas de Galicia sobre o consumo de auga en Ames”, indicou Genma Otero.

Segundo a xerente, as actuacións preventivas comezaron hai aproximadamente mes e medio, mentres que as campañas para fomentar un uso responsable da auga levan preto de dous meses en marcha.

“Notamos a baixada no consumo de auga, pero non podemos baixar a garda porque a situación é complicada”, advertiu.

O Concello e Augas de Ames puxeron en marcha en xuño a campaña ‘Cada gota conta’, destinada a reducir o gasto de auga e concienciar sobre a necesidade de preservar o recurso. Posteriormente, o 9 de xullo, publicouse un novo bando municipal con medidas urxentes e extraordinarias de aforro.

AMES COORDÍNASE CON BRIÓN E PREVÉ REUNIRSE CON SANTIAGO

A situación do Tambre levou tamén o Concello a manter contactos cos municipios próximos. Ames e Brión xa acordaron aplicar medidas preventivas equivalentes, unha coordinación que resulta especialmente relevante porque ambos os concellos comparten a estación potabilizadora situada na ribeira do río.

O goberno amesán quere ampliar esa coordinación a Santiago de Compostela. Está previsto que proximamente se celebre unha reunión entre o concelleiro de Servizos Básicos de Ames, Gustavo Nieto, e o responsable desta área na capital galega, Xesús Domínguez.

O obxectivo será coñecer a situación da captación compostelá e dispoñer de información suficiente para decidir se deben aplicarse novas limitacións. Parte da auga que chega a Ames pasa previamente polo sistema de Santiago, polo que a evolución das reservas e do consumo na capital pode influír tamén nas decisións que adopte o Concello amesán.

UN PLAN DIRECTOR PARA PLANIFICAR A XESTIÓN DA AUGA

En paralelo ás medidas inmediatas, o persoal de Augas de Ames está preparando os pregos para contratar un plan director de xestión dos recursos hídricos a medio e longo prazo.

ÚLTIMAS

Denuncian “unha nova saturación” en Urxencias do Hospital Clínico de Santiago

A CIG denunciou "unha nova saturación" nas Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago,...

Boqueixón licita novas obras de saneamento por preto de 70.000 euros para seis aldeas

O Concello de Boqueixón vén de licitar dous proxectos destinados a ampliar e mellorar...

Santiago completa a mellora da rúa San Martiño de Aríns tras investir preto de 700.000 euros

O Concello de Santiago deu por finalizada a intervención na rúa San Martiño de...

A nova compañía aérea Fly2Galicia abre a venda dos seus voos dende Santiago con oito destinos directos

Fly2Galicia xa abriu ao público a súa páxina web e activou a venda de...

Ames abre as axudas de ata 1.500 euros para familias numerosas e monoparentais

O Concello de Ames mantén aberto ata o próximo 14 de setembro o prazo...

Ames licita por case 3,3 millóns a construción do mercado municipal de Bertamiráns

Ames avanza na posta en marcha do seu futuro mercado municipal. A Xunta de...

Trasmonte celebra tres días de festa con música, actividades infantís e Broken Peach

A parroquia de Trasmonte inicia este venres unha nova edición das súas festas, cunha...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here