InicioPOLÍTICAPedro Sánchez reúne 10.000 persoas en Santiago e apela ao voto feminino...

Pedro Sánchez reúne 10.000 persoas en Santiago e apela ao voto feminino para defender os dereitos sociais o 29N

O presidente do Goberno protagonizou no Multiusos Fontes do Sar o acto máis multitudinario da campaña socialista

Publicado o

Xornal de Compostela

O presidente do Goberno e candidato socialista á reelección, Pedro Sánchez, reuniu este venres unhas 10.000 persoas no Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela, segundo as cifras facilitadas polo PSOE, nun acto electoral marcado pola defensa dos dereitos sociais, as críticas ao Partido Popular e a Vox e os chamamentos á participación nas eleccións xerais do próximo 29 de novembro. O líder socialista dedicou unha parte central da súa intervención ás mulleres e á continuidade da Lei de eutanasia, coa presenza de Ramona Maneiro, antiga parella de Ramón Sampedro, como un dos momentos destacados da xornada.

“Pido a forza das mulleres, pido o voto masivo das mulleres de Galicia e de toda España para unha gran vitoria o próximo 29 de novembro”, declarou Sánchez ante un pavillón que completou o seu aforo habilitado para a ocasión, incluídas as bancadas superiores.

A defensa da Lei de eutanasia ocupou un lugar destacado no discurso do presidente, especialmente despois de que Ramona Maneiro lle entregase un libro durante o acto. Sánchez recuperou a figura de Ramón Sampedro para reivindicar os avances lexislativos relacionados co dereito a decidir sobre o final da vida e cuestionar a intención anunciada por Alberto Núñez Feijóo de reformar a normativa.

O candidato socialista advertiu de que un eventual Goberno do PP e Vox podería supoñer un retroceso nesta materia e asegurou que a súa formación se opoñerá á derrogación da lei. Ao seu xuízo, o caso de Sampedro permite comprender “o difícil que é conquistar dereitos e o fácil que é arrebatalos”.

O PSOE supera a asistencia do mitin de Feijóo no mesmo pavillón

A elección do Multiusos Fontes do Sar tivo tamén unha dimensión política, xa que o PP celebrara no mesmo recinto o seu principal mitin galego da campaña apenas seis días antes. Naquela ocasión, a organización popular cifrara a asistencia nunhas 8.000 persoas e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, desafiara os socialistas a igualar a convocatoria.

Este venres, o PSOE anunciou unha participación de 10.000 asistentes e habilitou tamén as dúas bancadas superiores do pavillón, que permaneceran pechadas durante o acto dos populares.

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, aproveitou esta circunstancia para responder directamente ao desafío de Rueda. “Aquí estamos toda Galicia. Dicía o PP que a ver se os igualabamos. E non os igualamos, mellorámolos, varrémolos”, afirmou, antes de dirixirse a Sánchez para sinalar: “Onde eles encheron, o teu desbordaches”.

Besteiro dedicou boa parte da súa intervención a cuestionar a xestión de Feijóo durante a súa etapa á fronte da Xunta. Entre outras cuestións, sostivo que a débeda pública galega se triplicara durante os seus mandatos e criticou a súa política de vivenda, ao considerar que non impulsara suficientemente a promoción pública.

Tamén se referiu ás fotografías e á relación pasada de Feijóo co narcotraficante Marcial Dorado, ademais de censurar a posición dos populares respecto da denominada lei de netos.

O líder dos socialistas galegos resumiu a súa intervención cunha mensaxe dirixida ao candidato popular: “O mellor que fixo por Galicia foi marcharse e o peor que pode facer por España é quedar”.

Pedro Blanco pide a Sánchez que regrese a Compostela polo Xacobeo 2027

A representación compostelá tivo protagonismo no inicio do mitin coa intervención do delegado do Goberno en Galicia e candidato socialista á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, que abriu a quenda de discursos cunha reivindicación da súa traxectoria sindical e da defensa dos dereitos laborais.

Blanco empregou unha referencia á coñecida expresión sobre os cans que ladran mentres a caravana avanza para responder ás críticas da oposición. “Pedro, de can a can. Os que ladran son eles, o Partido Popular e Vox, e fano porque esta España de progreso que estás a construír cabalga”, manifestou.

O candidato á Alcaldía tamén introduciu unha referencia ao futuro inmediato da capital galega ao pedirlle a Sánchez que volva visitar Santiago durante o Xacobeo 2027, expresando o seu desexo de que daquela ambos ocupen, respectivamente, a Presidencia do Goberno e a Alcaldía compostelá.

Durante a súa intervención, anunciou ademais que lle entregaría ao presidente un exemplar dos poemas de Federico García Lorca traducidos ao galego.

Carmela Silva reivindica a morte digna cunha lembranza persoal

Outra das intervencións centrais correspondeu á candidata número un ao Senado, Carmela Silva, que accedeu ao escenario acompañada pola ‘Muiñeira de Chantada’ e centrou o seu discurso nas políticas de igualdade, as pensións, os salarios e a protección das persoas traballadoras.

Silva compartiu coa audiencia a experiencia do falecemento da súa irmá, que padecera catro cancros, para explicar a súa posición favorable ao dereito a unha morte digna.

“Vouche votar pola miña irmá, que faleceu, que tivo catro cancros e ao final tivo que ser sedada, e eu defendo a vida digna e a morte digna”, afirmou nunha intervención que provocou que o público se levantase dos seus asentos.

A candidata tamén contrapuxo as posicións políticas de Sánchez coas de Feijóo e Abascal mediante referencias á luz e á obra de Rosalía de Castro.

Pola súa banda, Obdulia Taboadela, cabeza de lista socialista ao Congreso pola provincia da Coruña, incidiu na importancia da participación electoral para conseguir a continuidade de Sánchez á fronte do Executivo central.

Dirixentes históricos, representantes municipais e música no Fontes do Sar

O mitin contou coa asistencia de numerosos cargos do socialismo galego, entre eles os expresidentes da Xunta Emilio Pérez Touriño e Fernando González Laxe, que formaron parte da comitiva que acompañou a Sánchez á súa chegada. Tamén estivo presente o exministro de Fomento José Blanco.

Entre os asistentes destacou igualmente o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, ‘Gelo’, de Alternativa dos Veciños, unha formación independente coa que goberna o municipio coruñés de maneira ininterrompida desde 2003. O rexedor, que se define ideoloxicamente como comunista, ten protagonizado distintas polémicas públicas, entre elas a instalación dunha estatua dedicada ao Che Guevara e as súas declaracións contra o presidente estadounidense Donald Trump.

A música acompañou a chegada dos asistentes durante as horas anteriores ao inicio dos discursos. No recinto escoitáronse cancións de Ricky Martin, Miguel Ríos, Raffaella Carrà, Hombres G, Rosalía, AC/DC, Survivor, Aitana e Isabel Aaiún, entre outros artistas.

Tamén houbo unha actuación en directo de Andrea do Río e a súa banda, que interpretaron unha versión de ‘People Have the Power’, de Patti Smith, antes das intervencións principais.

Nas bancadas e na pista predominaron as bandeiras galegas e as do PSOE, aínda que tamén se puideron ver algunhas bandeiras republicanas. A presenza da bandeira española foi menor que noutros actos recentes da campaña socialista.

ÚLTIMAS

Néstor Rego, candidato do BNG ao Congreso: “Se o PSOE quere ter o apoio do BNG, vai ter que aceptar os nosos compromisos”

O deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Congreso, Néstor Rego, aborda nunha entrevista...

Marc Marginedas: “O meu secuestro reforzou a miña vocación de xornalista”

A propaganda converteuse nun dos principais instrumentos de influencia internacional do Kremlin. Así o...

Santiago estrea a credencial especial do Xacobeo 2027: xa está dispoñible para os peregrinos

A Oficina de Acollida ao Peregrino presentou este venres, 20 de novembro, a Credencial...

Mediaset retransmitirá as badaladas de Fin de Ano desde a Praza do Obradoiro con Ión Aramendi e María Lamela

A Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela será o escenario elixido por Mediaset...

Néstor Rego, candidato do BNG ao Congreso: “Se o PSOE quere ter o apoio do BNG, vai ter que aceptar os nosos compromisos”

O deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Congreso, Néstor Rego, aborda nunha entrevista...

O Concello cifra en 3,2 millóns o custo das conexións de autobús con Teo

O Concello de Santiago de Compostela está a analizar as condicións económicas para manter...