A Oficina de Acollida ao Peregrino presentou este venres, 20 de novembro, a Credencial do Peregrino na súa tirada especial con motivo do Ano Santo Compostelán 2027. Segundo informou a Fundación Catedral de Santiago nunha nota de prensa, a credencial foi deseñada seguindo os elementos gráficos escollidos para o próximo xubileo, como son o logotipo, a tipografía e as cores, así como o lema ‘Ao ver a estrela enchéronse de inmensa alegría’, tomado do Evanxeo de San Mateo. A Credencial expídea a Catedral de Santiago e é o documento oficial e necesario para obter a Compostela, que acredita ter cumprido a peregrinación ao sepulcro do Apóstolo Santiago. A edición para este 2027 xa se pode conseguir na Oficina de Acollida ao Peregrino ou noutras institucións autorizadas pola Catedral de Santiago para a súa distribución, como parroquias, confrarías e Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago.

