InicioSANTIAGOAMESAmes lanza unha campaña para reforzar o uso responsable dos patinetes eléctricos

Ames lanza unha campaña para reforzar o uso responsable dos patinetes eléctricos

O Concello difundirá as normas de circulación destes vehículos de mobilidade persoal e a Policía Local intensificará os controis nos próximos días

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Ames puxo en marcha unha nova campaña de concienciación sobre o uso dos patinetes eléctricos nas vías públicas, coincidindo coa conmemoración do Día Mundial da Seguridade Viaria, que se celebra este 10 de xuño. A iniciativa, impulsada pola Concellaría de Mobilidade, leva por lema ‘Se nos respectamos, todas e todos gañamos!’ e busca informar tanto ás persoas usuarias destes vehículos de mobilidade persoal como ao resto de condutores que comparten espazo con eles.

A campaña recolle as novas normas da Dirección Xeral de Tráfico para os patinetes eléctricos que entraron en vigor en 2026 e inclúe recomendacións e obrigas dirixidas a mellorar a convivencia nas vías de circulación. Ademais, o Concello anunciou que os axentes da Policía Local de Ames reforzarán nos próximos días os controis sobre o uso destes vehículos.

A concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, explicou que o obxectivo é dobre: informar ás persoas que se desprazan en patinete eléctrico e lembrar tamén aos condutores doutros vehículos que deben respectar a súa presenza na vía. “O que pretendemos con esta campaña é que os usuarios e usuarias destes patinetes coñezan as normas de circulación, pero por outro lado tamén incluímos aos condutores para que tamén aprendan a respectar a estes vehículos de mobilidade persoal”, sinalou.

Martínez incidiu na importancia de que a veciñanza coñeza as regras básicas para evitar situacións de risco. “É moi importante que todos saibamos compartir os espazos públicos e que saibamos convivir”, afirmou. A concelleira tamén avanzou que “durante os vindeiros días a Policía Local de Ames intensificará o control sobre estes vehículos de mobilidade persoal”.

Entre as indicacións dirixidas ás persoas que conducen patinetes eléctricos, o Concello lembra a obriga de cumprir as normas de tráfico, empregar casco, circular de maneira visible en condicións de pouca luz e estacionar sen dificultar o paso. Tamén se recomenda o uso de roupa reflectante pola noite ou en situacións de baixa visibilidade e sublíñase a necesidade de respectar ao resto das persoas usuarias da vía.

A campaña recolle tamén os requisitos técnicos que deben cumprir estes vehículos. Os patinetes eléctricos deben contar con luces e catadióptricos diante e detrás, sistema de freos, timbre e certificación. Ademais, non poden superar os 25 km/h e deben dispoñer de seguro de responsabilidade civil en vigor e rexistro na DXT.

No apartado de prohibicións, o Concello lembra que un patinete eléctrico non pode ser conducido por menores de 16 anos nin por persoas baixo os efectos do alcol ou das drogas. Tampouco está permitido que circule máis dunha persoa no mesmo vehículo, nin utilizar auriculares ou teléfono móbil durante a condución.

A normativa tamén impide circular con estes vehículos polas beirarrúas, xardíns, prazas e pasos de peóns, así como por estradas interurbanas, autovías ou túneles urbanos. Estas restricións forman parte das medidas coas que se pretende ordenar a circulación dos patinetes eléctricos e reducir os riscos para peóns e outros usuarios da vía.

A campaña municipal inclúe igualmente recomendacións para as persoas que conducen coches ou outros vehículos e comparten a vía con patinetes eléctricos. Entre elas figura manter unha distancia mínima de 1,5 metros ao adiantar, revisar os espellos e a contorna antes de realizar calquera manobra, reducir a velocidade en pasos de peóns e interseccións e extremar a precaución de noite ou en condicións de pouca visibilidade.

O Concello tamén advirte dos riscos asociados a determinadas condutas dos condutores, como cambiar de carril ou xirar sen comprobar os ángulos cegos, manobrar sen empregar os intermitentes ou abrir a porta do coche sen revisar antes o lateral. Este último caso, coñecido como efecto dooring, supón un risco de accidente para quen circula en patinete ou bicicleta.

A campaña lembra ademais que non se debe circular demasiado preto dos patinetes eléctricos, adiantar sen respectar a distancia lateral mínima, invadir ou deterse nos carrís habilitados para estes vehículos nin aparcar bloqueando o carril bici.

ÚLTIMAS

A CIG denuncia a “cronificación” da masificación nas Urxencias do CHUS, con case 500 entradas diarias

A CIG volveu denunciar a “cronificación” da asistencia masiva e a “falta de medios”...

Santiago proba no Restollal e o Castiñeiriño colectores de resto que só abrirán con tarxeta

O Restollal e o Castiñeiriño serán o escenario dun novo proxecto piloto para modificar...

O PSOE pide un plan director para adaptar as instalacións deportivas de Santiago ao aumento da demanda

O Grupo Municipal Socialista de Santiago levará ao Pleno ordinario deste mes unha proposta...

O novo transporte urbano de Santiago comezará a operar nun prazo máximo de tres meses

O novo servizo de transporte urbano de Santiago de Compostela deberá entrar en funcionamento...

Ames reunirá 392 atletas de 43 países no Mundial de 100 quilómetros

O concello de Ames converterase o próximo 20 de setembro nun dos centros do...

Colectivos veciñais de Ames esixen explicacións ao Concello pola desaparición do can ‘Gordo’

Colectivos veciñais e particulares de Ames reclamaron explicacións ao Concello polo paradoiro de 'Gordo',...

O BNG de Ames reivindica a memoria das vítimas do franquismo e alerta contra o seu branqueamento

A reivindicación da memoria das vítimas da represión franquista centrou un acto no que...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here