InicioSANTIAGOAMESA Real Academia Galega e o Concello de Ames impulsan a cuarta...

A Real Academia Galega e o Concello de Ames impulsan a cuarta edición de ‘Modo galego, actívao!’ en once centros públicos

O programa involucra arredor de 2.700 escolares, preto de 300 docentes e máis de 200 profesionais da educación non formal, cunha aposta polo uso do galego en todos os ámbitos cotiáns

Publicado o

Xornal de Compostela

A Real Academia Galega e o Concello de Ames colaboran na cuarta edición da iniciativa ‘Modo galego, actívao!’, un programa dirixido a fomentar o uso da lingua galega entre o alumnado de educación infantil e primaria do municipio. A proposta abrangue este curso a uns 2.700 nenos e nenas dos 11 centros públicos de Ames.

A actividade arrancou tras a celebración do Día de Reis e prolongarase ata este venres, 6 de febreiro, coa implicación de arredor de 300 docentes e máis de 200 profesionais da educación non formal, segundo trasladou o consistorio. O programa propón unha aproximación global ao uso do idioma, promovendo que o galego estea presente durante o maior tempo posible en todas as situacións do día a día.

Neste sentido, o Concello subliñou que a iniciativa non se limita ao ámbito estritamente académico, senón que inclúe tamén espazos como o comedor escolar, as actividades extraescolares e mesmo o entorno familiar, co obxectivo de reforzar a presenza da lingua propia fóra da aula.

Desde os centros participantes destácase o impacto da iniciativa no alumnado. Luís Dobarro, responsable do CEIP de Ventín, un dos colexios incluídos no programa, sinalou que ‘Modo galego, actívao!’ “motiva aos nenos e nenas a asumir con aprecio o desafío de expresarse en galego” e apuntou que durante estes días “escóitase moito nas aulas, nos corredores ou no patio”.

A administración municipal salientou tamén o carácter integral do proxecto, ao contar coa participación simultánea de todos os centros educativos do concello, unha estratexia orientada a “animar a romper a falar a lingua propia” e a facer fronte á perda do 10% de galegofalantes iniciais detectada nos últimos anos.

Por outra banda, o Concello de Ames destacou que a Real Academia Galega traballa xa na extensión do programa a outros municipios galegos, entre os que se atopan Pontevedra, Carballo ou Rois. Ademais, puxo en valor a implicación da RAG noutras iniciativas de ámbito tecnolóxico, como a doazón de voces en galego ao ‘Proxecto Nós’, unha liña de traballo orientada a mellorar a presenza do idioma no ámbito dixital e favorecer a súa incorporación no desenvolvemento de aplicacións baseadas na Intelixencia Artificial.

ÚLTIMAS

Tres voos con destino a Alvedro desvíanse a Lavacolla por falta de visibilidade na pista coruñesa

Tres voos con destino ao aeroporto da Coruña, en Alvedro, tiveron que ser desviados...

Os socialistas tamén apoiarán a moción sobre a canteira de Miramontes

O Grupo Municipal Socialista de Santiago anunciou tamén esta mañá o seu apoio á...

O xulgado deixa en liberdade as catro persoas detidas polos narcopisos do Ensanche de Santiago

O Xulgado de Instrución número 3 de Santiago de Compostela decretou a posta en...

Mila Castro pide consenso institucional para esixir a retirada dos residuos da canteira de Miramontes

A concelleira non adscrita de Santiago, Mila Castro, manifestou a súa satisfacción pola sentenza...

A Policía Local de Ames detén a un home con orde de ingreso en prisión tras identificalo en Bertamiráns

A Policía Local de Ames detivo na mañá deste martes a unha persoa sobre...

O BNG denuncia deficiencias no transporte público entre Bertamiráns, O Milladoiro e Santiago

O Bloque Nacionalista Galego denunciou as deficiencias do transporte público que conecta o concello...