InicioSANTIAGOAMESAmes celebra a Gran Festa de Reis con recepcións reais, cabalgatas e...

Ames celebra a Gran Festa de Reis con recepcións reais, cabalgatas e actividades en Bertamiráns e O Milladoiro

As recepcións cos Reis Magos, as cabalgatas do día 5 e a Gran Festa con chocolate e rosca centran a programación, que se completa con concertos ata o 10 de xaneiro

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Ames acolle desde mañá, día 3, e ata o próximo luns 5 de xaneiro a Gran Festa de Reis, unha das citas centrais da programación de Nadal municipal, activa desde o acendido das luces a comezos de decembro. Durante estes días, a infancia do municipio poderá participar nas recepcións reais, asistir ás cabalgatas en Bertamiráns e no Milladoiro e gozar da Gran Festa de Reis, que incluirá chocolate, rosca e animación musical.

A programación arrinca o sábado 3 e o domingo 4 de xaneiro cos encontros cos Reis Magos nos pavillóns municipais de Bertamiráns e do Milladoiro. As recepcións desenvolveranse en dobre quenda, de 11:00 a 13:30 e de 17:00 a 19:30, ambos días e en ambos núcleos. Para participar é preciso inscribirse previamente mediante cita a través da Sede electrónica do Concello, cun prazo aberto ata hoxe, venres 2 de xaneiro ás 14:00. O sistema de organización prevé catro visitas simultáneas cada cinco minutos para facilitar a participación das familias.

O luns 5 de xaneiro pola mañá, os Reis Magos realizarán un percorrido polas parroquias do concello. A visita comezará ás 10:00 en Ameixenda e Cruxeiras e continuará por Augapesada (10:30), Piñeiro e Covas (11:00), Tapia e Ortoño (11:30), Lens (12:00), Agrón e Bugallido (12:30), Trasmonte (13:00) e Biduído (13:30), onde se porá o punto final á rolda matinal.

Xa pola tarde, terán lugar as cabalgatas de Reis. No Milladoiro, o desfile comezará ás 17:00, con saída da Igrexa e paso polas rúas Agriños, Travesía do Porto, Agro do Medio, Agro da Magdalena e Cereixos. Ao remate, arredor das 18:00, as Súas Maxestades trasladaranse ao pavillón municipal para a Gran Festa de Reis, na que se ofrecerá chocolate e rosca, tamén con opción sen glute, ademais de actuacións musicais e sesión de DJ.

En Bertamiráns, a cabalgata iniciarase ás 19:00 desde a nave de Obras, en Lapido, e percorrerá a Avenida da Maía, a Travesía Pedregal, a rúa Pedregal e a Avenida da Peregrina. A chegada ao pavillón municipal está prevista arredor das 20:00, onde se celebrará unha segunda Gran Festa de Reis co mesmo formato festivo.

Unha parte significativa dos caramelos que se repartirán durante as cabalgatas procederá do comercio Milladoiro Center Paloma, situado na rúa Pardiñeiros 13, que achegou 50 quilos de lambetadas sen glute destinadas ao Tren de Nadal e ás propias festas e desfiles de Reis.

Tras a Gran Festa de Reis, a programación de Nadal entra na súa recta final con dúas propostas musicais. O venres 9 de xaneiro, ás 20:00, a Casa da Cultura do Milladoiro Anxo Gómez acollerá un concerto do violinista amesán recentemente galardoado co premio extraordinario en ensinanzas artísticas profesionais de música, que actuará xunto á pianista Haruna Takebe. Ao día seguinte, o sábado 10, ás 19:00, o mesmo espazo será escenario do Concerto de Reis co que as agrupacións corais de Ames porán o peche definitivo ao Nadal. Para ambas actuacións será necesario retirar convite gratuíto a través da Billeteira electrónica do Concello.

ÚLTIMAS

Lucía Suárez, directora da Galería Dupla: “A arte é algo moi universal e nós somos unha ponte entre os artistas e o público”

A directora da galería Dupla, Lucía Suárez, asumiu este ano a presidencia de Contemporánea,...

O Festival Maré reunirá en Santiago artistas de máis de 16 países na súa sétima edición

O Festival Maré celebrará do 23 ao 27 de setembro a súa sétima edición...

Pedro Blanco inicia unha rolda polos barrios de Santiago para elaborar propostas coa veciñanza

O candidato socialista á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, iniciou este martes '#ConversasDeBarrio', unha...

Verea comprométese a reducir a 30 días o pagamento aos provedores no primeiro ano de mandato

O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, volveu situar os prazos de...

Ames reunirá 392 atletas de 43 países no Mundial de 100 quilómetros

O concello de Ames converterase o próximo 20 de setembro nun dos centros do...

Colectivos veciñais de Ames esixen explicacións ao Concello pola desaparición do can ‘Gordo’

Colectivos veciñais e particulares de Ames reclamaron explicacións ao Concello polo paradoiro de 'Gordo',...

O BNG de Ames reivindica a memoria das vítimas do franquismo e alerta contra o seu branqueamento

A reivindicación da memoria das vítimas da represión franquista centrou un acto no que...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here