InicioSANTIAGOAMESAmes aproba de forma inicial a ordenanza para instaurar as cerimonias de...

Ames aproba de forma inicial a ordenanza para instaurar as cerimonias de ‘Benvida Social’

O pleno municipal valida unha proposta que ofrece unha alternativa laica aos bautizos cristiáns, pendente agora de exposición pública

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Ames aprobou de forma inicial, na sesión plenaria deste xoves, a nova ordenanza que regulará a carta de ‘Benvida Social’, un acto simbólico que pretende ofrecer unha alternativa laica aos bautizos relixiosos para dar a benvida pública a novos membros da comunidade. A iniciativa, impulsada polo grupo de goberno socialista, foi apoiada tamén pola concelleira de ‘Espazo Común’, mentres que BNG e Partido Popular abstivéronse, sinalando reservas tanto de carácter práctico como ideolóxico.

Segundo explicou o portavoz socialista, Víctor Fernández, a proposta responde a unha “demanda social” por parte de familias que desexan contar cun acto cívico co que presentar á súa descendencia, “sen pretender substituír os bautizos cristiáns”. O novo regulamento contempla que a cerimonia, sen efectos xurídicos pero con carga simbólica, sexa oficiada polo alcalde ou un concelleiro delegado, nun acto que inclúe a lectura de textos legais e un compromiso público por parte das persoas proxenitoras.

O texto aprobado establece que o pai, nai ou titor legal deberá comprometerse a educar ao neno ou nena “en valores de paz, liberdade e xustiza social”, fomentando o respecto á diversidade, ás persoas maiores e con capacidades diferentes, e promovendo unha integración responsable na comunidade veciñal.

Dende ‘Espazo Común’, a edil Luísa Feijóo defendeu a proposta como “un instrumento político que recoñece a pluralidade cultural e relixiosa crecente” e subliñou que “en política os símbolos importan, porque constrúen identidade e comunidade”. Afirmou que, aínda que a cerimonia careza de validez legal, a súa institucionalización supón un avance cara a un modelo social máis inclusivo.

Porén, tanto BNG como Partido Popular amosaron reticencias. A portavoz nacionalista, Escarlata Pampín, lamentou que a iniciativa “non represente un avance real nas políticas municipais”, advertindo do “traballo adicional que supón” e do escaso retorno público. Xustificou a abstención do seu grupo en que “non ten sentido asumir os custos destas celebracións nun momento no que é urxente mellorar a eficiencia e simplificación administrativa”.

Na mesma liña, a voceira popular Oliva Agra considerou que a proposta constitúe “un intento de copiar o bautizo cristián” e afirmou que “non se trata dunha prioridade” para o seu grupo. Ademais, cuestionou como se compatibilizarán estas cerimonias coas xa existentes, como as vodas civís, e advertiu dunha posible colisión no uso dos recursos e do espazo institucional.

Agora, a ordenanza quedará en exposición pública durante 30 días hábiles, prazo no que se poderán presentar alegacións. Se durante ese período non se rexistran reclamacións, entrará automaticamente en vigor. No caso de que se formulen alegacións, estas deberán ser resoltas polo pleno antes da súa aprobación definitiva.

A proposta da carta de ‘Benvida Social’ en Ames súmase a outras experiencias semellantes en diferentes municipios do Estado que, nos últimos anos, impulsaron cerimonias civís para dar a benvida a menores como unha vía de expresión dos valores democráticos e de convivencia plural. A decisión de Ames sitúa o concello coruñés como un dos pioneiros en Galicia neste tipo de prácticas.

ÚLTIMAS

Santiago celebra 40 anos como Patrimonio da Humanidade e redefine os seus retos de futuro

Santiago de Compostela celebrou este venres o 40º aniversario da súa declaración como Patrimonio...

Os piquetes impiden a saída dos servizos mínimos e Santiago queda sen autobuses a primeira hora

O transporte urbano e interurbano de Santiago quedou paralizado a primeira hora deste xoves...

Sumar plantexa a incorporación de Mercedes Rosón á súa estratexia para 2027

A Asemblea de Sumar Terras de Compostela aprobou por unanimidade a súa nova dirección...

Ence leva o conflito laboral a Santiago cunha nova xornada de folga e mobilizacións o martes

Os traballadores e traballadoras de Ence en Lourizán volveron sacar o conflito laboral fóra...

Ames acende o Nadal cun acto participativo e homenaxe ao comercio local

A praza do Concello de Bertamiráns converteuse esta tarde no punto de encontro da...

Evacúan un home tras envorcar co seu vehículo en Ames

Un home tivo que ser evacuado tras envorcar co seu vehículo cerca do vello...

Ames impulsa unha nova edición de ‘Ilumina o teu sorriso’ para promover o comercio local

A Casa do Concello de Bertamiráns acolleu esta mañá a presentación dunha nova edición...