InicioSANTIAGOAMESAmes propón melloras na liña de autobús municipal para atender as demandas...

Ames propón melloras na liña de autobús municipal para atender as demandas da veciñanza

O Concello solicita cambios no percorrido e máis vixilancia no cumprimento de horarios e frecuencias

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Ames reuniuse esta mañá coa Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia e coa empresa concesionaria Monbus para analizar o funcionamento da liña de autobús de interese municipal (SIMU) e estudar modificacións que melloren o servizo. A xuntanza, celebrada a raíz do número crecente de queixas veciñais, contou coa presenza do alcalde Blas García, o concelleiro de Mobilidade Víctor Fernández, a directora xeral de Mobilidade Judit Fontela e o presidente de Monbus Raúl López.

Durante o encontro, o Concello de Ames trasladou as principais demandas recollidas entre os usuarios e usuarias do servizo, implantado no ano 2022 para conectar as parroquias de Ortoño, Bugallido e Biduído con Santiago de Compostela, tras a desaparición da liña urbana P2, anteriormente xestionada polo Concello compostelán.

PETICIÓNS CONCRETAS DE MELLORA

Entre as propostas postas sobre a mesa pola administración local, destaca a reorganización das frecuencias da SIMU para evitar solapamentos coa liña de Extramundi, así como o establecemento de novas paradas no Hospital Clínico e no Campus Sur da USC, co obxectivo de responder á alta demanda de estudantes e persoas con citas médicas.

Ademais, o Concello solicitou a inclusión no percorrido das zonas de Fraíz e A Moniña, pertencentes á parroquia de Biduído, que quedaron sen cobertura de transporte público tras a supresión da antiga liña P2. Segundo explicou o alcalde, “é fundamental a ampliación desta liña para que tamén preste servizo á veciñanza de Fraíz e A Moniña”.

Outra das peticións trasladadas foi a necesidade de reforzar o control sobre o cumprimento dos horarios e do percorrido, un dos principais motivos de queixa da cidadanía usuaria, segundo indicou o Concello.

COLABORACIÓN INSTITUCIONAL

O convenio que deu lugar ao servizo SIMU foi asinado no mes de xuño de 2022 entre o Concello de Ames e a Xunta de Galicia, coa intención de mellorar a mobilidade interurbana e dar resposta ás necesidades de transporte nas parroquias do rural. A iniciativa contou nese momento co apoio unánime da Corporación municipal, ao ser aprobado en pleno no mes de abril dese ano.

O percorrido da liña municipal mantense entre Bertamiráns e a estación intermodal de Santiago, con paso por diversos puntos de Ortoño, Bugallido e Costoia, pero a experiencia dos últimos meses puxo de manifesto a necesidade de axustes e melloras na planificación.

Blas García expresou a súa confianza en que esta reunión marque “un punto de inflexión para resolver as deficiencias do servizo” e recalcou que “a confianza da veciñanza só se recupera cun servizo que cumpra horarios, que teña paradas útiles e que funcione de forma regular”.

ÚLTIMAS

O Concello autoriza a restauración integral da Torre do Reloxo da Catedral de Santiago

O Concello de Santiago concedeu ao Arcebispado de Santiago a licenza para acometer a...

A Xunta solicita un plan de continxencia para evitar que se produzan máis verteduras ao río Sar

A Xunta, a través do organismo hidráulico Augas de Galicia, reclamou este luns aos responsables...

Verea salienta o investimento de 82 millóns na nova Fábrica Europea de IA e o reforzo da capitalidade de Santiago

O presidente do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, cualificou hoxe como “unha das...

Traballadores de Ryanair protestan en Lavacolla contra o ERE: “Co noso traballo non se xoga”

Decenas de persoas participaron nunha protesta este luns, no Aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro,...

A carreira pedestre de Ames reúne máis de 1.500 participantes baixo a choiva en Bertamiráns

A localidade de Bertamiráns acolleu este domingo unha nova edición da Carreira Pedestre Popular...

A grave vertedura no río Sar acaba na Fiscalía

O Concello de Ames denunciará ante a Fiscalía de Medio Ambiente a vertedura no río...

O amesán Raúl Rodríguez logra o bronce no Campionato Galego Cadete de Karate

O Pavillón Municipal de Esteiro, en Ferrol, foi escenario o pasado 11 de outubro...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here