A directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, afirmou respectar as “inquietudes veciñais” polo proxecto de implantación dunha planta de valorización de residuos de construción e demolición en Cacheiras, no concello coruñés de Teo, pero destacou que a Xunta realizou ata o momento unha avaliación “rigorosa”.
Na comisión parlamentaria, Echevarría respondeu a unha pregunta sobre este asunto formulada polo deputado do PSdeG Aitor Bouza, quen constatou que os veciños “tiveron que agruparse” para amosar o seu rexeitamento á localización do proxecto e que “vivían moito mellor sen a planta e sen ter que estar reivindicando algo que a Xunta tiña que garantir”.
“Esa planta é unha bomba absoluta nese lugar para todos eses veciños”, advertiu. Pola súa banda, a directora xeral lembrou as distintas fases da tramitación, desde a entrada do expediente o 17 de abril de 2024 ata a resolución favorable do informe de impacto ambiental a finais do pasado ano. “Foi avaliado ambientalmente seguindo rigorosamente a normativa, sen que se recibise alegación ningunha por parte da cidadanía”, subliñou.
Agora, segundo explicou Echevarría, pedíuselle documentación á empresa, que está a ser analizada polos servizos técnicos correspondentes. En paralelo, e ante a “preocupación e mobilización” dos veciños, representantes da veciñanza foron recibidos o pasado 24 de abril na Consellería de Medio Ambiente, onde se lles explicaron os mecanismos de participación dispoñibles.
En consecuencia, segundo dixo, na actualidade estase a requirir aos veciños que solicitaron ser considerados parte interesada que acrediten esa condición. Este recoñecemento daríalles acceso ao expediente, a posibilidade de presentar alegacións e achegar documentación, así como o dereito a recibir notificacións sobre o procedemento. “Nese punto nos atopamos”, concluíu a responsable autonómica.
RIBEIRA, OLEIROS E OURENSE
Por outra banda, a mesma comisión abordou outros asuntos de carácter local, como as obras de reforma e humanización da estrada AC-305, no tramo que discorre por Palmeira, no concello coruñés de Ribeira. A directora da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), María Deza, respondeu sobre as previsións para a súa finalización. O atraso acumulado —cun cambio de empresa polo medio— suporá, segundo explicou, “que os traballos non se poidan rematar ata o outono deste ano”, concretamente ata novembro.
A deputada nacionalista Iria Taibo interesouse pola calidade das augas da praia do Porto de Santa Cruz, en Oleiros, e pediu ao director xeral de Augas, Roi Fernández Añón, medidas “para facer cumprir ao Concello coas obrigas que parece que non está a cumprir”, en relación coa contaminación. Pola súa banda, o deputado popular Argimiro Marnotes valorou as actuacións da Xunta en materia de mobilidade en Ourense, nunha iniciativa que a propia Deza cualificou de “importante aposta pola cidade”.

