InicioSANTIAGOA Xunta Local de Seguridade reforzará a vixilancia en Santiago e coordina...

A Xunta Local de Seguridade reforzará a vixilancia en Santiago e coordina o dispositivo para O Son do Camiño

A reunión presidida por Goretti Sanmartín e Julio Abalde abordou a incorporación de 40 efectivos á Policía Nacional e un operativo con 200 axentes por xornada no festival

Publicado o

Xornal de Compostela

A Xunta Local de Seguridade de Santiago acordou intensificar a coordinación entre as diferentes Forzas e Corpos de Seguridade e reforzar a vixilancia nas zonas consideradas sensibles da cidade. A reunión estivo presidida pola alcaldesa, Goretti Sanmartín, e polo subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, e contou tamén coa participación do concelleiro de Convivencia, Xan Duro.

A xuntanza serviu para revisar os últimos datos de seguridade cidadá no municipio, abordar as demandas veciñais sobre unha maior presenza policial en determinados puntos e ultimar o dispositivo especial previsto con motivo do festival O Son do Camiño, que se celebrará os días 18, 19 e 20 de xuño no Monte do Gozo.

Sanmartín sinalou que “a seguridade cidadá é un tema que nos ocupa e preocupa” e defendeu o traballo de coordinación que se está a desenvolver entre administracións e corpos policiais. A alcaldesa indicou que os datos avaliados apuntan a que Santiago é “unha cidade relativamente segura”, aínda que engadiu que o Concello entende a preocupación da veciñanza e a súa demanda dunha maior vixilancia nalgunhas áreas.

Nese sentido, explicou que o Goberno local solicitou un reforzo de efectivos co obxectivo de mellorar a sensación de seguridade e favorecer intervencións máis eficaces. Sanmartín lembrou, con todo, que algunhas das problemáticas detectadas requiren actuacións “máis transversais e de longo percorrido”. A rexedora trasladou unha mensaxe de tranquilidade á cidadanía e afirmou que “estase actuando, seguirase actuando, e haberá un incremento de efectivos tanto da Policía Nacional como da Policía Local”.

Pola súa banda, Julio Abalde asegurou que Santiago presenta “índices obxectivos de criminalidade” que permiten manter unha situación de relativa tranquilidade, aínda que recoñeceu que as administracións tamén deben atender as percepcións e preocupacións expresadas pola veciñanza. O subdelegado avanzou que nas próximas semanas está prevista a incorporación de 40 efectivos á comisaría da Policía Nacional en Santiago, tanto a través de concursos de traslados como mediante policías en prácticas.

Abalde tamén trasladou a vontade da Policía Nacional de manter reunións estables coas asociacións veciñais e pediu colaboración cidadá para comunicar os incidentes dos que se teña coñecemento, co fin de facilitar a resposta policial e mellorar o seguimento da situación nos diferentes barrios.

Segundo os datos facilitados pola Policía Nacional e analizados na reunión, as infraccións penais rexistradas en Santiago reducíronse un 15% no que vai de ano. O subdelegado atribuíu esta evolución ao traballo coordinado das forzas policiais e á colaboración da cidadanía.

Entre os indicadores expostos figura un descenso do 23% nos delitos contra as persoas, unha baixada do 11% nos delitos contra a liberdade sexual e unha caída do 90% nos roubos con forza en establecementos. Tamén diminuíron os delitos contra o patrimonio, cunha redución do 14%; os delitos graves e menos graves, nun 23%; e os delitos leves, nun 13%.

Outro dos puntos centrais da Xunta Local de Seguridade foi a preparación do operativo para O Son do Camiño. O dispositivo implicará ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, á Policía Local, á Policía Nacional Adscrita, á Garda Civil e ao Concello de Santiago. O obxectivo é garantir o desenvolvemento do festival e organizar tanto a seguridade no recinto e na súa contorna como os desprazamentos vinculados ao evento.

O operativo contará cun reforzo de efectivos e medios especializados, con 200 efectivos en cada xornada do festival. A Policía Nacional mobilizará unidades como a Unidade de Intervención Policial, a Unidade de Prevención e Reacción, TEDAX, Información, Policía Xudicial e a Brigada Móbil, que prestará servizo na Estación Intermodal.

Tamén se despregarán medios aéreos, entre eles drons e sistemas antidrón, así como a Unidade de Guías Caninos. A organización do dispositivo partirá da experiencia acumulada nas edicións anteriores do festival, que concentra durante tres días un importante volume de asistentes no Monte do Gozo e na súa contorna.

No ámbito da mobilidade, Xan Duro confirmou que se manterán dispositivos similares aos de anos anteriores, aínda que con melloras no acceso das persoas residentes na contorna do Monte do Gozo. Tamén continuarán os reforzos de transporte público para facilitar os desprazamentos durante os días de celebración do festival.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

A Alameda de Santiago incorpora un banco para combater a soidade non desexada e fomentar a convivencia

A Alameda de Santiago de Compostela conta desde este martes, 20 de outubro, cun...

A rúa das Rodas recuperará o dobre sentido de circulación este mércores polos atrasos nos autobuses urbanos

O Concello de Santiago de Compostela restablecerá este mércores 21 de outubro o dobre...

Martín Pereira Fariña é elixido novo decano da Facultade de Filosofía da USC por unanimidade

A Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela contará cun novo equipo...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here