InicioPOLÍTICASanmartín reivindica as novas conexións de Lavacolla e chama a abordar a...

Sanmartín reivindica as novas conexións de Lavacolla e chama a abordar a seguridade “dende o rigor”

Sanmartín acusa ao PPdeG de facer "electoralismo" con esta cuestión e os popular Pazos Couñago nega "alarmismo" nas súas acusacións

Publicado o

Xornal de Compostela

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, puxo este venres o foco no incremento de conexións do aeroporto de Lavacolla, que esta semana estreou novas rutas e frecuencias, e defendeu que estes avances son consecuencia dun “traballo intenso e continuado” desenvolvido desde o Concello. Nunha rolda de prensa na que tamén abordou a situación da seguridade na cidade e o estado das obras da rúa de García Lorca, a rexedora reclamou unha política autonómica de impulso ao sistema aeroportuario galego e pediu que o debate sobre a convivencia urbana se faga con datos e sen “noticias falsas”.

Sanmartín celebrou que Santiago fose “case cada día” noticia nos últimos días pola posta en marcha de novas conexións desde Lavacolla. Segundo explicou, o aeroporto conta xa con 17 conexións internacionais, 74 frecuencias e unha maior diversidade de compañías, un obxectivo que, segundo indicou, formaba parte da estratexia municipal para reforzar a conectividade da capital galega.

Entre as rutas que comezaron a operar figuran Nova York, Jerez de la Frontera, Ámsterdam e Cork, ás que se suman novas frecuencias con Dublín e Frankfurt. A alcaldesa vinculou estes avances co labor mantido nos últimos meses polo Concello en contactos con operadores e institucións, e contrapuxo esa liña de actuación ao que definiu como “ruído”.

“Fronte ao ruído, moitas veces o que dá resultado é o traballo: o traballo calado, o traballo por detrás, o traballo intenso”, afirmou Sanmartín, quen asegurou que o goberno local mantén “reunións constantes” para seguir ampliando a conectividade da cidade. Segundo engadiu, estas negociacións só se comunican publicamente cando teñen resultados concretos.

A rexedora aproveitou tamén para reclamar á Xunta unha “política de impulso” do conxunto do sistema aeroportuario galego. Na súa intervención, desligou os resultados acadados en Lavacolla dunha acción autonómica directa e situou o Concello como actor central no traballo desenvolvido para atraer novas rutas.

Sanmartín enmarcou esta cuestión nunha estratexia máis ampla arredor do turismo e da xestión da cidade. Neste sentido, referiuse á reunión impulsada esta semana polo Concello co Arcebispado e Turismo de Galicia, na que se acordou crear unha comisión técnica para ordenar os fluxos de acceso á Catedral. Tamén mencionou a participación municipal no encontro sobre turismo organizado pola Rede Galabra, onde, segundo explicou, se abordaron as preocupacións da veciñanza e a necesidade de preservar os valores culturais, patrimoniais e comunitarios de Santiago.

O CONCELLO PRESENTA UN REQUERIMENTO Á EMPRESA DAS OBRAS DE GARCÍA LORCA POLA DEMORA

Na mesma comparecencia, a alcaldesa informou de que o Concello remitiu esta semana un requirimento formal á empresa adxudicataria da reurbanización integral da rúa de García Lorca. Nese escrito, a administración municipal advirte das “consecuencias contractuais dos atrasos” ante a falta de reinicio dos traballos, que estaba previsto para o 1 de xuño.

Sanmartín explicou que o requirimento foi enviado “en prevención” de posibles incumprimentos de prazo. Aínda así, sinalou que a obra dispón aínda de marxe para desenvolverse dentro do calendario previsto, xa que o prazo de execución remata o 22 de abril de 2027.

“Preocúpanos a demora”, recoñeceu a alcaldesa, que asegurou ter trasladado tamén esta inquietude á veciñanza. Sanmartín agradeceu a “comprensión” das persoas afectadas e afirmou que o Concello comparte o seu malestar pola situación. Ao mesmo tempo, comprometeuse a manter informada a veciñanza sobre a evolución do proceso.

A rexedora lembrou que o novo contrato foi asinado o 11 de maio e que a acta de reinicio se formalizou o 25 de maio. A partir dese momento, os traballos podían retomarse en canto a empresa presentase a documentación necesaria: o plan de seguridade, o plan de residuos e o plan de desenvolvemento dos traballos. Segundo detallou, os dous primeiros documentos xa foron entregados, pero o Concello só recibiu polo momento un borrador da planificación da obra.

“Nese borrador, a empresa prevía recomenzar o día 1 de xuño e nas semanas previas é certo que se produciron movementos de provisión de materiais. Parecía que as obras ían comezar”, explicou Sanmartín. Porén, tras varios contactos do Concello para reclamar o plan definitivo, unha visita realizada o pasado luns confirmou que a empresa aínda non retomara os traballos.

A alcaldesa indicou que falou directamente cos responsables da adxudicataria para insistir na necesidade de axilizar o reinicio. Tamén lembrou que esta intervención xa se viu condicionada pola aparición dunha canalización de fibrocemento vinculada á iluminación pública, o que obrigou a modificar o proxecto, supuxo un sobrecusto de 110.000 euros e derivou na paralización temporal da obra durante a tramitación.

SANMARTÍN RECOÑECE A PERCEPCIÓN DE INSEGURIDADE, PERO PIDE ATENDER AOS DATOS

Outro dos asuntos abordados pola alcaldesa foi a situación da seguridade en Santiago. Sanmartín reiterou a súa “preocupación” polo que definiu como un “ascenso da percepción de inseguridade” e comprometeuse a traballar “intensamente” para afrontar esta realidade, en coordinación con outras administracións, entre elas a Delegación do Goberno.

A rexedora referiuse ás estatísticas publicadas esta semana, que, segundo indicou, amosan unha “evolución positiva” na cidade. En concreto, afirmou que os datos coñecidos reflicten “un descenso dos delitos en xeral contra as persoas e contra o patrimonio”, o que debuxa, ao seu xuízo, un escenario no que Santiago continúa a ser unha cidade “relativamente segura, bastante segura”.

Con todo, Sanmartín admitiu que existe unha sensación crecente de inseguridade entre parte da veciñanza e sinalou que o goberno local non pode ignorala. “Existen dous fenómenos que están a funcionar á vez: un descenso das cifras de delincuencia e un ascenso da sensación de inseguridade”, valorou.

A alcaldesa copresidiu esta semana a Xunta Local de Seguridade xunto ao subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, nun encontro no que se anunciou un reforzo da vixilancia en zonas sensibles da cidade. Este dispositivo incluirá a incorporación de 40 efectivos á Comisaría da Policía Nacional en Santiago e terá especial atención aos puntos nos que poida existir maior conflitividade.

Sanmartín defendeu, ademais, que a resposta á inseguridade debe combinar a presenza policial coa intervención sobre as causas sociais dos conflitos. Neste sentido, mencionou factores como as condicións sociais e educativas ou a exclusión, ámbitos nos que, segundo afirmou, o Concello xa desenvolve liñas de traballo que buscará reforzar.

A alcaldesa respondeu tamén ás declaracións da secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, que este xoves cualificou Santiago como unha cidade “sucia, de ratas, insegura e de narcopisos”. Sanmartín atribuíu estas afirmacións ao “electoralismo” e considerou que responden ao “temor” de que se consolide o actual goberno municipal.

“Unha cidade gobérnase desde o rigor e non desde noticias falsas”, afirmou a rexedora, que tamén lanzou unha reflexión sobre o efecto deste tipo de mensaxes no clima social. “Axuda algo a reducir a conflitividade pór o foco en determinados locais, en determinadas zonas ou en determinados colectivos? Ou tamén nos poderiamos preguntar: a quen beneficia o ruído e as acusacións cruzadas sobre a seguridade ou a falta dela?”, sinalou.

O PP NEGA ALARMISMO E DI QUE ESCOITA Á VECIÑANZA

Tamén este venres, o portavoz do Grupo Popular no Parlamento galego, Alberto Pazos, rexeitou que as afirmacións do PPdeG sobre a inseguridade en Santiago poidan cualificarse de alarmistas. A preguntas dos medios, sostivo que iso equivalería a “tachar de alarmistas aos veciños de Santiago”.

Pazos afirmou que as estatísticas poden recoller descensos en delitos con pouca incidencia e que iso pode influír na evolución xeral dos datos. Con todo, advertiu de que esa baixada non implica necesariamente que non existan problemas concretos en determinados barrios ou zonas da cidade.

“Podemos elixir o que facemos, se escoitar as estatísticas exclusivamente ou, como facemos nós, escoitar aos veciños e as súas demandas”, afirmou o deputado popular. Segundo engadiu, a veciñanza non busca xerar alarma, senón que se atendan os problemas que percibe no seu día a día.

O CONCELLO OFRECE ORIENTACIÓN SOCIAL TRALO INCENDIO DE CONXO

Na rolda de prensa, Sanmartín foi preguntada tamén polo incendio rexistrado esta semana nun edificio ocupado no Monte de Conxo e pola situación da familia que vivía no inmoble. A alcaldesa asegurou descoñecer se estas persoas se puxeran en contacto cos Servizos Sociais municipais para solicitar apoio ou unha alternativa habitacional.

A rexedora explicou que o Concello actúa con calquera persoa ou familia que precise axuda orientándoa e estudando se existe algún recurso dispoñible, xa sexa directamente ou en colaboración con entidades sociais. “Se é que se pode facer, por suposto que nos prestamos”, indicou.

Sanmartín lamentou o acontecido e lembrou que as situacións de ocupación se moven nun marco que, segundo apuntou, é alleo ás competencias municipais. Con todo, insistiu en que o Concello está disposto a atender as necesidades sociais que poidan xurdir tras o incendio.

ÚLTIMAS

Rueda defende unha avaliación “rigorosa” da planta de Cacheiras ante o temor veciñal: “É unha bomba absoluta”

A directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, afirmou respectar as...

Xan Duro acusa o PP de trasladar unha imaxe de Santiago “fóra de lugar” e defende que a criminalidade convencional baixou un 20%

O concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais de Santiago, Xan Duro, respondeu ás...

Dúas persoas resultan feridas tras seren atropeladas por un vehículo na rúa Rosalía de Castro

Dúas persoas resultaron feridas na mañá deste venres en Santiago de Compostela tras seren...

Xan Duro acusa o PP de trasladar unha imaxe de Santiago “fóra de lugar” e defende que a criminalidade convencional baixou un 20%

O concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais de Santiago, Xan Duro, respondeu ás...

Paula Prado afirma que o PSOE “xa non é rival” para o PP en Santiago e pide a Sanmartín medidas en limpeza e seguridade

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, asegurou este xoves que o PSOE de...

O PSOE reclama á Xunta cambios no PIA de Mallou para evitar afeccións á veciñanza

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclamou á Xunta de Galicia modificacións no Proxecto...