InicioSANTIAGOAs candidatas á reitoría da USC debaten co estudantado sobre participación, docencia,...

As candidatas á reitoría da USC debaten co estudantado sobre participación, docencia, lingua e vivenda

Subliñan o peso do voto estudantil nas eleccións do 12 de febreiro e confrontan modelos sobre participación, calidade docente, política lingüística e sistema universitario de residencias

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

A Facultade de Ciencias Políticas da USC acolleu na tarde deste xoves un debate das candidatas á reitoría da USC organizado polo Consello de Estudantado, nun acto que reuniu a alumnado presencialmente e que tamén puido seguirse en directo a través de YouTube. O encontro estivo moderado por representantes do propio Consello e estruturouse en varios bloques temáticos centrados na participación estudantil, a cultura e a lingua, a calidade da docencia, así como a vivenda e a mobilidade entre campus.

Na apertura do debate, o presidente do Consello de Estudantado, Andrés Couso Viana, salientou que o obxectivo do encontro era “que os estudantados coñezan ás candidatas” e poidan exercer “un voto informado e comprometido”, subliñando o peso específico do alumnado no proceso electoral. Dende a mesa de moderación, composta por Iria Liñares e Daniel González destacouse tamén o feito de que todas as candidaturas estivesen encabezadas por mulleres, nun contexto no que, segundo se indicou, “as mulleres seguen a escasear nos postos de poder”.

PARTICIPACIÓN ESTUDANTIL E RELACIÓN COA REPRESENTACIÓN DO ALUMNADO

No primeiro bloque, dedicado á participación e ao asociacionismo, as candidatas confrontaron as súas visións sobre o papel do Consello de Estudantado e da representación nos centros. Alba Nogueira defendeu unha concepción da participación “de abaixo arriba”, na que sexan as asociacións e o movemento estudantil quen definan os seus modelos organizativos, reclamando medidas como o sufraxio universal do estudantado nas eleccións de decanatos e unha maior visibilización das avaliacións docentes.

Dende a candidatura de Rosa Crujeiras, a responsable proposta para a área de estudantado, Lorena Añón Loureiro, apostou pola elaboración dun plan de participación estudantil baseado nun diagnóstico previo e adaptado ás realidades de cada centro, incidindo na necesidade de mellorar as canles de comunicación e de recoñecer academicamente a implicación do alumnado.

Pola súa banda, María José López Couso presentou un modelo no que o estudantado “debe ser o centro da experiencia universitaria”, cun plan plurianual de participación, maior financiamento para iniciativas culturais e deportivas e un reforzo do Consello de Estudantado como “máximo órgano de representación”.

A candidatura encabezada por Maite Flores centrou parte da súa intervención en criticar o que cualificou como enfoques “paternalistas” cara ao alumnado, defendendo que os estudantes “son persoas adultas” e deben participar en procesos de negociación reais, especialmente no ámbito das residencias universitarias.

CULTURA UNIVERSITARIA E POLÍTICA LINGÜÍSTICA

No bloque dedicado á cultura e á lingua, as candidatas coincidiron na relevancia da oferta cultural como parte da formación integral, aínda que con matices sobre o modelo a seguir. López Couso defendeu a liña desenvolvida nos últimos anos, con programación cultural estable e iniciativas como o futuro pasaporte cultural, mentres que outras candidaturas reclamaron unha maior descentralización da actividade cultural cara aos centros e aos campus.

No ámbito lingüístico, Alba Nogueira insistiu na necesidade de garantir polo menos un grupo en galego en cada materia, especialmente en ámbitos como o sanitario, subliñando o valor profesional do uso da lingua. Rosa Crujeiras puxo o foco nos dereitos lingüísticos e na discriminación positiva do galego, así como no reforzo dos servizos de normalización lingüística, tamén no campus de Lugo. Dende o equipo de Maite Flores defendeuse unha visión transversal da lingua, non restrinxida á docencia, senón estendida ao conxunto da actividade universitaria.

CALIDADE DA DOCENCIA E AVALIACIÓN DO PROFESORADO

Outro dos momentos centrais do debate foi o dedicado á calidade docente. As candidatas coincidiron en que o actual sistema de enquisas ao alumnado presenta limitacións, tanto pola baixa participación como pola escasa repercusión práctica dos resultados. María José López Couso explicou que a USC está pendente de implantar o novo modelo de avaliación docente adaptado ás directrices estatais, no que a valoración do estudantado podería alcanzar ata o 50% do peso total.

Alba Nogueira reclamou maior transparencia nos resultados das enquisas e mecanismos efectivos de seguimento, mentres que Rosa Crujeiras advertiu da necesidade de analizar as causas dos malos resultados antes de aplicar consecuencias automáticas ao profesorado. Maite Flores, pola súa banda, defendeu unha reformulación profunda das enquisas para que resulten útiles tanto para o alumnado como para o persoal docente.

VIVENDA, MOBILIDADE E SISTEMA UNIVERSITARIO DE RESIDENCIAS

No bloque final abordouse a problemática da vivenda en Santiago e o papel do Sistema Universitario de Residencias. As candidatas coincidiron en cualificar este sistema como público e esencial, aínda que diverxeron nas estratexias de futuro. Dende a candidatura de López Couso anunciouse unha partida anual específica para o mantemento das residencias e a busca de financiamento doutras administracións para mellorar as infraestruturas.

Alba Nogueira propuxo explorar vías de colaboración co Estado, a Xunta e o Consorcio de Santiago para rehabilitar edificios infrautilizados e amplialos como residencias universitarias, mentres que Rosa Crujeiras incidiu na necesidade de actuar con urxencia no mantemento para evitar novos peches. Maite Flores mostrouse crítica coa externalización de servizos e defendeu acordos estables co Concello para afrontar tanto a vivenda como a mobilidade entre campus.

ÚLTIMAS

O Goberno de Santiago activa os contactos coa segunda empresa tras a renuncia de Eulen ao contrato dos centros socioculturais

O Goberno local de Santiago de Compostela iniciou os primeiros contactos coa segunda empresa...

O CGAC inaugura a súa programación de 2026 coa exposición ‘Internalities’, chegada da Bienal de Arquitectura de Venecia

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) abriu a súa programación expositiva de 2026...

Compostela celebrará o legado de Rosalía de Castro cunha vintena de actividades na oitava edición do seu festival

Compostela acollerá os días 21 e 22 de febreiro a oitava edición do festival...

O Concello de Santiago anuncia a cesión de parcelas para vivenda pública en Castro de Abaixo

O Goberno local de Santiago de Compostela anunciou a cesión de dúas parcelas municipais...

Maite Flores denuncia unha “campaña de descrédito” tras as críticas á súa festa na Sala Capitol

A candidata a reitora da Universidade de Santiago de Compostela Maite Flores respondeu publicamente...

Rosa Crujeiras aparta a Luis Míguez da súa candidatura por comentarios “homófobos” de hai 20 anos

A candidata a reitora da USC Rosa Crujeiras anunciou este martes que o catedrático...

Investigadores da USC denuncian limitacións “ilegais” nas axudas posdoutorais da Xunta

Dous investigadores da Universidade de Santiago de Compostela acusaron á institución de "impor unilateralmente"...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here