InicioPOLÍTICAO Concello de Santiago anuncia a cesión de parcelas para vivenda pública...

O Concello de Santiago anuncia a cesión de parcelas para vivenda pública en Castro de Abaixo

O Goberno local tramitará a entrega de dous solares a Vipugal para a construción de vivendas protexidas en aluguer e avanza a súa folla de ruta sobre a xestión da auga

Publicado o

Xornal de Compostela

O Goberno local de Santiago de Compostela anunciou a cesión de dúas parcelas municipais á Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal) para a construción de vivendas en réxime de protección pública. A alcaldesa, Goretti Sanmartín, detallou en rolda de prensa que os solares están situados en Castro de Abaixo, na Avenida de Sira Alonso, e contan cunha superficie de 560 metros cadrados cada un, cunha capacidade mínima para 18 vivendas por parcela.

Segundo explicou a mandataria local, esa capacidade poderá incrementarse en función da lexislación autonómica vixente, polo que o número final de vivendas podería ser superior ao mínimo estimado. O expediente administrativo deberá someterse a exposición pública durante 15 días hábiles, contados desde o día seguinte á súa publicación no BOP. De non presentarse reclamacións, o acordo considerarase definitivo sen necesidade dunha nova aprobación plenaria.

Sanmartín puxo o foco nos incentivos fiscais asociados a esta promoción. Grazas á modificación das ordenanzas fiscais aprobada en setembro de 2025, as vivendas de promoción pública poderán acollerse, se así o solicitan, a unha bonificación do 50% do IBI durante os tres primeiros anos e do 45% nos dez anos seguintes, sempre que manteñan a titularidade pública e se destinen ao aluguer. Ademais, tamén poderán beneficiarse dunha bonificación do 95% do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO).

A alcaldesa lembrou que esta modificación fiscal, que cualificou de relevante, contou no seu momento co voto en contra do Partido Popular. Ao respecto, sinalou que “é bo saber que ás veces se vota en contra de cuestións como estas que favorecen á xente”.

No plano político-institucional, Sanmartín enmarcou a cesión destas parcelas na “colaboración lóxica entre administracións”, que considerou necesaria para abordar o problema da vivenda. Nesa mesma liña, lembrou que no pasado mes de outubro o Concello ofreceu á Xunta a posibilidade de ceder outras parcelas nas que se poderían construír arredor de 80 vivendas públicas en aluguer, proposta que, segundo indicou, foi rexeitada polo Executivo autonómico.

MODELO DE XESTIÓN DA AUGA

Por outra banda, a alcaldesa avanzou que o obxectivo do Goberno local é levar ao Pleno municipal no mes de febreiro a proposta de modelo de xestión da auga que resultou seleccionada na última reunión da Comisión da auga. Nesa sesión, PSOE e Partido Popular votaron a favor do modelo de concesión, unha iniciativa impulsada polos socialistas, mentres que BNG e Compostela Aberta amosaron o seu rexeitamento.

Neste contexto, Sanmartín reiterou que o Goberno local considera esta decisión unha “oportunidade perdida”, ao entender que a súa proposta de sociedade mixta era “moi sólida” e resultaba “máis lóxica, razoable e equilibrada”. Con todo, confirmou que o Executivo municipal levará a Pleno a proposta que obtivo máis apoios, co compromiso de escoitar as distintas posicións, mantendo “unha liña clara do que entendemos como a mellor opción para Santiago e para a sociedade empresarial”.

ÚLTIMAS

O Sindicato de Vivenda de Compostela denuncia que unha manifestante ingresou no hospital tras unha agresión policial

O Sindicato de Vivenda de Compostela denunciou que varias participantes nas mobilizacións da folga...

O PSdeG abre a campaña en Santiago cun chamamento á mobilización para o 29-N

O PSdeG iniciou en Santiago a campaña para as eleccións xerais do 29 de...

O PP abre a campaña das xerais en Santiago e Verea chama a mobilizar o partido

O Partido Popular abriu esta noite en Santiago de Compostela a campaña das eleccións...

Buscas emprego na USC? A universidade anuncia 289 prazas públicas para profesorado e persoal de administración

A renovación dos cadros de persoal das universidades públicas constitúe un dos grandes retos...

O PSdeG abre a campaña en Santiago cun chamamento á mobilización para o 29-N

O PSdeG iniciou en Santiago a campaña para as eleccións xerais do 29 de...

O PP abre a campaña das xerais en Santiago e Verea chama a mobilizar o partido

O Partido Popular abriu esta noite en Santiago de Compostela a campaña das eleccións...

Pedro Sánchez participará nun acto electoral en Santiago o mércores 18 de novembro

O presidente do Goberno e candidato do PSOE ás eleccións xerais, Pedro Sánchez, visitará...