InicioSANTIAGOMaite Flores denuncia unha “campaña de descrédito” tras as críticas á súa...

Maite Flores denuncia unha “campaña de descrédito” tras as críticas á súa festa na Sala Capitol

A candidata a reitora da USC defende a iniciativa como unha proposta do estudantado e rexeita acusacións de compra de votos e promoción do consumo de alcol

Publicado o

Xornal de Compostela

A candidata a reitora da Universidade de Santiago de Compostela Maite Flores respondeu publicamente ás críticas xeradas pola convocatoria dunha festa como peche da súa campaña electoral, prevista para o vindeiro martes na Sala Capitol. A través dunha mensaxe difundida nas redes sociais, a aspirante ao reitorado ofreceu explicacións sobre a organización do acto e rexeitou con contundencia as acusacións vertidas contra a súa candidatura.

Segundo explicou, a proposta de celebrar unha festa partiu dun grupo de estudantes, que trasladaron á candidatura a conveniencia de contar cun espazo informal de contacto directo nas últimas horas da campaña. A partir desa suxestión, indicou, o equipo puxo en marcha a iniciativa, nun contexto marcado pola escaseza de recursos económicos, que, segundo sinalou, foi compensada con creatividade e colaboracións persoais.

Na súa publicación, Flores vinculou esta polémica con críticas anteriores recibidas pola colocación de carteis electorais nun local privado, cedido por unha amizade. A candidata asegurou que foron os propios membros da candidatura quen se encargaron de colocalos e subliñou que non se mobilizaron nin estudantes nin empresas para tarefas de campaña. En contraposición, aludiu a outras prácticas electorais que, ao seu xuízo, implicaron encher de carteis muros e espazos privados que permanecían limpos, o que cualificou como unha opción “menos sustentable”.

En canto á festa, Flores precisou que a invitación inclúe unha consumición básica, limitada a auga, refresco ou cervexa, e cualificou de “bulo” as informacións que falaban da oferta de copas de maior graduación. Neste sentido, rexeitou as interpretacións que a presentan como unha acción para “comprar votos” ou fomentar o consumo de alcohol entre o estudantado.

A candidata foi máis alá e denunciou o que considera unha deriva preocupante no debate electoral, ao referirse aos ataques recibidos en redes sociais por un perfil coñecido da comunidade universitaria tras facerse eco da convocatoria. Segundo indicou, estes ataques incluíron chamamentos coordinados a deixar de seguir esa conta, feitos que, ao seu entender, entran no terreo de coartar a liberdade de expresión e opinión.

Flores concluíu que esta situación evidencia, na súa opinión, a necesidade dun cambio no modelo universitario, e reiterou a celebración do acto de peche de campaña o martes 10 na Sala Capitol, mantendo a convocatoria inicial.

ÚLTIMAS

Festas do Apóstolo 2026: Volve o espectáculo de luces con fogos artificiais e dez días de concertos

As festas do Apóstolo deron comezo este mércores co pregón do empresario e promotor...

CC.OO. mobilízase nas Cancelas contra a apertura do comercio en domingos e festivos

A federación de servizos de Comisións Obreiras concentrou este mércores a ducias de delegados diante...

O Compostela TradFest encherá de música tradicional o centro histórico durante máis de doce horas

Santiago de Compostela acollerá o vindeiro 26 de xullo a oitava edición do Compostela...

Suspenden a audiencia contra un policía urbanístico de Santiago acusado de falsificar un informe

A Audiencia Provincial da Coruña, na súa sede de Santiago de Compostela, suspendeu este...

Festas do Apóstolo 2026: Volve o espectáculo de luces con fogos artificiais e dez días de concertos

As festas do Apóstolo deron comezo este mércores co pregón do empresario e promotor...

Suspenden a audiencia contra un policía urbanístico de Santiago acusado de falsificar un informe

A Audiencia Provincial da Coruña, na súa sede de Santiago de Compostela, suspendeu este...

Abre ao tráfico o primeiro treito da prolongación da AG-59 entre Santiago e A Estrada

A prolongación da autovía AG-59, entre Santiago e A Estrada, porá este mércores, 22...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here