A catedrática de Matemáticas e candidata á reitoría da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras, mantivo este mércores un encontro cos medios de comunicación no Café Airas Nunes, en Santiago, no que se presentou como candidata. Segundo trasladou, a súa proposta aposta por unha USC que “coide das persoas e do propio”, tanto en Compostela como en Lugo, e que se consolide como universidade pública de Galicia “comprometida coa sociedade, coa lingua, co patrimonio e co país”.
A candidata definiu a súa como unha proposta de universidade feminista, inclusiva e diversa, e situou no centro un modelo de goberno baseado en “transparencia, escoita activa e rendición de contas”. En concreto, a candidatura estrutura o proxecto arredor de catro piares: innovar, avanzar, contar e coidar, que, segundo sinalou, deben orientar as políticas universitarias nos principais ámbitos da institución.
No plano académico, Crujeiras incidiu na necesidade de deseñar unha estratexia de titulacións que permita “aproveitar as capacidades” da USC e responder ás demandas sociais. “Formar ás e aos profesionais do futuro é a nosa razón de ser”, sostivo no marco da presentación do programa, vinculando esa idea ao papel da universidade nunha contorna de investigación que definiu como de referencia.
A candidatura expuxo tamén liñas de traballo en investigación, cunha aposta por reforzar grupos, centros e institutos, mellorar as estruturas de apoio ao persoal investigador e avanzar nunha estratexia de captación e retención de talento ligada a unha carreira investigadora máis estable. No encontro cos medios, Crujeiras puxo o foco na creación dunha vicerreitoría de ‘Investigación e Ciencia Aberta’, que vinculou á necesidade de aliñar a USC coa estratexia de ciencia aberta e cos compromisos asociados ás políticas de recursos humanos en investigación.
Outro dos eixos do programa é o relativo ao PTXAS. Segundo a información distribuída, a candidatura propón un Plan estratéxico de recursos humanos 2026–2032 para axustar perfís profesionais ás necesidades reais e avanzar cara a modelos de selección que valoren competencias. Entre as medidas citadas figuran a axilización dos procesos selectivos —cun prazo máximo de seis meses para executar convocatorias—, a redución da temporalidade, a planificación trianual da oferta de emprego público, programas de relevo xeracional e mentorización, a convocatoria bianual de procesos de provisión de vacantes e itinerarios de carreira horizontal para PTXAS e persoal investigador.
No ámbito dos servizos universitarios, a candidatura situou como prioridade reforzar áreas como a xestión económica e académica e o apoio á investigación, e mellorar a atención ao estudantado, con especial atención á saúde psicolóxica, ao acompañamento psicopedagóxico e á inclusión. En infraestruturas, defendeu un plan específico para a recuperación e mantemento das residencias universitarias, vinculándoo á escaseza de vivenda e á necesidade de evitar perda de prazas, así como medidas de colaboración institucional para facilitar o acceso ao alugueiro.
A proposta inclúe, ademais, unha política de lingua, cultura e patrimonio. Crujeiras defendeu que a USC debe consolidar o galego como lingua de uso habitual na institución, impulsar a divulgación e a cultura científica e poñer en valor o patrimonio histórico e cultural universitario. No encontro, presentou esta área como unha das que terían peso específico no seu organigrama, coa vicerreitoría de ‘Cultura, Lingua e Patrimonio’.
En canto á estrutura do equipo, a candidatura sinala que o equipo vicerreitoral estaría integrado por Lorena Añón Loureiro (Estudantado, Igualdade, Diversidade e Benestar), Roberto Bande Ramudo (Coordinación do Campus de Lugo), Ana Cabana Iglesia (Cultura, Lingua e Patrimonio), Pablo Durán Santomil (Economía, Infraestruturas e Sustentabilidade), Almudena Hospido Quintana (Investigación e Ciencia Aberta), Reyes Laguna Francia (Ordenación Académica e Oferta Formativa), Marcelino Maneiro Maneiro (Innovación e Transferencia do Coñecemento) e Pablo Taboada Antelo (Profesorado e Innovación Docente). A secretaría xeral correspondería a Luis Míguez Macho.
Na quenda de preguntas, Crujeiras explicou as motivacións persoais para presentarse e vinculounas á súa traxectoria no ensino público e ao papel da universidade como ascensor social. Tamén fixo referencia a retos estruturais, entre eles o relevo xeracional, a necesidade de actualizar a docencia e a importancia de mellorar o benestar e a inclusión na comunidade universitaria. Ao falar de ferramentas e cambios recentes, apuntou tamén á intelixencia artificial como un elemento que debe levar a revisar e simplificar procesos nunha institución cunha carga burocrática relevante, e citou a internacionalización como unha cuestión pendente sobre a que definiu como necesario concretar obxectivos.
Preguntada pola participación do alumnado nas eleccións, Crujeiras afirmou que, segundo conversas mantidas con representacións estudantís, unha das dificultades é que parte do estudantado non percibe a utilidade directa do proceso. Indicou que a candidatura pretende empregar canles habituais entre a mocidade, como redes sociais, e trasladou a idea de que as decisións que se adopten afectan tamén ás promocións futuras.
A candidata abordou igualmente unha cuestión relacionada cun episodio de transfobia en redes sociais cara a unha persoa da comunidade universitaria. Segundo explicou, mantiveron unha reunión co colectivo Atreve-T para coñecer a situación e insistiu en que a universidade “ten que ser un espazo seguro” e que hai comportamentos “que non son admisibles”, especialmente nunha institución que debe ser exemplo.
Sobre o contexto electoral, Crujeiras sinalou que a relación coas outras candidaturas foi cordial nos primeiros actos públicos e situou a proclamación definitiva e o inicio da campaña como fitos do calendario, indicando que o proceso aínda está nunha fase inicial. Nesa mesma liña, afirmou que a súa proposta se centra en presentar programa e equipo, e amosou disposición a escoitar á comunidade universitaria.
Na parte final do encontro, Crujeiras foi preguntada tamén por cuestións vencelladas ao ámbito das matemáticas e á oferta formativa, e fixo referencia ao impacto de criterios de número de alumnado na viabilidade de determinados estudos de posgrao, defendendo a relevancia dun itinerario formativo completo no seu centro e a dimensión investigadora da USC como elementos a ter en conta nese tipo de debates.

