InicioMOV. SOCIAISMiles de persoas maniféstanse en Santiago para denunciar os colapsos da sanidade...

Miles de persoas maniféstanse en Santiago para denunciar os colapsos da sanidade pública galega

Miles de persoas maniféstanse en Santiago de Compostela para denunciar os "continuos colapsos" da sanidade pública galega ao berro de "coa nosa saúde non se xoga".

Publicado o

Xornal de Compostela

Miles de persoas saíron este domingo ás rúas de Santiago de Compostela para denunciar os “continuos colapsos” da sanidade pública galega e reclamar un sistema sanitario público e de calidade. A mobilización, convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública, desenvolveuse nunha xornada marcada pola choiva e reuniu manifestantes chegados de distintos puntos de Galicia.

A marcha percorreu varias rúas do centro da cidade ata concluír na Praza do Obradoiro, onde se procedeu á lectura dos manifestos. Durante o percorrido, escoitáronse consignas como “coa nosa saúde non se xoga” e “queremos máis sanidade pública e de calidade”, nunha protesta centrada nas listas de espera, a situación da Atención Primaria e o funcionamento dos servizos de Urxencias.

A cabeceira da manifestación estivo integrada pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón; o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e o secretario xeral de Movemento Sumar Galicia, Paulo Carlos López, xunto a outros representantes políticos e sociais.

Durante a mobilización, Ana Pontón responsabilizou ao PP do que cualificou como “17 anos de recortes” na sanidade pública galega e acusou ao Goberno autonómico de “querer deteriorar a sanidade pública para beneficiar á privada”. A líder nacionalista exemplificou esta situación coa presenza de pacientes nos corredores dos hospitais e co tempo de espera para unha cita en Atención Primaria, que situou en “case un mes”, unha realidade que, segundo sinalou, “pon en risco” a saúde da poboación.

Pontón tamén fixo referencia aos recursos económicos, ao asegurar que mentres se produciron recortes en Atención Primaria, incrementouse o investimento na sanidade privada ata acadar 341 millóns de euros. Neste contexto, pediu ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que “rectifique” e atenda o “clamor” da cidadanía, que, segundo dixo, está “farta de colapsos en Urxencias e Atención Primaria”.

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG advertiu do que definiu como un “verdadeiro caos” no sistema sanitario galego. Gómez Besteiro afirmou que a situación non responde a problemas puntuais, senón a unha cuestión “estrutural”, e alertou do risco de que Galicia avance cara a un modelo de privatización semellante ao doutras comunidades. O líder socialista apuntou cifras como as de 360.000 persoas á espera dunha cita médica e os 12.000 nenos e nenas que deben desprazarse quilómetros para recibir atención pediátrica, ademais do colapso das Urxencias.

Desde Movemento Sumar Galicia, Paulo Carlos López reclamou a dimisión do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, ao que cualificou de “incapaz” e ao que atribuíu unha “estratexia deliberada de privatización”. Segundo expuxo, esta política situou á sanidade pública galega na “peor situación dos últimos 30 anos”. López describiu un escenario de Atención Primaria e Urxencias colapsadas e anunciou a proposta dun plan de choque, que inclúe medidas de transparencia nas listas de espera e a convocatoria urxente de mil prazas de emprego sanitario.

ÚLTIMAS

Comeza unha nova etapa de mobilidade en Compostela: ábrese o prazo para adxudicar 29 novas licenzas de taxi

A Xunta de Goberno do Concello de Santiago aprobou este luns as bases reguladoras...

‘A Santa’ de Asorey regresará a Galicia cen anos despois da súa creación

A Xunta de Galicia trasladará desde Uruguai a escultura 'A Santa', unha das obras...

Luz verde a máis de 1 millón de euros para actuacións en concellos do Camiño Francés

O Goberno galego aprobou este luns un acordo que autoriza a firma dun novo...

Reabre a vía convencional Santiago-Ourense tras extinguirse o lume en Boborás

A circulación ferroviaria interrompida entre O Carballiño e O Irixo, que afectou os trens...

CC.OO. mobilízase nas Cancelas contra a apertura do comercio en domingos e festivos

A federación de servizos de Comisións Obreiras concentrou este mércores a ducias de delegados diante...

A Asociación de Pacientes do CHUS denuncia unha demora de ata 22 meses para tratar unha lesión grave de xeonllo

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou o caso dunha muller de...

Arelas convoca unha concentración en Santiago polo Día Internacional da Visibilidade Non Binaria

A asociación Arelas anunciou a convocatoria dunha concentración en Santiago de Compostela con motivo...