InicioSANTIAGOSantiago celebra máis de 600 cacharelas e sardiñadas na noite de San...

Santiago celebra máis de 600 cacharelas e sardiñadas na noite de San Xoán

A festa estendeuse por toda a cidade con música, gastronomía, herbas meigas e fogueiras sen incidentes

Publicado o

Xornal de Compostela

A noite máis curta do ano en Santiago de Compostela volveu encherse de lume, cheiro a sardiña e música popular, nunha celebración de San Xoán que tivo un seguimento masivo en barrios e no casco histórico. Segundo datos facilitados polo Concello, autorizáronse máis de 600 cacharelas e sardiñadas, tanto en espazos públicos como privados, sen que se rexistrasen incidencias salientables segundo os servizos de emerxencia.

As prazas e rúas do centro histórico, como Salvador Parga, Pescadería Vella, 8 de Marzo, Algalia de Abaixo e Casas Reais, foron algúns dos puntos escollidos pola veciñanza para cumprir cos ritos tradicionais desta noite, entre eles o de saltar o lume para purificarse e afastar os males. A praza de Mazarelos destacou pola súa programación diúrna, que incluíu pasarrúas, obradoiros de baile e música, e actividades arredor das herbas de San Xoán, repartidas ao serán tras varias sesións informativas.

O barrio de San Pedro volveu ser un dos epicentros da festa, cunha gran afluencia de público que se achegou á praza 8 de Marzo e á Cruz de San Pedro para gozar da fogueira e das tradicionais sardiñas, organizadas pola asociación ‘A Xuntanza’. Tamén houbo actividade intensa en zonas como Sar, Vista Alegre, Conxo, Fontiñas, Pelamios e San Lourenzo, con iniciativas promovidas por colectivos veciñais que incluíron xogos para nenos, música e churrasco.

A xornada estivo marcada tamén pola intensa actividade no Mercado de Abastos, onde os postos ofreceron sardiñas frescas procedentes das lonxas de Rianxo e Ribeira, a prezos que oscilaron entre os 10 e os 12 euros por quilo, dependendo da frescura. Tamén houbo oferta de churrasco, criollos, pan de millo e herbas aromáticas, preparadas para seren postas a remollo á luz da lúa, co fin de lavar a cara pola mañá segundo a tradición.

En total, 31 celebracións tiveron lugar en espazos públicos, das cales 12 incluíron tanto cacharela como sardiñada, 12 só a parte gastronómica e 7 só fogueiras. A isto sumáronse 587 notificacións de eventos en espazos privados, que contribuíron a que Santiago vivise unha noite intensamente participada e cun ambiente festivo que se prolongou ata ben entrada a madrugada.

O dispositivo de seguridade activado polo Concello incluíu reforzos da Policía Local, Nacional e do servizo de bombeiros, que non tiveron que intervir en incidentes destacados. A previsión meteorolóxica favorable e a organización previa das entidades veciñais e hostaleiras favoreceron o desenvolvemento dun San Xoán sen contratempos, a pesar de coincidir nun luns laborable.

Con máis de 50 celebracións ao longo da fin de semana e até o sábado seguinte, a festividade de San Xoán confirma unha vez máis a súa vixencia na capital galega, combinando gastronomía, simbolismo ancestral e participación comunitaria. O debate sobre a súa consideración como festivo local volveu rexurdir, nunha cidade onde cada ano medra a implicación veciñal arredor desta data sinalada do calendario galego.

ÚLTIMAS

Un grupo de corredores completan 51 km entre Melide e Santiago para visibilizar o rexeitamento social a Altri e á mina de Touro-O Pino

Un grupo de 14 corredores de montaña percorreu este domingo os 51 quilómetros que...

Muíños advirte de que a crise dos bombeiros esixe decisións políticas inmediatas

O portavoz das edilas non adscritas no Concello de Santiago, Gonzalo Muíños, elevou este...

A Policía Nacional investiga a morte dunha muller ao caerlle enriba unha neveira no seu domicilio en Santiago

A Policía Nacional abriu unha investigación para aclarar as circunstancias da morte dunha muller...

Os Bombeiros volven alertar da situación: Santiago respondeu con 9 bombeiros ao que Toledo afrontou con 20

A situación do servizo municipal de bombeiros volveu ao centro do debate en Santiago...

O Concello continúa as reunións coa veciñanza para abordar obras e melloras en varios barrios de Santiago

O Concello de Santiago celebrou esta semana dúas novas xuntanzas cos barrios, encontros que...

A alcaldesa destaca o impulso da Casa Xohana Torres e o crecemento do asesoramento LGBTIQ+ no Consello Municipal de Igualdade

A reunión do Consello Municipal de Igualdade, presidida este venres pola alcaldesa Goretti Sanmartín,...

A USC en mans de mulleres: catro candidatas se presentan para reitoras tras a retirada de Mar Lorenzo

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) pechou este venres o prazo de presentación...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here