A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou este venres o concello de Ames para formalizar xunto ao seu alcalde, Blas García, a cesión de parcelas para 218 novos fogares, “un novo avance na política autonómica de vivenda pública”. A través da firma dun protocolo de colaboración, o Goberno galego e o Concello acordan a cesión de chan municipal para a construción destas vivendas de promoción pública, que suporán un investimento estimado da Xunta de arredor de 41 millóns de euros.
Allegue reivindicou a importancia da colaboración institucional “leal e eficaz” para dar resposta á demanda crecente de vivenda en concellos cunha poboación nova e en expansión como a de Ames. Subliñou que o acceso a unha vivenda “digna, de calidade e prezos asumibles” segue sendo unha prioridade para o Goberno galego.
Tal e como recollen nun comunicado, co acordo asinado este venres, Ames pasa a formar parte da rede de localidades que xa colaboran coa Xunta na cesión de chan para o desenvolvemento de vivenda pública. Esta rede inclúe concellos como Pontevedra, Lugo, Teo, Lalín, A Estrada ou A Coruña (nesta última, asinouse recentemente un protocolo para a construción dun centenar de vivendas).
Ademais, segundo anunciou a conselleira, están a ultimarse tamén acordos con Sanxenxo, Carballo, Narón, Vilagarcía de Arousa, San Cibrao das Viñas ou Bueu, que permitirían sumar outras 221 vivendas ás xa compartidas. En total, Galicia ten en marcha máis de 2.200 vivendas públicas en diferentes fases de execución.