InicioSANTIAGOO acusado de abusar dunha muller en Santiago nega os feitos e...

O acusado de abusar dunha muller en Santiago nega os feitos e asegura que o contacto foi consentido

A Fiscalía mantén a petición de seis anos de prisión mentres os peritos avalían efectos da medicación e os informes forenses revelan presenza de fluídos biolóxicos

Publicado o

Xornal de Compostela

O home acusado de abusar sexualmente dunha muller en Santiago de Compostela en outubro de 2021 compareceu este xoves ante a Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Compostela, para defender a súa inocencia. Na segunda e última xornada do xuízo, o procesado negou os feitos polos que está imputado e asegurou que o contacto físico coa denunciante foi “consentido”, sen que houbera relacións sexuais nin perda de consciencia por parte dela.

Segundo declarou, o encontro tivo lugar tras coñecerse ambos na aplicación Tinder. Xantaron xuntos e, posteriormente, subiron ao piso del, onde asegura que houbo “tocamentos e bicos”, pero “nunca resistencia”. Ao contrario do manifestado pola muller, o acusado negou que ela quedase adormecida pola medicación e rexeitou que a obrigase a tomar fármacos. Afirmou que non soubo das súas patoloxías psiquiátricas nin da súa necesidade de medicarse ata ben entrada a noite.

Durante a vista, o home tamén desmentiu que fixese crer á vítima que era médico, malia que o seu perfil na aplicación incluía o nome “doutor Desorde”. Xustificouno como un alcume xuvenil. A muller indicou que accedeu a quedar con el ao pensar que se trataba dun profesional sanitario, o que lle xeraba confianza debido ao seu estado de saúde mental.

A acusación sostén que o home aproveitou que a vítima quedara adormecida polo efecto dunha medicación sedante para realizar tocamentos e manter relacións sexuais, sen que ela puidese opoñerse. A versión da muller foi considerada pola Fiscalía como “persistente e coherente”, tanto na instrución como durante a vista oral. A súa avogada engadiu que a narración da súa clienta é “rica en detalles” e destacou a falta de contradicións, agás cuestións puntuais atribuíbles ao impacto emocional e ao seu estado clínico.

No xuízo tamén declararon peritos forenses, psicólogos e axentes da Policía, que ratificaron o estado de angustia e nerviosismo da muller tras os feitos. Unha profesional que a atendeu durante ano e medio sinalou a presenza de síntomas compatibles cun trauma. En canto aos efectos dos medicamentos, os expertos coincidiron en que os fármacos que ela consumía eran potentes e podían provocar episodios hipnóticos, malia que a análise de sangue revelou niveis baixos da substancia Rivotril.

Os informes toxicolóxicos tampouco detectaron presenza significativa de alcol no sangue ou ouriños da muller, en contra do que indicou o acusado, quen asegurou que ela consumira alcol en varias ocasións esa noite.

En relación coas probas biolóxicas, foron detectados fluídos no pescozo, nos xenitais e na roupa interior da vítima, feitos que o procesado atribuíu a tocamentos mutuos e consentidos.

Tanto a Fiscalía como a acusación particular solicitaron seis anos de prisión por un delito de abuso sexual, figura legal derrogada tras a entrada en vigor da chamada ‘lei de só si é si’ en 2022, pero vixente no momento dos feitos. A defensa baseou o seu argumento nas patoloxías previas da muller e nas supostas contradicións entre a súa primeira denuncia e declaracións posteriores.

O caso queda agora visto para sentenza, pendente da decisión da sección sexta da Audiencia Provincial.

ÚLTIMAS

A illa de compostaxe do CIFP de Compostela culmina con éxito a súa primeira fase de funcionamento

A illa de compostaxe do Centro Integrado de Formación Profesional de Compostela xa tratou...

O CSIC crea un laboratorio pioneiro en Santiago para estudar a relación ancestral entre humanos e plantas

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) avanza no seu proxecto 'PLANTCRAFT', que busca...

O persoal da limpeza do CHUS mobilízase contra Ilunion por vulnerar o contrato público

Decenas de traballadores do servizo de limpeza dos hospitais Clínico e Gil Casares de...

O empresario detido en Santiago está vinculado a unha rede de fraude na venda de bebidas alcohólicas

O empresario que foi detido pola Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil o...

A illa de compostaxe do CIFP de Compostela culmina con éxito a súa primeira fase de funcionamento

A illa de compostaxe do Centro Integrado de Formación Profesional de Compostela xa tratou...

O CSIC crea un laboratorio pioneiro en Santiago para estudar a relación ancestral entre humanos e plantas

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) avanza no seu proxecto 'PLANTCRAFT', que busca...

O persoal da limpeza do CHUS mobilízase contra Ilunion por vulnerar o contrato público

Decenas de traballadores do servizo de limpeza dos hospitais Clínico e Gil Casares de...