A Unidade municipal de Atención ás Migracións (UAMI) convocou para o próximo 10 de xuño unha xornada informativa sobre as novidades introducidas polo novo Regulamento de Estranxeiría, que entrou en vigor o pasado 20 de maio, malia ter sido aprobado meses antes, en novembro de 2024. A actividade desenvolverase entre as 17:00 e as 20:00 horas na sede do Cersia, en Santiago de Compostela, e contará coa participación da concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, así como de dúas avogadas especializadas en dereito migratorio.
Vanesa Ramos, do programa de protección internacional do Movemento pola Paz, e Maite Bustamante, da Asociación de Migrantes de Galicia (AMIGA), serán as encargadas de explicar os cambios legais máis relevantes, aclarar dúbidas prácticas e responder ás preocupacións das persoas migrantes ante a nova normativa. A sesión está aberta ao público e pretende achegar información clara e actualizada nun momento de especial incerteza.
O novo regulamento introduce importantes modificacións no réxime de arraigo, que pasa a subdividirse en cinco categorías: arraigo social, sociolaboral, socioformativo, de segunda oportunidade e familiar. Así mesmo, redúcese de tres a dous anos o tempo mínimo de residencia en España necesario para solicitar o arraigo e establécese unha nova autorización de residencia para familiares de cidadáns e cidadás españolas.
Un dos aspectos que está a xerar maior inquietude é a exclusión do tempo como solicitante de asilo do cómputo para o arraigo, o que afecta directamente ás persoas ás que se lles denegou a protección internacional. Neste caso, deberán agardar dous anos en situación irregular antes de poder acceder a un permiso de residencia, aínda que se aplicará de forma transitoria unha rebaixa a seis meses durante o primeiro ano de vixencia da nova norma.
Desde a UAMI salientan que estas modificacións están a provocar un incremento notable nas consultas legais recibidas nas últimas semanas. Por iso, a xornada do día 10 está pensada como un espazo de encontro e clarificación tanto para persoas migrantes como para colectivos sociais e profesionais que traballan no eido da atención á diversidade.
A actividade enmárcase na política municipal de apoio á integración, a información e os dereitos das persoas migrantes, segundo explicou a concelleira María Rozas, que pechará o acto tras as intervencións das expertas.