InicioCULTURASantiago impulsa o programa 'Compostela Convive' para fomentar a convivencia intercultural

Santiago impulsa o programa ‘Compostela Convive’ para fomentar a convivencia intercultural

As actividades comezan este sábado cunha obra de teatro sobre a migración e inclúen xornadas gastronómicas e un encontro literario

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

O Concello de Santiago presentou este martes unha nova edición do programa ‘Compostela Convive’, unha iniciativa deseñada para promover o diálogo e a convivencia intercultural na cidade. Durante os meses de xuño e xullo, a programación combinará teatro, gastronomía e literatura con actividades abertas á cidadanía e centradas na visibilización das persoas migrantes que residen en Compostela, unhas 12.000 segundo os últimos datos.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, destacou na rolda de prensa que o obxectivo do programa é “romper estereotipos e combater os discursos de odio” mediante propostas que permitan coñecer as culturas doutras orixes desde unha perspectiva próxima e creativa. “É unha obriga pública”, sinalou, “ofrecer espazos para dar a coñecer a realidade e as achegas culturais das persoas migrantes, máis alá da súa situación administrativa ou laboral”.

A primeira actividade terá lugar o sábado 21 de xuño ás 20:00 no Teatro Principal, coa representación de Es Sueño Es Vida, da compañía Teatro Sin Papeles. A peza, de carácter autobiográfico, narra a experiencia migratoria do seu protagonista, Thimbo Samb, desde Senegal ata España. A función irá seguida dun coloquio e a entrada será de balde, previa retirada de convites na Zona C e no propio teatro o día da representación.

O programa continuará no mes de xullo con tres xornadas gastronómicas na Aula Gastrocultural do Mercado de Abastos, os días 3, 10 e 17 ás 19:00, con prazas limitadas a 15 persoas e inscrición previa a través do correo compostelaconvive@gmail.com. As sesións estarán conducidas por recoñecidos profesionais: Sara Kim (cociña coreana), Tomás Rubio (gastronomía peruana) e Kike Piñeiro, que colaborará con Moussa Fall e Cissokho Sadio, estudantes de FP en Compostela, para presentar unha proposta de fusión entre a cociña galega e a senegalesa.

A última actividade será o xoves 18 de xullo ás 19:00 na libraría Numax, coa presentación do libro Hermanito, de Ibrahima Balde e Amets Arzallus, que relatan a viaxe de Balde a través do deserto e o mar. Arzallus, quen acompañou a Balde na súa chegada ao País Vasco, estará presente no coloquio, ofrecendo a súa perspectiva sobre este relato oral convertido en obra literaria. A historia foi tamén adaptada recentemente a unha montaxe musical en Londres.

Durante a presentación, Miguel Fernández, presidente da Plataforma polo Emprego, entidade organizadora en colaboración coa UAMI do Concello, puxo en valor a evolución do programa e a súa aposta por “superar a visión reducionista da migración como un problema” para recoñecer a riqueza cultural que achegan as persoas migrantes. Subliñou tamén que estas accións permiten “entender que a súa achega vai moito máis alá do traballo”, destacando exemplos como o de Samb no teatro ou os estudantes senegaleses na cociña.

O programa Compostela Convive reforza así o compromiso do goberno local coa inclusión social e a promoción dunha cidade “acolledora, diversa e libre de prexuízos”, segundo afirmou Rozas. A concelleira tamén lembrou que este venres 20 de xuño, coincidindo co Día Mundial das Persoas Refuxiadas, terá lugar un acto público na Praza do Obradoiro ás 12:30, co apoio da Coordinadora Galega de ONGDs e a lectura dun manifesto.

Compostela Convive complétase cun festival intercultural previsto para o primeiro domingo de setembro na Alameda, consolidando unha programación que busca abrir espazos de encontro, recoñecemento e participación para toda a veciñanza compostelá.

ÚLTIMAS

Festas do Apóstolo 2026: Volve o espectáculo de luces con fogos artificiais e dez días de concertos

As festas do Apóstolo deron comezo este mércores co pregón do empresario e promotor...

Santiago terá unha nova rede de buses con 16 liñas, conexións ao rural e servizo nocturno

A nova rede de autobuses de Santiago de Compostela empezará a funcionar previsiblemente este...

CC.OO. mobilízase nas Cancelas contra a apertura do comercio en domingos e festivos

A federación de servizos de Comisións Obreiras concentrou este mércores a ducias de delegados diante...

O Compostela TradFest encherá de música tradicional o centro histórico durante máis de doce horas

Santiago de Compostela acollerá o vindeiro 26 de xullo a oitava edición do Compostela...

O Compostela TradFest encherá de música tradicional o centro histórico durante máis de doce horas

Santiago de Compostela acollerá o vindeiro 26 de xullo a oitava edición do Compostela...

Ghaleb Jaber pronunciará o pregón das festas do Apóstolo

Ghaleb Jaber Ibrahim será o encargado de pronunciar o pregón das festas do Apóstolo,...

Bala leva o seu rock ao ciclo Atardecer no Gaiás este xoves

O ciclo Atardecer no Gaiás encara os seus últimos concertos do mes de xullo coa...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here