InicioCULTURAO Festival Atlántica esténdese a 27 localidades e homenaxea a Castelao cunha...

O Festival Atlántica esténdese a 27 localidades e homenaxea a Castelao cunha lectura pública en Santiago

O encontro de narración oral celebrarase do 28 de xuño ao 6 de xullo cun programa diverso que aposta pola tradición e a innovación

Publicado o

Xornal de Compostela

O Festival Atlántica, especializado na narración oral, presentou esta mañá en Santiago a súa 13ª edición, que se celebrará entre o 28 de xuño e o 6 de xullo e que acadará este ano un récord de participación: 27 sedes en Galicia e Portugal acollerán máis de 77 funcións a cargo de 60 artistas de sete países distintos. Santiago de Compostela volverá ser a sede central, cunha ampla programación repartida por centros socioculturais, rúas, espazos patrimoniais e o Panteón de Galegos Ilustres.

Na rolda de prensa participaron representantes das institucións que apoian o festival, como a concelleira de Cultura de Santiago, Míriam Louzao; o director xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo; o deputado provincial Xosé Penas, e a directora do certame, Soledad Felloza, que destacou o carácter descentralizador, inclusivo e integrador do evento: “Atlántica é un festival que non fai diferenzas entre as grandes cidades e as vilas pequenas”.

Un dos momentos máis significativos será a homenaxe a Castelao, con motivo do 75 aniversario do seu pasamento, que terá lugar o 1 de xullo no Panteón de Galegos Ilustres. Alí realizarase unha lectura pública de 75 textos do autor, coa participación de representantes sociais e persoas anónimas. O acto inclúe un paseo guiado polos espazos de Compostela vencellados ao autor rianxeiro, nunha clara reivindicación do seu papel como narrador popular e construtor de imaxinarios colectivos.

A edición deste ano incorpora tamén actividades novidosas como unha sesión de contos en plena escavación arqueolóxica no Castro das Barreiras (Vimianzo), roteiros por espazos patrimoniais como os petróglifos de Dodro ou as visitas en barco ao Ferrol ilustrado, así como propostas de narración e música en escolas, bibliotecas e aulas hospitalarias. Entre as voces convidadas figuran artistas de Galicia, Valencia, Aragón, Canarias, Zamora, Escocia, Portugal, Italia, Arxentina e Uruguai, con máis do 50% da programación protagonizada por creadores galegos.

A organización subliñou a vontade de apostar pola accesibilidade, aumentando o número de espectáculos con interpretación en lingua de signos, en liña cos obxectivos da Axenda 2030. Para iso, recortouse lixeiramente o número total de funcións pero ampliouse a súa distribución territorial e a súa inclusión social. Como explicou Felloza, “preferimos facer menos espectáculos, pero facer máis funcións inclusivas”.

Outro dos eixos centrais será a transmisión interxeracional da narración oral, coa participación de novas voces que debutarán en contextos profesionais grazas a un sistema de apadriñamento por parte de contadores e contadoras veteranas. Esta aposta pola renovación ten como obxectivo garantir o relevo xeracional e manter viva a tradición oral nun contexto de crecente urbanización e perda de conexión co mundo rural e mariñeiro.

A programación ao completo xa está dispoñible na web do festival e, como cada ano, distribuirase o Caderno de bordo, unha guía que permite seguir o ronsel do festival e explorar o territorio máis alá das datas do evento. “O Atlántica é tamén un convite a coñecer o país a través das súas historias”, concluíu Felloza. A concelleira Míriam Louzao animou á veciñanza e ás persoas visitantes a participar e agradeceu aos medios que contribúan a difundir “este mar de contos que un ano máis nos envolve”.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Intelixencia artificial, robótica e impresión 3D entran na programación dos centros socioculturais de Santiago

A rede municipal de centros socioculturais de Santiago de Compostela porá en marcha no...

O Festival Agustín Magán celebra 25 anos cunha edición récord de dez compañías en Santiago

O Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán chega este ano á súa 25ª edición...

O Museo do Pobo Galego programa en setembro encontros sobre Rafael Baltar, poesía, patrimonio téxtil e memoria do exilio

O Museo do Pobo Galego inicia setembro cunha programación que combina arquitectura, investigación, literatura,...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here