InicioSANTIAGOO pleno de Santiago aproba inicialmente a xestión de residuos para separar...

O pleno de Santiago aproba inicialmente a xestión de residuos para separar os elementos orgánicos

A nova ordenanza de residuos, coa que se actualiza unha normativa sen modificar desde 2008, pon o foco na separación dos residuos orgánicos.

Publicado o

Xornal de Compostela

O pleno do Concello de Santiago aprobou, de forma inicial, a ordenanza de xestión dos residuos de competencia municipal, cos votos a favor de BNG, Compostela Aberta e os edís expulsados polo PSdeG. Os socialistas Gumersindo Guinarte e Marta Abal ausentáronse da reunión ao non abordar o paso a non adscritos dos díscolos, mentres o PP abstívose.

O concelleiro de sustentabilidade ambiental, Xesús Domínguez, explicou que agora, a ordenanza estará a exposición pública durante o prazo dun mes e o goberno municipal pretende ter “en conta” as alegacións, coa vista posta en lograr unha “mellor xestión” dos residuos.

Unha das integrantes do PSdeG local expulsadas polo partido, Mila Castro, cualificou o documento de “bo” para actualizar a normativa, de aí o voto favorable seu e dos seus compañeiros.

Fronte a isto, o concelleiro do PP Adrián Vila criticou que “Santiago está sucio e co contrato máis caro da historia da cidade”.

Ao goberno municipal recriminoulle que “aínda non pedise desculpas” despois dunha Semana Santa na que “non houbo foi respecto no cumprimento de algo tan básico como é a limpeza das rúas”.

Pola súa banda, Castro instou ao diálogo no seo da corporación, e pediu “flexibilidade” cos veciños e traballo de “concienciación”.

“Son vostedes un meme. Necesitamos xente limpando. Esa é a realidade. Tráennos a xente para botar rifa á cidadanía ou aos turistas. Ese é o seu modelo. Agora vanlle a botar a rifa á xente porque non saben tirar o lixo”, censurou na súa quenda de réplica o popular Adrián Vila.

A ORDENANZA

A nova ordenanza de residuos, coa que se actualiza unha normativa sen modificar desde 2008, pon o foco na separación dos residuos orgánicos.

Adaptándose ás directrices que marca a Unión Europea, o “principal obxectivo” é conseguir reducir a produción de residuos, que no 2024 superou as 39.600 toneladas, segundo sinalou en rolda de prensa no seu día Xesús Domínguez.

Deste total, a fracción orgánica supón a metade en peso. O aumento do lixo atribuíuno ao aumento da poboación real, máis pernoctacións turísticas e un incremento das festas.

Nesta liña, a nova ordenanza pon o foco na xestión dos residuos coa separación “húmido-seco”, de forma que a fracción orgánica teña unha recollida específica. Este é un obxectivo que o goberno local xa persegue con medidas como a disposición de 297 colectores marróns –dirixidos a residuos orgánicos– con peche electrónico, aos que teñen acceso 3.300 familias, e de 12 illas de compostaxe comunitaria –á espera de engadir outro seis–.

Ademais, máis de 1.700 fogares contan cun sistema de compostaxe individual. Por tanto, o Concello cifra en máis de 5.000 unidades familiares as que colaboran con compostaxe na fracción orgánica ou ben no seu propio domicilio ou ben na separación para o seu tratamento na súa planta de referencia, neste caso a de Sogama.

Para cumprir con esta tarefa, a ordenanza sistematiza os criterios de funcionamento e recolle as definicións de cada tipo de residuos, as normas específicas e os dereitos e obrigacións das persoas usuarias.

FRANXAS HORARIAS

Esta nova ordenanza recolle o horario no que se deben depositar estes residuos. Desta forma, limita a recollida dos envases de vidro ao horario diúrno, de 8 da mañá ás 22,00 horas, e a da fracción ‘resto’, que só se poderá tirar das 21,00 ás 23,00 horas. Esta restrición amplíase no caso das illas ‘quita e pon’ da cidade histórica, onde se poderá realizar desde as 19,00.

Así, as fraccións orgánicas, de envases lixeiros, de papel e cartón, téxtiles e de aceites usados non teñen limitación horaria co fin de “facilitar a súa separación”.

As directrices europeas marcan a recollida separada obrigatoria de bioresiduos, téxtiles e residuos domésticos perigosos e establece o obxectivo de separación nun 55% para 2025, un 60% para 2030 e un 65% para 2035.

A ordenanza regula tamén a recollida de lixo e limpeza dos espazos públicos, que diferencia as especificidades de cada unha das zonas, pondo “nun nivel de prioridade” a cidade histórica.

ÚLTIMAS

Un grupo de corredores completan 51 km entre Melide e Santiago para visibilizar o rexeitamento social a Altri e á mina de Touro-O Pino

Un grupo de 14 corredores de montaña percorreu este domingo os 51 quilómetros que...

Muíños advirte de que a crise dos bombeiros esixe decisións políticas inmediatas

O portavoz das edilas non adscritas no Concello de Santiago, Gonzalo Muíños, elevou este...

A Policía Nacional investiga a morte dunha muller ao caerlle enriba unha neveira no seu domicilio en Santiago

A Policía Nacional abriu unha investigación para aclarar as circunstancias da morte dunha muller...

Os Bombeiros volven alertar da situación: Santiago respondeu con 9 bombeiros ao que Toledo afrontou con 20

A situación do servizo municipal de bombeiros volveu ao centro do debate en Santiago...

O Concello continúa as reunións coa veciñanza para abordar obras e melloras en varios barrios de Santiago

O Concello de Santiago celebrou esta semana dúas novas xuntanzas cos barrios, encontros que...

A alcaldesa destaca o impulso da Casa Xohana Torres e o crecemento do asesoramento LGBTIQ+ no Consello Municipal de Igualdade

A reunión do Consello Municipal de Igualdade, presidida este venres pola alcaldesa Goretti Sanmartín,...

A USC en mans de mulleres: catro candidatas se presentan para reitoras tras a retirada de Mar Lorenzo

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) pechou este venres o prazo de presentación...