O concelleiro non adscrito do Concello de Santiago, Gonzalo Muíños, cuestionou este venres a xestión do goberno municipal durante as semanas previas á entrada en funcionamento do novo contrato de transporte urbano, prevista para o 15 de decembro. O edil atribúe os problemas que están a experimentar as persoas usuarias á retirada de vehículos para a súa adaptación á nova imaxe corporativa do servizo e reclama medidas que garantan o cumprimento das frecuencias establecidas.
Muíños rexeitou as explicacións ofrecidas polo executivo de Goretti Sanmartín, que vinculou as incidencias rexistradas nos últimos días á existencia de varias avarías. O concelleiro considera que estas non xustifican os atrasos e a supresión de expedicións en itinerarios como os das liñas 5 e 6 ou a lanzadeira que conecta a cidade co aeroporto de Lavacolla.
O representante municipal incidiu na necesidade de contar con vehículos de substitución para facer fronte a este tipo de incidencias. “Sabemos que esta mesma fin de semana non houbo nin un só bus de reserva dispoñible”, asegurou.
Segundo Muíños, parte dos autobuses estarían a ser retirados da circulación para incorporar as cores que identificarán o novo servizo, unha circunstancia que, segundo denuncia, chegou a deixar condutores nas cocheiras sen vehículos cos que realizar os seus percorridos.
“Non se pode empeorar o transporte diario da veciñanza para preparar a foto do novo contrato”, manifestou o edil, que considera que os problemas actuais evidencian a falta de planificación durante o período de transición entre ambos os contratos.
INCERTEZA ANTE A ENTRADA EN FUNCIONAMENTO DO NOVO SERVIZO
A menos de tres semanas da implantación da nova rede de transporte urbano, as concelleiras non adscritas tamén cuestionan a información facilitada á cidadanía sobre os cambios que se producirán a partir do 15 de decembro.
Muíños advertiu de que tanto o persoal da empresa como as persoas usuarias continúan sen coñecer con suficiente claridade as novas liñas, frecuencias e tarifas. Neste sentido, mostrou especial preocupación pola situación das familias que recorren ao autobús para os desprazamentos escolares, ante a proximidade das vacacións de Nadal.
“Nin os traballadores nin as familias teñen información clara”, afirmou o concelleiro, que, malia recoñecer o traballo realizado polo executivo para culminar a licitación e adxudicación do contrato, considera que a súa implantación está marcada pola improvisación.
TRES PROPOSTAS PARA O PRÓXIMO PLENO MUNICIPAL
As concelleiras non adscritas trasladarán estas demandas ao próximo pleno da Corporación compostelá mediante unha proposición que recolle tres acordos orientados a mellorar a transición cara ao novo modelo de transporte público.
O primeiro deles pasa por executar as actuacións de comunicación previstas nos pregos do contrato. Entre elas figuran unha campaña publicitaria inicial dotada con 35.000 euros, a distribución de 10.000 planos da rede e horarios de peto, a renovación da información dispoñible nas paradas e nas plataformas dixitais e a apertura dunha oficina de atención á cidadanía no centro de Santiago.
A iniciativa incorpora tamén a posibilidade de habilitar persoal informador nas paradas con maior volume de persoas usuarias, co obxectivo de facilitar a adaptación aos novos itinerarios, especialmente entre a poboación de maior idade.
O segundo dos acordos reclama ao goberno municipal que esclareza as causas da supresión de frecuencias e estableza mecanismos de supervisión para impedir que os traballos de adaptación estética dos autobuses interfiran na prestación ordinaria do servizo.
Por último, a proposición solicita que se facilite aos integrantes da Corporación municipal toda a documentación relativa aos 67 autobuses que integrarán a frota de transición durante o primeiro ano do contrato. As non adscritas queren ter acceso ás matrículas, ás datas de primeira matriculación e aos informes das inspeccións técnicas municipais.
Con esta documentación pretenden comprobar que os vehículos se axustan á antigüidade media de 7,9 anos pola que a empresa adxudicataria obtivo puntuación durante o procedemento de contratación.
“Un contrato que vai durar 13 anos non pode arrincar con atrasos, opacidade e dúbidas sobre o estado real da frota”, concluíu Muíños.

