InicioECONOMÍASantiago inicia a venda forzosa dun edificio protexido en ruínas na Caramoniña

Santiago inicia a venda forzosa dun edificio protexido en ruínas na Caramoniña

O inmoble sairá a poxa pública por 66.652,32 euros máis IVE, mentres o Concello tramita actuacións sobre outros cinco edificios deteriorados da Cidade Histórica

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago iniciou os trámites para sacar a poxa pública o edificio situado no número 1 da rúa da Caramoniña, despois de que os seus propietarios incumprisen as obrigas legais de conservación. O concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás, asinou o decreto de incoación do procedemento de venda forzosa, que proximamente será publicado no Boletín Oficial do Estado (BOE).

O inmoble, que conta con protección dentro do Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica (PE-1), foi declarado en estado ruinoso en outubro de 2023. A súa incorporación ao Rexistro Municipal de Soares, formalizada o pasado 14 de setembro, abriu a vía para a súa venda mediante poxa pública.

Desde esa data, a Administración local dispón dun ano para sacar o edificio a poxa, segundo os prazos establecidos na Lei do solo de Galicia. O importe de saída será de 66.652,32 euros máis IVE, de acordo coa valoración urbanística realizada polo arquitecto municipal.

Lestegás enmarcou esta actuación na política municipal de recuperación do patrimonio arquitectónico compostelán, cuxa conservación considera “un deber do Santiago de hoxe e un dereito do Santiago de mañá”.

“O Concello de Santiago emprega e empregará todas as ferramentas legais á súa disposición para protexer a integridade patrimonial da nosa Cidade Histórica e darlle unha nova vida a espazos abandonados”, afirmou o responsable municipal de Urbanismo.

A RECUPERACIÓN RESIDENCIAL DA CARAMONIÑA

A intervención sobre este inmoble súmase aos proxectos que o Goberno local está a impulsar nesta contorna da capital galega. Entre eles figura a creación de nove vivendas municipais destinadas ao alugueiro, que se desenvolverán nunha parcela de titularidade municipal na que actualmente se atopan cinco edificios en ruínas.

A recuperación de inmobles deteriorados constitúe tamén unha das liñas de actuación do plan de medidas correctoras aprobado polo Concello o pasado 1 de xuño, tras a declaración de Santiago como zona de mercado residencial tensionado. O documento contempla a rehabilitación e o aproveitamento do parque residencial existente como vías para incrementar a oferta de vivenda na cidade.

“Aproveitar mellor o que temos é unha oportunidade para ampliar a dispoñibilidade de vivendas para vivir”, sinalou Lestegás.

Tanto a lexislación urbanística galega como a normativa autonómica en materia de patrimonio cultural establecen obrigas de mantemento para as persoas propietarias. No caso dos terreos e das edificacións, a Lei do solo de Galicia recolle, ademais dos deberes de conservación e rehabilitación, a necesidade de destinalos a usos acordes coa planificación territorial e urbanística. Pola súa banda, a Lei de patrimonio cultural de Galicia establece obrigas específicas para garantir a preservación dos bens protexidos.

Paralelamente ao expediente da Caramoniña, o departamento municipal de Urbanismo traballa na actualidade sobre outros cinco edificios en estado ruinoso da Cidade Histórica, cuxa tramitación podería derivar na súa incorporación ao Rexistro Municipal de Soares.

ÚLTIMAS

Santiago esixe a Tralusa restablecer o servizo de autobuses tras detectar seis vehículos retirados pola nova rotulación

O Concello de Santiago iniciou actuacións administrativas contra a actual concesionaria do transporte urbano,...

A Asociación de Periodistas de Santiago reclama á TVG medidas para protexer a Almudena Rodríguez de Urzáiz, vítima de violencia de xénero

A Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela (APSC) reclamou á Corporación Galega de...

Un incendio nunha vivenda da rúa dos Concheiros mobiliza os bombeiros de Santiago

Un incendio declarado na tarde deste venres nun edificio da rúa dos Concheiros obrigou a...

A USC aproba unha política de ciencia aberta para facilitar o acceso ao coñecemento científico

A USC reforzará o acceso público aos resultados da investigación desenvolvida no ámbito universitario...

Santiago modificará o planeamento de Roxos para permitir a construción de vivenda nunha parcela de uso hoteleiro

O Concello de Santiago deu luz verde á aprobación inicial dunha modificación puntual do...

Santiago adxudica a nova iluminación de Praterías

A Xunta de Goberno Local de Santiago de Compostela aprobou este luns, 23 de...

O comité de Tralusa e delegados de Aulusa denuncian “escurantismo” sobre o contrato de transporte urbano de Santiago

O novo contrato do transporte urbano de Santiago de Compostela comeza a xerar preocupación...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here