InicioPOLÍTICAVerea propón abrir os patios e instalacións deportivas de tres colexios de...

Verea propón abrir os patios e instalacións deportivas de tres colexios de Santiago as fins de semana

O líder do PP compostelán plantea un proxecto piloto con acceso gratuíto e persoal profesional, cun custo estimado de 85.000 euros anuais e cun dos centros aberto tamén en horario nocturno para a mocidade

Publicado o

Xornal de Compostela

O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, anunciou a súa proposta de poñer en marcha un programa piloto denominado ‘Patios Abertos’ para permitir o uso durante as fins de semana dos patios e instalacións deportivas de tres colexios públicos da cidade. A iniciativa, que o popular condiciona á súa chegada á Alcaldía, pretende habilitar espazos escolares fóra do horario lectivo para actividades de lecer, convivencia e deporte.

Segundo explicou Verea, a proposta parte da intención de dar máis uso a instalacións públicas que permanecen pechadas durante boa parte da fin de semana, facilitando ás familias lugares gratuítos e próximos nos que pasar o tempo. “Non se trata de abrir os colexios enteiros, senón os patios, as pistas deportivas e, nos centros nos que sexa posible, os espazos cubertos e polivalentes”, precisou. Estes últimos permitirían manter parte da actividade tamén en xornadas de choiva.

O acceso aos espazos sería libre e gratuíto e non requiriría inscrición previa, segundo o modelo presentado polo PP, que prevé tamén persoal profesional encargado de supervisar as instalacións. Xunto ao uso libre dos patios e pistas, o proxecto incluiría actividades puntuais destinadas a diferentes grupos de idade. “Queremos que unha familia poida achegarse cos seus fillos, que uns rapaces utilicen unha pista para facer deporte ou que persoas de distintas xeracións poidan compartir o espazo”, sinalou Verea.

UN DOS CENTROS ABRIRÍA TAMÉN POLA NOITE

A proposta contempla inicialmente horarios de mañá e de tarde nos tres colexios, aínda que un deles incorporaría tamén unha franxa nocturna orientada especialmente a adolescentes e xente nova. Nese caso, o recinto podería permanecer aberto ata as 01:00 en determinadas ocasións, con persoal responsable e unha programación específica para estas idades.

Verea relacionou esta parte do proxecto coa necesidade, segundo defendeu, de ampliar a oferta de ocio para a mocidade. Como exemplo, referiuse aos episodios rexistrados recentemente durante as festas de Conxo, onde se produciron incidencias relacionadas co consumo de alcohol entre menores e pelexas. “É importante que a cidade poña tamén alternativas sobre a mesa”, afirmou o portavoz popular.

O plantexamento do PP non concreta polo momento cales serían os tres colexios seleccionados. Verea indicou que a elección se realizaría tras estudar os trece centros públicos existentes na cidade e avaliar cuestións como os accesos, as características dos patios, as instalacións deportivas, os aseos, a iluminación, a limpeza, a existencia de zonas cubertas ou a proximidade ás vivendas.

A ELECCIÓN DOS COLEXIOS QUEDARÍA PARA UNHA FASE POSTERIOR

O líder popular sostivo que esa análise tería que realizarse desde o Goberno municipal e que a decisión se tomaría en coordinación cos equipos directivos, os consellos escolares, as familias e a Consellería de Educación. “Non queremos prometer sen estudar nin anunciar decisións antes de tempo. Podería ter máis impacto dicir agora cales serán os tres centros, pero sería pouco responsable facelo sen dispoñer de toda a información”, explicou.

A proposta presentada por Verea establece unha estimación inicial de 85.000 euros anuais para o funcionamento dos tres centros, aínda que o propio PP advirte de que o importe definitivo dependería dos colexios seleccionados, dos horarios de apertura, das instalacións dispoñibles e das necesidades de persoal e mantemento. A formación sinala ademais que existen experiencias de apertura de instalacións escolares fóra do horario lectivo noutras cidades españolas, que servirían como referencia para deseñar un modelo adaptado a Compostela.

Verea enmarcou ‘Patios Abertos’ na serie de propostas que o PP de Santiago está presentando nos últimos meses en ámbitos como a conciliación, os servizos ás familias e os equipamentos educativos. Entre outras iniciativas anteriores, o popular formulou medidas relacionadas coas actividades extraescolares, os comedores escolares, os campamentos ou a creación de espazos cubertos para os meses de maior chuvia.

ÚLTIMAS

A Xunta de Goberno adxudica por 1,26 millóns as obras do estadio de San Lázaro e renova a xestión das escolas infantís

A Xunta de Goberno Local de Santiago adxudicou este luns por 1.260.680,85 euros as...

Muíños reclama activar o Pacto Local de Seguridade ante as queixas veciñais e os problemas na Policía Local

O concelleiro non adscrito Gonzalo Muíños reclamou ao Goberno de Santiago a posta en...

Gemma Arenas bate o récord mundial W45 e logra o bronce no Mundial de 100 quilómetros de Ames

Ames converteuse este domingo nun dos principais escenarios do atletismo internacional coa celebración do...

Santiago reúne preto de 150 persoas na segunda edición de ‘GALIA TECH’ para abordar as aplicacións da intelixencia artificial

Santiago de Compostela acolleu a segunda edición de 'GALIA TECH', unha xornada organizada por...

A Xunta de Goberno adxudica por 1,26 millóns as obras do estadio de San Lázaro e renova a xestión das escolas infantís

A Xunta de Goberno Local de Santiago adxudicou este luns por 1.260.680,85 euros as...

Muíños reclama activar o Pacto Local de Seguridade ante as queixas veciñais e os problemas na Policía Local

O concelleiro non adscrito Gonzalo Muíños reclamou ao Goberno de Santiago a posta en...

Verea pide que Raxoi sexa un espazo de diálogo ante o conflito polos fondos de vivenda

O líder do PP de Santiago, Borja Verea, defendeu o diálogo entre administracións no...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here