O concelleiro do PSdeG en Santiago de Compostela e candidato ao Senado pola provincia da Coruña, Sindo Guinarte, concorre ás eleccións xerais integrado na candidatura de Progreso, unha fórmula electoral que reúne representantes socialistas e de Fronte Ampla co propósito de concentrar o voto da esquerda na Cámara Alta. O obxectivo, explica, é modificar a distribución de escanos que nas anteriores eleccións permitiu ao Partido Popular conseguir tres dos catro senadores elixidos pola provincia.
Guinarte, que formou parte do anterior goberno municipal compostelán, considera que a próxima lexislatura estará marcada por decisións institucionais como a renovación parcial do Tribunal Constitucional e do Consello Xeral do Poder Xudicial. Tamén sitúa entre as súas prioridades o acceso á vivenda, a mellora das comunicacións de Galicia e o desenvolvemento industrial, con especial atención ás necesidades de Santiago.
Ao longo dunha entrevista con Xornal de Compostela, o candidato socialista defende a declaración de Compostela como zona de mercado residencial tensionado, responde ás críticas sobre a tardanza das medidas estatais de vivenda e analiza os incidentes rexistrados durante a recente folga xeral.
É candidato ao Senado pola provincia da Coruña, pero nunha candidatura diferente á habitual do Partido Socialista, que leva o nome de Progreso. Por que se decidiu presentar esta candidatura conxunta?
Está claro que a división dos votos dos partidos progresistas ou dos partidos de esquerda facilita que o resultado, sobre todo no Senado, beneficie ao Partido Popular.
Nas últimas eleccións, o Partido Popular obtivo aproximadamente 40.000 votos para o Senado na provincia da Coruña. O PSOE obtivo 30.000, Sumar obtivo 13.000 e o BNG obtivo 12.000. Se sumas PSOE e Sumar, son 43.000, máis que os 40.000 do PP. Se lle sumásemos os do BNG, moito máis.
Sumando eses votos, o PSOE pode aspirar a ter tres senadores pola provincia da Coruña e deixar un ao Partido Popular, mentres que o que aconteceu hai case catro anos, nas últimas xerais, é que o PP levou tres senadores e o PSOE un. Esa é a razón de ser de que o PSOE e Fronte Ampla unan as súas forzas, para tratar de que os votos da esquerda teñan a representación que merecen en función do seu volume.
O Senado, ademais, neste mandato vai ter, á parte das súas funcións tradicionais, que tomar algunhas decisións moi importantes, como unha renovación parcial do Tribunal Constitucional e unha renovación tamén parcial do Consello Xeral do Poder Xudicial. Convén que a sensibilidade progresista estea presente nesas decisións.
Falabamos desa agrupación das esquerdas que podería quitarlle a maioría absoluta ao Partido Popular no Senado. Entendo que ese é un dos principais obxectivos.
Si. Eu estaba falando concretamente da provincia da Coruña, pero obviamente o obxectivo é que haxa unha maioría de progreso no conxunto do Estado, no Senado no seu conxunto. Nós cremos que é posible, moito máis cando dende a dereita, dende o Partido Popular e Vox, se falaba desa pretensión de chegar aos tres quintos dos votos para non ter que negociar as candidaturas para o Tribunal Constitucional e para o Consello Xeral do Poder Xudicial.
Algo que non aconteceu nunca. Nunha lexislatura anterior, nin ao PSOE nin ao PP, cando tiveron maioría, se lles ocorreu tomar unha decisión unilateral a ese respecto, sen contar cunha negociación para esas decisións.
Nesta candidatura de Progreso falta o BNG.
Nesta candidatura de Progreso falta o BNG. O BNG quere ter, obviamente, un perfil propio.
Pero todos queren ter un perfil propio. Seguro que Fronte Ampla e o Partido Socialista tamén o querían ter.
Sen dúbida, pero ten o elemento nacionalista que o fai imposible… Imposible non hai nada, pero fai moi difícil que o BNG se integre nesas candidaturas de progreso.
Aconteceu algo parecido a nivel de España con esa pretensión de Gabriel Rufián de conseguir unha candidatura das esquerdas que ao final quedou en nada. O que pasa é que os electores teñen que ser conscientes de que o voto que ten utilidade para ter representación no Senado é o voto a esa candidatura de Senado de Progreso.
Eu creo que moitos votantes do BNG tamén serán conscientes desa realidade, porque sabemos que non se vota igual nas eleccións xerais que nas eleccións autonómicas ou nas eleccións locais.
Precisamente, moitos candidatos do BNG argumentan que, se nas eleccións xerais se votase igual que nas autonómicas, terían moitísima máis representación no Congreso e o PSOE, pola contra, tería menos.
Pero poderiamos dicir ao revés. Se nas autonómicas se votase igual que nas eleccións xerais, probablemente José Ramón Gómez Besteiro sería o presidente da Xunta e lle dariamos a volta á maioría absoluta do PP.
E aínda podemos ir máis alá: se se votase igual que nas eleccións municipais nas eleccións autonómicas, tamén o resultado sería outro. Iso é facerse trampas ao solitario. A xente vota dunha maneira nas eleccións locais, doutra nas autonómicas e doutra nas xerais. E ten sentido.
Non hai ningún exemplo en todas as eleccións xerais que levamos no período democrático no que se dese ese cambio de paradigma que pasou aquí nalgunhas autonómicas, pero que tamén pasou noutras comunidades autónomas. En Cataluña tampouco votan igual nas eleccións autonómicas que nas xerais. Incluso no País Vasco, onde hai un voto nacionalista probablemente máis consolidado, tampouco se vota igual.
Volvendo ao Senado, a papeleta é bastante particular. Moita xente non sabe nin como funciona e hai persoas que nin sequera votan ao Senado. Neste caso, a candidatura presenta tres nomes, dous do Partido Socialista e un de Sumar. Que teñen que facer os electores? Deben marcar os tres?
Nós pedímoslle á xente que marque os tres nomes porque imos nunha candidatura conxunta e somos un partido leal que cumpre os seus compromisos. Comprometémonos a facer, e fixemos, candidaturas conxuntas con Fronte Ampla, co Movemento Sumar, e loxicamente o que lle pedimos á xente é que vote os tres nomes, que marque os tres nomes da candidatura, con independencia de que dous nomes sexan do PSdeG-PSOE e un nome sexa do Movemento Sumar.
Igual que estamos convencidos de que os votantes do Movemento Sumar ou de Fronte Ampla votarán tamén os tres nomes.
Existe o risco de que algún elector deixe sen marcar algún dos nomes porque se identifique máis co PSOE que con Fronte Ampla, ou ao revés?
Eu confío moito en que non. E máis nestas eleccións en concreto. Se fosen outras eleccións nas que o PSOE fose, como pasou en moitas ocasións, o partido amplisimamente maioritario, igual había xente reticente a esta coalición. Pero na situación actual na que estamos, o que se quere é, ademais de gañar as eleccións e gobernar, impedir que a extrema dereita chegue ao Goberno de España e faga políticas regresivas, políticas retrógradas, que nos leven ao século XX ou incluso antes, nalgúns casos, polas cousas que din e polas que non din.
Eu creo que neste caso non vai haber reticencias nin por parte dos votantes tradicionais do PSOE nin por parte dos votantes tradicionais de Sumar.
A VIVENDA EN SANTIAGO E AS MEDIDAS DO GOBERNO CENTRAL
Pasando ao ámbito local, vostede é concelleiro do Grupo Municipal Socialista en Santiago e tamén formou parte do anterior goberno municipal. Compostela atravesa unha situación complicada en materia de vivenda e é unha das cidades declaradas zona de mercado residencial tensionado. O Partido Popular, e concretamente Alberto Núñez Feijóo, manifestou a súa intención de eliminar esta medida. Que consecuencias podería ter?
É unha das medidas que a Lei de Vivenda do Estado permite adoptar: a declaración de zona residencial tensionada, que comporta aprobar unha serie de medidas para conter o prezo dos alugueiros.
En Santiago hai moi pouco tempo que se implementou. Polo tanto, é precipitado facer calquera valoración. Sería absolutamente aventurado dicir que conseguiu baixar os prezos ou non. Pero nalgunhas cidades si que xa temos resultados e efectivamente conseguiu baixar os prezos dos alugueiros nas zonas afectadas, que normalmente non son toda a cidade, senón un ámbito determinado.
No caso de Compostela si que é toda a cidade.
Si, eu digo normalmente, nas cidades grandes. Pero hai máis: o decreto 28/2026, xa ratificado pola Deputación Permanente do Congreso, prevé outras medidas adicionais para facilitar o alugueiro e a compra a prezos accesibles. E tamén é preocupante que o candidato do Partido Popular anunciase que se quería cargar ese real decreto lei xa ratificado pola Deputación Permanente.
Entre outras cousas, establece unha maior prórroga dos alugueiros e bonificacións que poden chegar practicamente ao 100% da renda para os pequenos propietarios. Beneficios fiscais que poden supoñer que practicamente non teñan que tributar polo que ingresan polo alugueiro, precisamente para favorecer que poñan esas vivendas no mercado.
O Partido Popular sostén que estas medidas están provocando que desaparezan vivendas do mercado do alugueiro. Comparte esa interpretación?
Iso non é verdade. En Barcelona está acreditado que funciona. Noutros lugares é verdade que leva moi pouco tempo e non se sabe se funciona. No País Vasco creo que é onde máis medidas se tomaron para favorecer que a xente poida chegar a un alugueiro accesible. E son medidas que van moito nesta dirección de favorecer o inquilino e tamén favorecer o pequeno propietario.
Porque, claro, para que haxa alugueiros ten que haber esas dúas patas. Ás veces tamén se fai un discurso absolutamente demagóxico de que non se quere que ninguén teña dúas vivendas. Se ninguén ten dúas vivendas, non pode haber alugueiros, a non ser que sexan vivendas do Estado. Non é posible, porque quen ten unha necesítaa para vivir.
Pero se tes dúas e unha a pos no mercado a prezos accesibles porque tes un seguro que che garante que a vivenda vai ser devolta nas condicións axeitadas, que o que ingreses polo alugueiro vai ter un tratamento fiscal beneficioso e que tamén hai beneficios para o inquilino, que pode obter axudas por parte do Estado para pagar ese alugueiro, é absurdo pensar que este tipo de medidas van ter un efecto negativo sobre o alugueiro. Van ter un efecto positivo. Igual non é inmediato, igual é a medio prazo, pero sen dúbida van ter un efecto positivo.
Fálase de construír vivenda. Claro, pero esperar a que se resolva o problema construíndo vivenda, que vai estar construída como moi pronto dentro de tres anos… Porque hai que ter o solo, facer o proxecto, obter a licenza, licitar a construción se é vivenda pública de promoción pública e executala. Iso non se fai en menos de tres ou catro anos. E non lle damos ningunha solución á xente que está esperando agora por un alugueiro a prezo accesible ou por unha vivenda.
Pero tamén falaba de que a declaración de zona residencial tensionada aínda non está dando resultados en Santiago.
Non digo que estea tardando en producir efectos. Digo que de momento non temos aínda datos suficientes como para avaliar os seus efectos, porque leva moi pouquiño tempo.
No decreto tamén vai, por exemplo, a posibilidade de que a xente nova poida obter un préstamo sen xuros de 50.000 euros para poñer a entrada da casa, que moitas veces é o problema. Unha parella que ten dous salarios quere comprar unha casa, pero non ten os aforros suficientes para dar unha entrada. E os bancos raramente financian máis do 80% do valor da vivenda.
Entón hai que dar unha achega inicial. Tamén iso o favorece o decreto que, inexplicablemente, non sei por que, tivo o voto en contra do Partido Popular e de Vox na Deputación Permanente do Congreso.
A FOLGA XERAL E AS DENUNCIAS DE VIOLENCIA POLICIAL
Hai poucos días vivimos unha folga xeral polo dereito á vivenda e por outras reivindicacións sociais. En Compostela, o Partido Socialista secundou a convocatoria, como fixeron outras formacións de esquerda. Porén, dende determinados sectores da dereita criticáronse duramente os piquetes e tamén houbo denuncias do Sindicato de Vivenda por actuacións policiais, tanto en Santiago como noutras cidades. Que valoración fai do sucedido?
Son moitas cousas. Intentarei dicir algo de cada unha delas. Nós apoiamos efectivamente a folga. Unha folga polo dereito á vivenda, en primeiro lugar, pero tamén unha folga por que haxa salarios dignos.
Iso depende basicamente da negociación colectiva entre sindicatos e traballadores. E tamén depende de que siga existindo de cara ao futuro un salario mínimo interprofesional que medre, porque iso tira dos salarios cara arriba. Se o salario mínimo sobe, os salarios que están próximos ou por debaixo do salario mínimo necesariamente teñen que subir.
Tense dito que esta era unha folga fomentada polo Goberno ou unha folga contra a oposición. Non. Esta non era unha folga contra a oposición. Porque en España hai un Goberno central, pero hai moitos gobernos que fan políticas. Ou a Xunta de Galicia non é o Goberno de Galicia? Ou Ayuso non preside o Goberno de Madrid? Ou Juanma Moreno non preside o Goberno de Andalucía?
Que ademais teñen competencias en vivenda, concretamente.
Exactamente. O que pasa é que se fala do Goberno como se o único goberno que existise fose o Goberno de España. Son gobernos que xestionan unha cantidade inxente de recursos e, polo tanto, é unha folga contra determinadas políticas de determinados gobernos.
Entre elas, as que teñen que ver coa vivenda, que é unha competencia exclusiva das comunidades autónomas, como é a sanidade, como é a educación ou como son os servizos sociais. Nada máis nin nada menos.
Antes de entrar a falar da violencia policial, tamén se criticou que o decreto de vivenda do Goberno central chegase demasiado tarde, practicamente ao final do mandato.
Claro que chega moi tarde. Pero hai que ir á hemeroteca e ver cantas veces este Goberno presentou medidas no Congreso dos Deputados que foron rexeitadas por unha maioría que non é progresista.
Porque hai que recoñecer que hai unha maioría de investidura dentro da que estaban algúns partidos que non son de esquerda, o PNV e Junts per Catalunya, que chegado o momento de adoptar medidas sociais, estritamente sociais, volven á súa casiña de saída e compórtanse como partidos de dereita. O PNV, que ten unha tradición máis democristiá, se se quere dicir así, e polo tanto ten unha fasquía progresista, apoiou tamén un dos decretos, o 28. Pero o partido nacionalista catalán, Junts per Catalunya, mantívose na súa posición de dereita e non o apoiou.
Iso pasou máis veces ao longo da lexislatura. Polo tanto, non saíron antes porque houbo unha resistencia de determinadas forzas políticas no Congreso dos Deputados para que fosen aprobadas.
E respecto ás denuncias por violencia policial durante a folga?
Dende o Partido Socialista, dende logo, condenamos todo tipo de violencia. A violencia que houbo por parte dalgunhas persoas contra as forzas de seguridade, persoas encapuchadas que utilizaron medios violentos, é totalmente condenable.
Tamén é certo que nas folgas os piquetes informativos están permitidos e hai xurisprudencia que así o establece.
Pero aquí houbo algúns casos nos que parece que os piquetes deixaron de ser informativos.
Iso naturalmente hai que valoralo sobre o caso concreto e sobre a situación concreta. É evidente que, en todo caso, a Policía, os corpos e forzas de seguridade do Estado, que teñen unha importantísima función, que é a preservación dos dereitos e liberdades das persoas e tamén da orde pública, teñen que levar a cabo a súa actuación cumprindo o que establece a Lei de Corpos e Forzas de Seguridade do Estado e as normas que a desenvolven.
Se hai excesos, teñen que investigarse, como teñen que investigarse en calquera outro ámbito profesional.
Cre que están habendo agora máis excesos policiais dos que había hai uns anos? Nos últimos días estamos vendo moitas imaxes de actuacións policiais violentas.
Pois ás veces dá esa sensación. Dá a sensación de que hai determinados comportamentos, que eu quero pensar que son comportamentos illados, de persoas que nun determinado operativo se exceden no seu labor, no que teñen que facer de acordo cos regulamentos que establecen como ten que ser o seu comportamento.
Son profesionais. Non poden xustificarse en que había unha tensión. Non. Son profesionais. Son profesionais que están preparados para soportar determinado grao de tensión. Polo tanto, dende o Ministerio do Interior anunciouse que se ían levar a cabo investigacións respecto a determinados feitos deste tipo denunciados. Eu naturalmente confío neses procedementos regrados internos para depurar as posibles responsabilidades, se as houbese.
GALICIA NO ESTADO: A AP-9, A INDUSTRIA E AS INFRAESTRUTURAS PENDENTES
Para rematar, gustaríame falar do papel de Galicia no conxunto do Estado, que é precisamente unha das funcións que podería desenvolver vostede no Senado. Vou poñerlle como exemplo un dos grandes asuntos pendentes, a AP-9, que acabamos de saber que vai aumentar os seus prezos de cara a 2027, pero poderiamos falar de moitos outros. Que cuestións considera prioritarias para Galicia e que se pode facer dende o Senado para resolvelas?
O Senado ten unhas competencias máis ou menos limitadas, porque sabemos que é unha Cámara de segunda lectura, pero ten competencias de control ao Goberno e competencias de iniciativa lexislativa, aínda que moi minoradas respecto ao Congreso. E, sobre todo, tamén é a Cámara de representación territorial, onde as comunidades autónomas…
Tamén intervén nos orzamentos xerais do Estado, que son fundamentais.
Si, claro, efectivamente. Entra dentro do ámbito de segunda lectura. É unha lei que ten que pasar primeiro polo Congreso e logo polo Senado.
A ver, a AP-9 é evidente que está nunha situación na que simplemente non debería estar. A prórroga que se fixou durante o Goberno de José María Aznar, regalando a concesión a Audasa ata o ano 2048, é iso, un regalo. Un regalo que fixo o Estado, o Goberno de Aznar, a unha empresa privada que segue facturando á conta desa concesión que tiña que estar xa finalizada.
Agora hai unha lei aprobada no Congreso dos Deputados que transfire a titularidade da AP-9 a Galicia. E Galicia ten que asumir esa competencia e ten que loitar para que a AP-9 deixe de ser, xa non unha autoestrada de pago, senón unha das autoestradas de pago máis caras de España. E que acaba de subir os prezos. Acaba de subir os prezos para o ano que vén.
Iso malia que, de todas formas, o Goberno do Estado está poñendo cartos enriba da mesa para que a viaxe de volta sexa gratuíta en todos os casos ou, incluso no caso das viaxes dos usuarios recorrentes, a bonificación sexa xa do 75%. É dicir, que de cada catro euros que habería que pagar só se paga un. Iso é importante.
Logo hai outras moitas cuestións nas que Galicia ten que ser esixente respecto ao Estado. Claro que o Goberno de Rueda non aceptou, por exemplo, a condonación dunha parte moi importante da débeda da Comunidade Autónoma de Galicia, algo dificilmente comprensible. Unha débeda, ademais, que os gobernos de Feijóo incrementaron de catro mil e pico millóns de euros a doce mil millóns de euros. Condonar esa débeda significa deixar de ter que devolvela e deixar de ter que pagar xuros por ela, e ter cartos, polo tanto, para gastar noutras cousas.
Pero, dende logo, os deputados e os senadores socialistas seremos esixentes co Goberno de España, sexa cal sexa a súa cor, e seremos esixentes tamén, por suposto, coa Xunta de Galicia en todo o que ten que ver coa comunidade autónoma.
Cuestións como a reindustrialización de Galicia son extraordinariamente importantes. Galicia ten que incrementar o peso da industria respecto ao conxunto do seu PIB, da súa riqueza. Porque é verdade que somos unha sociedade moi aberta, que ten un saldo comercial positivo porque temos algunhas grandes empresas, como Citroën e Inditex, pero temos que facer, ademais, que o tecido industrial se vexa favorecido. Iso require solo industrial dispoñible, que quen ten que poñelo á disposición é a Xunta de Galicia a través de Xestur.
Agora mesmo, por exemplo, en Santiago non hai unha soa parcela de solo dispoñible. Claro, así non se poden crear industrias nin empresas se non tes onde situalas.
Pero tamén están as infraestruturas, sexan ferroviarias ou de estradas. Haberá que seguir insistindo na mellora daquelas que teñen que mellorarse. A A-54 está a punto de acabarse, pero hai que loitar pola autovía Lugo-Ourense. E, obviamente, o tren a Ferrol ten que ser unha prioridade absoluta. Tamén hai que poñer en marcha un sistema de tren de proximidade que eu creo que o Eixo Atlántico necesita. Ademais de impulsar a conexión con Portugal, a conexión de alta velocidade con Portugal, que eu creo que termina de artellar esa eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Unha eurorrexión que, con boas comunicacións, ten que permitirnos ir a Porto, a Braga e a Lisboa.

